Xa se pode descargar a nova versión do corrector ortográfico de galego para o OpenOffice.org. Esta nova versión é a 2.0 e inclúe un montón de melloras, entre elas cabe destacar:
- Mellora drástica da velocidade de carga e de corrección, mediante o uso de características exclusivas do formato Hunspell de OpenOffice.org.
- Corrixe máis palabras.
- Revisáronse todos os erros detectados da primeira versión.
- Ocupa a metade de espazo que a versión anterior sen reducir contidos.
O resultado como comprobaredes, é un corrector moi optimizado e que xa se pode descargar tanto desde a nosa páxina web, na sección de «Software Libre en Galego -> OpenOffice.org«, como desde os repositorios oficiais de OpenOffice.org, usando a opción do menú «Ficheiro -> Asistentes -> Instalar novos dicionarios». As instrucións de instalación atópanse no Wiki e máis na páxina de descargas do OpenOffice.org.
Como sempre, poderedes enviarnos os erros que detectedes á páxina de discusión do corrector no noso Wiki, ou nos foros desta mesma web.
