- Este ano volve celebrarse o Flisol na data habitual, o terceiro sábado de abril.
- Contará con sede en Oviedo e Tenerife.
FLISoL

O FLISoL é Festival Latinoamericano de Instalación de Software Libre, trátase do evento de difusión de Software Libre máis grande en Latinoamérica que conta con diversas localidades como sedes simultáneas e está dirixido a todo tipo de público: estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos, entusiastas e mesmo persoas que non posúen moito coñecemento informático.
A asistencia ao encontro é gratuíta e o seu principal obxectivo é promover o uso do software libre, dando a coñecer ao público en xeral a súa filosofía, alcances, avances e desenvolvemento.
Flisol en España
Dende o ano 2009 tamén se celebra o FLISoL en España, onde houbo algunha vez que se celebrou tamén na Coruña, como no ano pasado en formato en liña e no 2019 con formato presencial. Na edición de 2021 contará con dúas sedes, a de Oviedo e a de Tenerife.
Tenerife

A edición de Tenerife será en liña e haberá charlas dende as 9:00 ata as 14:00 horas (horario canario) en dúas salas de BigBlueButton paralelas, así como as sesións de apertura e peche e unha mesa redonda na que se reflexionará sobre o software libre.
Oviedo
Mentres que a FLISoL de Oviedo será presencial e terá lugar en El Olivar, na Calle Oscura de Oviedo, onde haberá unha charla-debate de introdución ao software libre seguido dunha toma de contacto dos participantes co uso de sistemas operativos libres e a posibilidade de instalalos coa axuda dos organizadores.
Dende a organización aconsellan seguir as redes sociais do evento para máis información sobre o mesmo.
