A Comisión Italiana de Código Aberto, creada en maio, reuniuse por vez primeira a semana pasada. Unha das súas primeiras tarefas é realizar un informe nos vindeiros seis meses sobre como incrementar o uso deste tipo de software por parte das autoridades públicas.
A comisión foi creada polo Ministerio de Reformas e Innovación como parte do seu Departamento de Innovación e Tecnoloxías, que xa dera lugar a un comité previo de código aberto en 2003. Raffaele Meo, profesor de tecnoloxías da información na Universidade de Turín, será de novo o presidente da comisión.
Un dos obxectivos da nova comisión é determinar que aplicacións de código aberto son convenientes para as autoridades públicas e que tipos de servizos TI (Tecnoloxías da Información) as requirirán. Tamén se lle pediu ao comité que traballase nun plano para incrementar o uso gobernamental, o apoio e a integración do código aberto no sector público.
A comisión é moi importante para estabelecer as directrices. Segundo declaracións do ministerio «Debería desenvolver unha estratexia para asegurar que a avaliación e a selección de software de código aberto sexa parte de calquera decisión nos sistemas TI».
A comisión dará comezo a un foro público para reunir suxestións e ideas. Beatrice Magnolfi, subsecretaria de Política de Innovación italiana, tamén pediu á comisión que revise a lexislación existente sobre o uso público do software e que propoña actualizacións.
Flavia Marzano, un dos membros da recentemente formada comisión comentou: que agardaba «que o noso traballo leve a cambios nas normas TI. En particular, nós debemos provocar que a cidade e os gobernos locais aprecien o software de código aberto. Este tipo de software é práctico non so por razóns económicas, senón que tamén reforza as comunidades locais para o desenvolvemento de pequenas empresas TI, enriquecendo o noso país.»
Fonte:
