Hoxe presentouse oficialmente o Xuventude Galiza Net 2008, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude dependente da Vicepresidencia, e que reunirá a mediados do mes de marzo en Compostela a máis de 1.500 mozos. O director xeral de Xuventude, Rubén Cela destacou o tirón desta novena edición do evento, para o que as inscricións se cubriron en menos de 28 segundos e cuxo portal de Internet ten recibido máis de 50.000 visitas.
Unha das principais novidades deste ano é o potenciamento do Software Libre. A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información a través de mancomun.org vai colaborar coa Dirección Xeral de Xuventude na coordinación e organización de todas estas actividades de difusión do Software Libre. Así, mancomun.org estará presente cun stand na extranet da XGN ao que convidou ás Asociacións de Usuarios de Linux de Galiza dende onde se difundirá o SwL entre os todos os asistentes ao evento.
Ademais haberá relatorios de SwL entre os que xa temos confirmada a participación de AGASOL cun relatorio sobre emprego e SwL, e estanse artellando outros organizados polas distintas Asociacións de Usuarios de Linux de Galiza. Organizaranse tamén obradoiros e concursos relacionados co SwL. Todo isto irase publicando no programa de XGN08 segundo se vaian confirmando.
A organización do evento repartirá unha memoria USB a cada un dos 1.500 participantes, que inclúe un sistema operativo Linux en galego, o OpenOffice.org e outras utilidades…
