GIS de escritorio, comparativa e alternativas

Venres, 23 Marzo 2018
GIS de escritorio, comparativa e alternativas

gvSIG e QGIS, os programas libres hexemónicos no mundo dos sistemas de información xeográfica.

Aínda que existe máis software SIX no mundo do software libre, os dous grandes proxectos que se gañaron practicamente todo o mercado son gvSIG e QGIS. Ambos teñen unha comunidade bastante grande e activa que fixeron e fan evolucionar estes dous proxectos, cabe destacar como diferencia entre as dúas aplicacións que gvSIG naceu grazas á Generalitat Valenciana que iniciou o proxecto en 2004 mentres que QGIS naceu grazas a unha persoa (Gary Sherman), que iniciou o proxecto en 2002 e posteriormente pasou á incubadora de OSGeo. Eses foron os inicios dos dous proxectos e na actualidade ambos están rexidos pola comunidade contando ambos con diversas empresas e entidades que colaboran co seu desenvolvemento de forma activa.

Debido ás súas orixes e a estar en español dende o primeiro momento o gvSIG ten unha maior presenza en lugares de fala hispana, mentres que QGIS tivo maior impacto na comunidade de fala inglesa. Sen embargo, actualmente, tanto gvSIG como QGIS están ambos traducidos ao galego e ao castelán, aínda que segue a notarse isto e existe bastante documentación e material de aprendizaxe en castelán para gvSIG, mentres que para QGIS seguen a predominar este material en inglés.

Sobre á súa interface gráfica, gvSIG ten unha interface máis particular e propia mentres que QGIS ten unha interface e navegabilidade máis similar a outros programas do estilo e ten unha maior integración nos escritorios para GNU/Linux ademais de que en QGIS tamén se poidan personalizar os menús. Se falamos sobre as plataformas soportadas, GNU/Linux, Windows e MAC OS X son os sistemas operativos de escritorio que soportan ambos programas, QGIS adicionalmente tamén soporta FreeBSD. En canto á licenza, ambos están liberados con licenzas GPL. O gvSIG emprega a versión 3 desta licenza, mentres que QGIS ten a versión 2 da GPL.

Se falamos das funcionalidades, practicamente todo o que se pode facer con un tamén se pode facer co outro, pero en algúns casos se realizan de forma distintas, con outro nome, en menús distintos, etc.
Algunhas das funcionalidades que se poden desfrutar con calquera dos dous programas son a visualización e superposición de datos xeográficos tanto en formato vectorial coma en imaxe en diversas proxeccións, permitindo acceder a datos, tanto de ficheiros en local coma accedendo a fatos remotos de fontes de datos estándares da OGC coma accedendo directamente a unha base de datos espacial. Creación, edición e xestión de datos xeográficos con diversas ferramentas, tanto simples coma outra ferramentas que implican procesamento espacial como por exemplo GRASS ou GDAL. Composición de mapas empregando interfaces gráficas.
Se pensas que as funcionalidades que existen en ambos programas non son suficientes e tes necesidades especiais, en ambos proxectos se soportan engadidos ou plugins, polo que son facilmente extensibles. Neste sentido, destaca QGIS cos máis de 800 complementos que conta no seu repositorio oficial de complementos fronte os máis de 100 que existen para gvSIG.

Se falamos sobre o funcionamento en si do proxecto. gvSIG, ademais de ser o proxecto, tamén é unha asociación na que participan empresas e profesionais que ofrecen servizos e solucións como o de soporte e consultoría, e que a maiores de ofrecer estes servizos aos seus clientes tamén realizan achegas ao desenvolvemento do proxecto, estas contribucións son fonte fundamental de colaboracións a gvSIG. Mentres que en QGIS, aínda que existe tamén unha asociación que rexe o proxecto, a participación nesta é máis ben de xente da comunidade de desenvolvedores e colaboradores do proxecto dos distintos grupos locais que hai espallados por todo o mundo, que a maiores de ter o poder de votación no proxecto poden optar a ter recursos para financiar certos desenvolvementos interesantes para o entorno no que están. As contribucións a QGIS son máis numerosas as da comunidade en si que as das empresas que ofrecen solucións baseadas en QGIS, aínda que estas tamén son importantes e de feito tamén teñen na web un lista de empresas que ofrecen soporte de QGIS.

