Linspire acaba de sacar un novo xestor de paquetes chamado Opium, (Optimal Package Install/Uninstall Manager) que ten como obxectivo solventar todas as dificultades á hora de instalar un paquete, como por exemplo dependencias sen resolver, ademais de buscar a mellor solución para o usuario como por exemplo, descargar o ficheiro menos voluminoso desde Internet.
O equipo de desenvolvemento de Opium afirma ter feito unha proba de rendemento comparativo co apt-get de Debian cun total de 600 descargas de paquetes e, de media, Opium obtivo un mellor rendemento.
Seguindo coa exposición dun dos principais técnicos implicados no proxecto, segundo os responsables de Opium, apt-get sofre dun problema que fai que ás veces non proporcione ao usuario unha solución de instalación dun determinado paquete polo fallo na resolución de dependencias. En Opium buscouse que se existe unha solución instalable, o software a atope.
Opium foi presentado na pasada ICSE’07, a Conferencia Internacional de Enxeñaría do Software, e naceu coma unha iniciativa no marco de Linspire para estender o seu sistema de instalación de software CNR a outras distribucións.
Fonte: Noticiasdot.com
