O Concello de Barcelona inviste 340.000 euros en ferramentas de software libre para evitar a “recoleccións masivas de datos do alumnado”.
Xnet e un grupo de familias promotoras, no marco do seu Plan de Dixitalización Democrática da Educación, presentan en rolda de prensa no Concello de Barcelona a primeira versión da infraestrutura educativa dixital DD.
Simona Levi (Xnet) xunto a Alberto Larraz (IsardVDI) presentaron as ferramentas nunha formación dirixida a persoal docente.

As ferramentas pretenden ser unha alternativa ás opcións de procesamento de textos, xestión de aulas e videoconferencias de xigantes informáticos como Google e Microsoft. A tenente de alcaldía de Axenda 2030 e Transición Dixital, Laia Bonet, expresou este mércores que o Consistorio quere evitar “recoleccións masivas de datos do alumnado” por parte dunhas empresas que “dominan o mercado” en forma de “oligopolio”.
O investimento para a primeira versión da suite de ferramentas, chamada Dixitalización Democrática (DD), foi de 140.000 euros e xa a implantaron en tres centros. O Concello destinará outros 200.000 euros ata 2023 para estendela a outras escolas, institutos, bibliotecas e centros cívicos.
Xnet leva desde 2019 alertando da “opacidade” no tratamento dos datos de menores, aloxados na nube, e na “publicidade” de marca que as corporacións fan nos centros, cunha base potencial de futuros consumidores.

DD está desenvolta a partir de ferramentas de software libre, auditable e de código aberto, como Moodle, Nextcloud, WordPress, Big Blue Button, Etherpad, Onlyoffice e Keycloak, tecnoloxías amplamente consolidadas que á súa vez son referencia internacional. Inclúe correo electrónico e outras ferramentas de comunicación interpersoal como chat velando pola inviolabilidade das comunicacións.
Deposítase nun repositorio de GitLab, para devolver á cidadanía de forma aberta e transparente o que foi desenvolto co seu diñeiro e para que o seu código sexa mellorado e enriquecido pola comunidade. É un paquete, por tanto, que segue o principio de public money, public code, segundo o cal o software desenvolvido para o ámbito público e financiado publicamente debe poñerse ao dispor de todos.
A mestra Mireia Gómez, explica que DD está en marcha desde setembro:
“A adaptación dos alumnos durou 15 días, a aparencia é bastante similar ao que xa coñecían e eles non teñen prexuízos”
