martes, 11 julio 2023

Balance do plan de acción 2022

Vídeo

O plan de Software Libre recolle os compromisos, obxectivos e actividades promovidas dende a administración pública para o fomento do uso de Software Libre en Galicia. Unha tarefa importante deste plan é sen dúbida o seguimento continuo das actuacións así como a análise dos resultados e obxectivos acadados, como parte da estratexia de mellora continua na definición de novas actuacións dirixidas a incrementar o uso e o coñecemento das solucións tecnolóxicas baseadas no software libre, que poidan servir de ferramenta transversal para a consecución dos obxectivos definidos na Axenda Dixital 2030.

Así pois, neste documento preséntase o balance das actuacións para o fomento do software libre desenvolvidas durante o exercicio 2022, ano no que se realizaron ata 100 actuacións dirixidas tanto á cidadanía en xeral como ao sector empresarial en particular, así como á propia administración pública. Cómpre destacar que parte destas actuacións supuxeron arredor de 24.000 horas de formación en software libre a máis de 18.800 persoas.

No ámbito do tecido empresarial galego, destacar que o GaiásTech seguiu a ser o punto de referencia que aglutinou a maioría das actividades de fomento do software libre empresarial. Gran parte da súa oferta formativa estivo relacionada con tecnoloxías libres ou metodoloxías ou tecnoloxías TIC de carácter xenérico. Incorporouse unha nova solución ao GaiásTech Cloud, que conta xa cun total de 12 solucións. Pola súa parte dende o portal mancomun.gal reforzouse a difusión de solucións TIC cunha serie de podcast sobre ferramentas libres de interese para as empresas, un artigo tecnolóxico para fomentar a elección de software libre respecto a outras solucións de dixitalización dentro do programa Kit Dixital, e a realización de entrevistas de casos de éxito de implantación de solucións de software libre en empresas.

No relativo á cidadanía en xeral, podemos destacar que durante este ano mantívose a difusión a través do portal Mancomún, con máis de 400 novas publicadas. O podcast de Mancomún consolidouse como unha nova forma de difusión, que non deixa de medrar en oíntes. Pola súa parte, grazas á colaboración cos diferentes axentes do software libre de Galicia conseguiuse a realización dun total de 97 actividades ao longo da xeografía galega, superando as realizadas no 2021 e recuperando valores previos a pandemia de COVID19, onde se viran moi reducidas por motivo das restricións sanitarias e que, combinando formatos presencias e online, chegaron a un gran número de persoas. Todas estas actividades foron de carácter gratuíto e abertas ao público xeral, relacionadas con temáticas diversas tanto no ámbito do software como do hardware libre.

Por último, pero non menos importante, destacar no ámbito da administración pública, a liberación de dun novo proxecto como software libre por parte da Xunta de Galicia; a difusión e formación en software libre para o persoal ao servizo da administración así como a evolución continua da plataforma corporativa de desenvolvemento de aplicacións na que maioritariamente se inclúen solucións libres. Este ano tamén se publicou unha nova guía de boas prácticas para liberación de contidos e software, iniciativa pioneira por parte dunha administración pública, e que tivo moi boa acollida por parte da comunidade de Software Libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal