Google ven de anunciar a edición 2007 da súa iniciativa Summer of Code. Esta iniciativa quere incentivar a participación dos estudantes en proxectos de Software Libre ofrecéndolles bolsas por contribuír a un proxecto de software durante os meses de verán.
Dende a páxina oficial do Google Summer of Code pódese elixir calquera proxecto que poida resultar interesante, por exemplo: Ubuntu, Debian, KDE, GNOME, Python, Moodle, PHP, …
A bolsa consiste en 4500$ (USD) que é unha boa remuneración ademais da experiencia adquirida.
Google selecciona todos os anos un conxunto de proxectos de software cunha lista de tarefas específicas para que os estudantes que opten a unha bolsa elixan unha destas tarefas. Cada tarefa é dirixida por un mentor, que fará de titor do bolseiro sobre o procedemento a seguir para que o seu código vaia para adiante e poida ser integrado no proxecto.
A data límite para inscribirse é o sábado 24 de marzo.
