O goberno da provincia italiana de Savona, ao noroeste do país, decidiu migrar ao formato «open document» e posiblemente migrará os seus programas ofimáticos a aplicacións de código aberto, segundo declaracións publicadas o pasado luns.
O goberno provincial quere que o departamento de informática instale software que lles axude na creación e no mantemento de documentos nun formato aberto. Segundo un anuncio na páxina do goberno, esta migración debe ser considerada e preparada. A administración tamén declarou que «O goberno provincial adoptará o Software Libre, que é a mellor opción en termos de custos, de transparencia e de seguranza, ademais de non depender dun único provedor.». A decisión segue as liñas nacionais para o desenvolvemento da sociedade da información…
O comunicado tamén menciona que a provincia está actualmente a empregar Microsoft Office 2000 para crear os seus documentos e continúa explicando que esta aplicación xera documentos nun formato propietario. «Como consecuencia é prudente migrar a unha aplicación que garanta transparencia pois é máis seguro producir documentos nun formato aberto para todos»
Segundo a declaración, a migración a unha nova versión de Microsoft Office resultaría moi custosa, mentres que as alternativas de Software Libre teñen un coste cero en licenzas.
Ligazón á nova orixinal: IDABC
