OSSIM (Open Source Software Image Map) é un proxecto de código aberto orientado fundamentalmente ao mundo da teledetección e o proceso de imaxes en percepción remota, así como en menor medida ao campo da fotogrametría e dos Sistemas de Información Xeográfica.
Conta cun grupo bastante activo de usuarios (incluíndo unha lista de correo) e o seu desenvolvemento empezou alá por 1996. O núcleo duro dos desenvolvedores pertence a axencias gobernamentais norteamericanas, e por iso este software é utilizado en institucións da importancia de NOAA.
A aplicación está composta dunha serie de bibliotecas desenvolvidas en C e C++ , engarzadas cunha sinxela interface gráfica (ImageLinker) e acompañadas tamén por unha serie de utilidades de liña de comando. Algunhas das capacidades máis destacadas inclúen funcións de visualización de imaxes en comparación paralela, modelos rigorosos de sensores e modelos universais de sensores (RPCs), seriedade e amplitude no tratamento de datums e proxeccións cartográficas, ortorrectificación de imaxes a partir de modelos dixitais do terreo, funcións avanzadas de mosaico e fusión de imaxes, funcións de acceso a datos vectoriais en shapefile, funcións de igualamento de histogramas e balanceo tonal entre distintas imaxes, etc.
Para descargar a última versión prema na seguinte ligazón: http://www.ossim.org/OSSIM/Downloads.html
