Mancomun.org, coma Observatorio do Software Libre en Galicia, acaba de publicar O Software Libre nas entidades de Galiza que analiza o emprego do código aberto na PEME, empresas informáticas, concellos e centros de ensino non universitario. O documento está dispoñible na sección de descargas.
O estudo indica que o Software Libre estase a desenvolver de xeito desigual segundo os diferentes ámbitos. Nas empresas informáticas o uso é maior (48%), seguido por concellos (32%), centros de ensino (20%) e a PEME non tecnolóxica (10%). Goza dunha imaxe excelente e a principal razón para non usalo é o descoñecemento. Ademais faise evidente a necesidade de actividades de difusión e formación en todos os sectores estudados.
