O 12 de febreiro en Amigus Labs, na Praza do Hospital 14 de As Pontes, terá lugar o obradoiro sobre “Sensores CO2 maker para combatir a pandemia COVID-19”.
Neste obradoiro abordarase o proxecto de deseño e creación de aparatos de fabricación propia para medir a concentración de CO2 e medir o nivel de ventilación dun espacio. Con esta medida indirecta podemos determinar o risco de contaxio en caso de compartilo con persoas infectadas: unha ventilación suficiente reduce de forma dramática o risco (menos do 1%).

Traballaranse diversos aspectos, dende unha pequena parte teórica e técnica, ate o uso práctico dos propios sensores empregando Arduino/ESP-8266. Falarase tamén do sentido e valor da autofabricación fronte a produtos comerciais.
O obxectivo do obradoiro é adquirir os coñecementos necesarios para poder abordar despois a creación dun aparello propio e saber como empregalo.
A idade recomendada é maiores de 15 anos. O curso é gratuíto, as inscricións formalizaranse por orde de rexistro en amiguslabs.org. Esta é unha actividade patrocinada pola Xunta de Galicia.
