O Grupo de Traballo de Multimedia Sincronizada (SYMM) publicou a Candidata a Recomendación da Linguaxe de Integración de Multimedia Sincronizada (SMIL 3.0), unha linguaxe baseada en XML que permite aos autores crear presentacións multimedia interactivas. Usando SMIL 3.0, un autor pode describir o comportamento temporal dunha presentación multimedia, asociar hiperligazóns con obxectos multimedia e describir o formato da presentación nunha pantalla. O Grupo de Traballo está construíndo un conxunto de probas que axuda a asegurar implementacións interoperables.
Polo momento é posible ir facendo probas con X-Smiles, un navegador implementado en Java que permite visualizar os ficheiros de SMIL 2.0. X-Smiles pode empregarse tanto en computadores de escritorio como en dispositivos de rede embebidos. A principal vantaxe do navegador X-Smiles é que ofrece soporte para varias especificacións relacionadas co XML.
