Acaba de ser liberada a versión 2.0 da aplicación KEME-Contabilidad que permite levar contabilidades de forma autónoma, sen depender de ningún programa de facturación ou anexo. Entre as principais novidades destacamos a adaptación ao novo Plan Xeral Contable español de 2007, que entrará en vigor nos exercicios que comecen no ano 2008 (incorpóranse os estados contables e o plan para PEME aprobados polo RD-1515 de 2007).
Segundo o seu autor: «KEME-Contabilidad inclúe prestacións só presentes en aplicacións avanzadas de contabilidade tales como un editor de estados contables de libre configuración no que poderemos empregar magnitudes referentes a saldos medios de contas, saldos iniciais, do período, etc.. A posibilidade de confeccionar asentos automáticos permite simplificar as tarefas de rexistrar información contable repetitiva ou de certa complexidade. A isto se lle suma unha serie de características que abarcan aspectos fiscais (libros oficiais e liquidacións do IVA, axustes en amortizacións,…) e utilidades para procesar a información contable…»
Na web oficial comentan que a aplicación reescribiuse por completo utilizando as novas librerías Q4 que abrirán novas posibilidades de desenvolvemento e permitirá as achegas ao proxecto por parte da comunidade de Software Libre.
Na seguinte ligazón atópanse dispoñibles capturas de pantalla da aplicación:
http://keme.sourceforge.net/pantallas.html
Podes atopar máis información sobre esta nova versión na seguinte ligazón:
Notas da versión 2.0
