Eganet, asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías, vén de celebrar coma todos os anos a gala de entrega dos seus premios destinados a recoñecer as iniciativas máis interesantes e dinámicas no eido das tecnoloxías da información na nosa comunidade. Mancomun.org resultou premiado coma mellor iniciativa de Software Libre.
O equipo de Mancomun.org agradece publicamente a concesión deste premio e quere facelo extensivo aos outros dous finalistas polo seu excelente traballo: a empresa Imaxin Software polo seu Opentrad e, especialmente dado o mérito e calidade do seu labor, ao I.E.S. Chan do Monte e ao responsable técnico do seu proxecto Manuel Morán.
Mancomun.org quere tamén facer partícipe deste galardón ao
movemento asociativo a prol do Software Libre pola súa importante actividade de difusión, aos
docentes que loitan a diario por introducir o Software Libre nas aulas, ás persoas que desde a
Consellería de Innovación en particular e na administración en xeral apostan polo Software Libre coma unha solución de presente e futuro para os cidadáns, ás
empresas que en Galicia están a crear riqueza e emprego a través do código aberto e, en definitiva, a todas aquelas persoas que traballaron e traballan de maneira xorda e non o suficientemente recoñecida por un modelo tecnolóxico mellor. Eles son a comunidade do Software libre e os verdadeiros gañadores.