O directorio de PEME de Software Libre de Galiza xa conta con máis de 30 empresas rexistradas. Cada vez son máis as compañías que ofrecen produtos e servizos de software libre aos seus clientes e a súa actividade é un piar fundamental para o desenvolvemento e mantemento da tecnoloxía aberta.
Dende a concepción do proxecto Mancomun.org considerouse como imprescindible a constitución dunha masa crítica de empresas que poidan ofrecer ás PEME e á administración unha oferta sólida e permanente de solucións de Software Libre. O obxectivo do directorio é que os clientes poidan localizar no mercado galego as mellores solucións baixo estándares abertos.
A inscrición neste directorio está aberta a calquera empresa TIC que ofreza servizos ou produtos ao redor do Software Libre. Unha vez solicitada a alta o equipo do portal fai un seguimento para ver se cumpre as condicións requiridas.
Este directorio recolle a empresas adicadas a algunha destas cinco actividades:
- Desenvolvemento/adaptación de Software Libre
- Soporte técnico en Software Libre
- Consultoría en Software Libre
- Formación en Software Libre
- Implantación de Software Libre
As empresas interesadas en participar deben cubrir este formulario. É necesario que indiquen que produtos e servizos específicos ofertan.
