A Aula CeMIT do Concello de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.
O día 8 de febreiro esta aula dará comezo ao curso telemático de “Deseño vectorial con Inkscape”, de luns a xoves ata o 18 de febreiro, de 17.30 a 18.30 horas.
Inkscape

Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS). Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.
O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG. Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte para varios idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.
Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas. As últimas versións inclúen unha interface de usuario actualizada, presenta unha mellor compatibilidade con pantallas 4K/HiDPI e agora ten compatibilidade con temas. Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.
O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.
Neste curso explicaranse as bases para facer toda clase de traballos de deseño vectorial, como carteis ou logotipos.
Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase dun ordenador co software necesario, conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Este curso mestura sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.
Para inscribirse na actividade será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal
