A Consellería de Innovación vén de realizar unha iniciativa dirixido a detectar as necesidades básicas no ámbito das novas tecnoloxías nas PEME nun intento por achegar o Software Libre coma unha proposta útil para o desenvolvemento da súa actividade económica. Escolleuse a área de Betanzos para levar a cabo este proxecto piloto. O informe do proxecto está dispoñible en descargas.
Para levar a cabo o proxecto contactouse con entidades colaboradoras e empresas, obradoiros de Software Libre e fixéronse actividades de sensibilización do uso do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación.
Algunhas das conclusións máis salientables desta experiencia son a necesidade de achegar ás empresas aplicacións multiplataforma para facilitar a migración, a gran aceptación de OpenOffice.org, a importante dependencia que ten a PEME dos provedores de software de xestión empresarial ou a necesidade de crear espazos de intercambio de coñecemento tecnolóxico entre as empresas.
As conclusións da experiencia tamén se fan eco da necesidade de difundir o Software Libre entre a PEME xa que a gran maioría descoñece a súa existencia e podería supoñer un nicho para a creación de valor e emprego en Galicia ademais dun vehículo para a difusión da lingua galega.
