Unha nova extensión de recente creación permite empregar Traducíndote desde OpenOffice.org. TraducíndoteTools é unha modificación da extensión WriterTools que permite, entre outras funcionalidades, traducir do galego ao español e á inversa desde os diversos programas ofimáticos de OpenOffice.org. Ademais o proxecto Traducíndote incorpora a posibilidade de traducir directamente dos documentos de Excel e Power Point. Traducíndote é un proxecto que permite a adaptación de documentos aos diferentes idiomas do estado ademais de ao inglés e ao portugués baseándose na tecnoloxía Apertium.
No blogue do proxecto infórmase das diferentes novidades relacionadas co proxecto. Traducíndote permite cambiar de idioma entre galego-español, catalán-español, portugués-español e catalán-inglés. Outra destas novidades recentemente anunciada foi a adaptación do FCKeditor, editor en liña GPL, para traducir o contido da caixa de texto.
Traducíndote é un proxecto levado a cabo por Óscar Hermida, antigo alumno do I.E.S Chan do Monte, e liberado na Forxa.
