A súa descarga desde a Rede xa é posible tanto pola páxina oficial de GNU/LinEx (www.gnulinex.org) como a través dos mirror da Universidade de Estremadura, segundo informou a Junta en nota de prensa. O GNU/LinEx 2006 r3 constitúe unha nova mostra da proxección dos principios que fundamentan o Software Libre.
As novidades no apartado gráfico derívanse, sobre todo, da actualización das bibliotecas básicas de Gnome, as bibliotecas GTK, Cairo e Lib-Gnome. Ademais, incorpórase ao contorno gráfico a nova tecnoloxía vectorial que aproveita mellor os recursos do hardware, potenciada pola adopción da versión 7.1 de XORG, que proporciona, tamén, maior soporte de controladores das últimas tarxetas de NVIDIA, ATI e INTEL principalmente.
Pola súa banda, as reformas no panel de control centráronse en homoxeneizar o seu aspecto para achegalo ao característico dunha aplicación Gnome. Deste xeito, o sistema de actualización incorporou a posibilidade de descargar o plugin, co que é posible abrir arquivos en formato OOXML a través das aplicacións da suite OpenOffice para, deste xeito, romper unha posible barreira de compatibilidade con outras plataformas informáticas. Así mesmo, incorpórase a GNU/LinEx 2006 r3 a nova versión de OpenOffice, máis lixeira e rápida.
As actualizacións de seguridade de Debian, ademais, estarán dispoñibles desde o propio CD de instalación, mellórase a versión do emulador de Windows e amplíase o repositorio con todo un conxunto de ferramentas con M-Player.
