Investigadores da Universidade Carnegie Mellon desenvolveron unha linguaxe de programación orientada a obxectos (POO) para crear animacións empregando modelos 3D. Déronlle en chamar Alice. Segundo os seus creadores, esta linguaxe / aplicación axudará aos estudantes de informática a aprender os conceptos das linguaxes de programación orientada a obxectos como C++ e Java.
Segundo os investigadores do Carnegie Mellon, os conceptos que normalmente se ensinan na iniciación a C++ ou Java son decisións, iteracións, recursividade, funcións e métodos, coleccións (arrays, listas…), obxectos (estado e comportamento), herencia, encapsulación, polimorfismo… Alice proporciona un contorno no que se introducen estes conceptos aos alumnos mentres modifican obxectos 3D e escriben programas para xerar animacións. Deste xeito a aprendizaxe da POO vólvese divertida ao poder centrarse nos conceptos sen despistarse en aprender a sintaxe polo momento.
Alice está dispoñible para Linux, Windows e Mac. A súa licenza permite o seu uso, modificación e distribución, sempre que se manteñan as condicións incluídas na licenza e a distribución das modificacións non leven nin inclúan o nome de Alice.
Está desenvolvida en Java polo que precisa do Java Runtime Environment para poder executarse.
Fonte: Linux.com
