O director xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Ciencia e da Tecnoloxía en Estremadura (FUNDECYT), Luis Casas, o director do Centro Internacional de Referencia Linux (CIRL), Adolfo Lozano, e os presidentes das cámaras de Comercio de Badaxoz e de Cáceres, Fernando Herrera e José Jarones respectivamente, asinaron nun acto uns convenios de colaboración para potenciar tanto gnulinex como todas as aplicacións baseadas en Linux.
Neste convenio, garantirase o apoio aos diferentes ámbitos da difusión das solucións que achegan gnuLinEx, LinEx PYME 2006 e ao software libre en xeral. Proporcionaráselle ao sector empresarial de Estremadura, deste modo, soporte técnico gratuíto, nomeadamente a aquelas empresas interesadas no uso destas tecnoloxías libres.
O CIRL adquirirá o compromiso de axudar as empresas nos procesos de migración e de instalación, ademais de configuración e da busca de drivers para periféricos, preparación de manuais ou busca de solucións integrais de software libre. Con este fin creouse a plataforma: cirl.unex.es a través da cal os usuarios poderán resolver a súas dúbidas e problemas.
FUNDECYT comprometese a achegar ao CIRL a información necesaria sobre gnuLinEx, LinEx PYME 2006 e outras aplicacións de desenvolvemento propio.
As cámaras de comercio pacense e cacereña centraranse en labores de difusión do convenio e na identificación das empresas potencialmente beneficiarias del.
Segundo os participantes do convenio, este acordo abrirá a posibilidade de difundir os beneficios que o software libre achega ás empresas entre os que están o seu baixo custo, a ausencia de virus e o acceso ao código fonte, ademais de poder apoiar as PEMES na parte tecnolóxica.
José Jarones, referiuse ao acordo como «un paso máis no desenvolvemento tecnolóxico da rexión».
Ligazón á noticia orixinal:
