Mancomún

Publicada a Guía de recursos de software libre para mulleres emprendedoras do rural

lunes, 27 octubre 2025
Publicada a Guía de recursos de software libre para mulleres emprendedoras do rural

A publicación busca fomentar o empoderamento dixital das mulleres, impulsar a innovación e promover o uso de tecnoloxías abertas como motor de desenvolvemento económico e social

Ofrece solucións prácticas para as emprendedoras, desde a xestión de proxectos e comunicación ata o comercio electrónico e a creación de contido

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía os recursos dispoñibles no portal Mancomún.gal coa publicación da nova Guía de recursos de software libre para mulleres emprendedoras do rural. O documento recolle aplicacións, plataformas e servizos baseados en tecnoloxías abertas pensados para facilitar o emprendemento feminino no medio rural.

Esta guía nace co obxectivo de contribuír á redución da fenda dixital de xénero e territorial, ofrecendo solucións prácticas para o día a día das emprendedoras, desde a xestión de proxectos e comunicación ata o comercio electrónico e a creación de contido. O documento forma parte do Plan de Software Libre da Amtega e reforza o compromiso da Xunta de Galicia co fomento da igualdade de oportunidades no acceso á tecnoloxía.

A súa elaboración foi posible grazas á colaboración da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), coa que a Amtega mantivo diferentes encontros e sesións de traballo co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas das mulleres do rural respecto ao uso da tecnoloxía. Froito desta colaboración xorde unha guía adaptada á realidade do emprendemento feminino rural galego, que recolle tanto as demandas detectadas como as posibles solucións baseadas en software libre.

Un documento práctico e sinxelo

A guía está redactada cunha linguaxe amena e sinxela, pensada para facilitar a comprensión de conceptos tecnolóxicos e achegar o software libre a persoas con distintos niveis de experiencia dixital. Inclúe exemplos cotiáns, recomendacións prácticas e casos de uso reais que ilustran como as ferramentas abertas poden ser útiles no día a día dun proxecto emprendedor no rural.

Está estruturada en diferentes áreas temáticas que abranguen todo o ciclo de vida dun proxecto emprendedor. Entre os contidos máis destacados inclúense:

  • A selección de ferramentas de software libre para a xestión administrativa, financeira e de comunicación das empresas.
  • Solucións abertas para o deseño gráfico, a creación de contidos dixitais e a promoción de produtos e servizos a través da web e redes sociais.
  • Recursos formativos e comunidades de apoio que favorecen a aprendizaxe e a colaboración entre mulleres emprendedoras.

A guía está dispoñible en liña de forma gratuíta a través do portal Mancomún.gal, permitindo que calquera persoa interesada poida descargar o documento e explorar as súas recomendacións e recursos.

Plan Anual de Software Libre

Esta guía forma parte das accións previstas dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, que busca consolidar a transformación dixital na comunidade galega. Concretamente forman parte do Plan de acción en materia de Software Libre. A Xunta de Galicia, a través da Amtega, segue a traballar no desenvolvemento de iniciativas que promovan un ecosistema dixital inclusivo, sustentable e innovador.

Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade. 

Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal