A Comisión de Administracións Públicas do Congreso aprobou o proxecto de Lei para o acceso electrónico ás administracións. Entre as novidades introducidas por esta lei está a garantía do acceso ás administracións públicas a través de Software Libre. Agora o proxecto de lei pasará ao Senado antes da súa aprobación no Congreso dos Deputados. Todos os partidos excepto PP, que votou na contra dalgúns aspectos relacionados cos estándares libres, e CIU, pola parte relativa ás competencias autonómicas, votaron a favor da aprobación deste proxecto.
A futura lei prevé que as tres administracións teñan que garantir a interoperabilidade entre os sistemas que manexen, de modo que as xestións que se fagan nun ámbito sexan comprensibles e válidas noutro. Con esta fin crearase un Esquema Nacional de Interoperabilidade. Ademais, a futura lei incluirá unha definición do estándar aberto, algo que, no conxunto da lexislación europea, só Francia ten feito, e creará a figura do Defensor do Usuario da Administración Electrónica que vixilará polo cumprimento dos dereito que a lei recoñece aos cidadáns.
A deputada socialista Lourdes Muñoz explicou que co uso de estándares libres preténdese que non haxa discriminación cara o usuario que elixa Software Libre e así evitar os monopolios das principais compañías informáticas. As administracións utilizarán estándares libres e, cando non lles sexa posible, terán sistemas que os cidadáns usen de forma xeralizada, para evitar impoñer ao usuario un determinado programa.
Isaura Navarro de IU, Francisco Rodríguez do BNG e Luis Ayllón de ERC celebraron as enmendas que amplían significativamente a lei e que supoñen unha clara aposta polos estándares abertos e Software Libre. O deputado do PP José Ignacio Echániz, que afirmou estar a favor dos principais aspectos da lei, amosou as súas reticencias aos estándares libres, por entender que o texto «esquece ás empresas» deste sector.
Fonte: La Flecha /EFE