Tanto dende gvSIG como dende QGIS buscan seguir involucrando posibles colaboradores para os seus proxectos. Unha boa forma de comezar a involucrarse é participar nas listas de correo. Podes ver as listas de correo de gvSIG que hai dende aquí, e as de QGIS están dispoñibles aquí, que están en inglés, aínda que existe unha non oficial en castelán aquí, sobre isto cabe destacar que debido ao seu orixe en gvSIG hai unha lista en español e outra en inglés, aínda que a que posúe maior tráfico é a de fala hispana. Todas estas listas de correo, non só serven para involucrarse nos proxectos, senón que tamén serven para pedir axuda e consello sobre problemas que se teñan co uso destes programas.

No ecosistema galego, debido á súa orixe española, é gvSIG o que ten unha maior presenza. Unha boa mostra desa presenza é que existen varias empresas que son colaboradoras da asociación gvSIG (Avansig, Enxenio, iCarto e Sixtema), relacionado con esta pertenza de empresas galegas, en Mancomún publicamos previamente unha entrevista a Avansig e iCarto na que se abordaban preguntas relacionadas sobre gvSIG e software libre. Aínda que ata o momento QGIS non ten un peso moi grande no entorno galego, está a gañar unha maior presenza e de feito, a nivel español a comunidade está tentando organizarse e montar un grupo de usuarios local, polo que proximamente pode ser que exista un grupo de usuarios español, como mostra deste crecente interese por QGIS no entorno temos a nova de que en marzo de 2019 na Coruña vai ter lugar o QGIS Hackmeeting e a UserConference de QGIS, que servirá para xuntar a comunidade de QGIS tanto de usuarios coma de desenvolvedores, difundir QGIS, tomar decisións sobre o proxecto, en definitiva, contribuír con QGIS.

En referencia ao versionado e á súa frecuencia de actualizacións gvSIG saca novas versións con novas funcionalidades aproximadamente cada ano, mentres que QGIS normalmente tiña 3 versións con novidades cada ano. Salvo este último ano, no que os desenvolvedores estiveron traballando na versión 3.0 que se liberou en febreiro de 2018 e que é a última versión que hai de QGIS, de momento en fase de estabilización, pero que xa está dispoñible para que os usuarios a proben. Esta versión introduciu cambios na API e nas bibliotecas nas que se basea QGIS, polo que ao usuario non supón un cambio moi grande, salvo que hai que portar os plugins de Python 2 a Python 3. En gvSIG, o último cambio de versión trascendente foi o das versións 1.x para 2.x,a nivel aparencia e para o usuario non variou demasiado, pero si que cambio a nivel de arquitectura que tivo como obxectivo mellorar a fiabilidade e a modularidade da aplicación e de cara aos desenvolvedores para facer gvSIG máis moderno e máis simple de manter e de desenvolver.

Outro software de xeoinformática libre

Alén de gvSIG e QGIS existen outras ferramentas GIS de escritorio libres, aínda que o certo é que en canto a número de usuarios e comunidade en xeral teñen moita menos influencia.

Unha destas ferramentas é GRASS GIS, unha das ferramentas GIS con maior recorrido, xa que o proxecto comezou en 1982 nun laboratorio de investigación do exército dos Estados Unidos de América. Van pola versión 7.4, está liberado baixo a licenza GPL v2 ou superior e é un proxecto oficial da OSGeo. GRASS é empregado por numerosas entidades gobernamentais e empresas. Dentro das funcionalidades destacadas están:
Análise de Raster, 3D-Raster, vectorial e puntual. Procesamento de imaxes, creación de mapas, soporte SQL…

Outra solución GIS para o escritorio é uDig. Trátase dunha ferramenta multiplataforma para Windows, MAC OS X e GNU/Linux implementada en Java e licenciado baixo a BSD modificada ou EPL 1.0. A empresa que desenvolve esta solución é Refrantions Research

Marble é outra das ferramentas GIS libre que hai, aínda que máis ben é un visor de globo terráqueo e mapas, que ten varias funcionalidades de visualización dende distintas fontes de mapas, calculo de rutas… É unha aplicación que forma parte do abano de software que desenvolve a comunidade KDE, polo tanto está desenvolvido con C++ e QT, está liberado baixo LGPL e está dispoñible para Windows, Mac OS X, GNU/Linux e Android e forma parte dos proxectos OSGeo.

Entrevistas relacionadas

Entrevista: A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais

Nesta entrevista falamos con dúas empresas usuarias de gvSIG, Entyl Ingenieros S.L.L e Audasa, para coñecer a súa opinión respecto desta solución co obxectivo de afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando o seu uso.

Para afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando a utilidade de dita solución, falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar esta solución, Entyl Ingenieros S.L.L eAUDASA.

No que respecta ás motivacións que levaron a estas dúas empresas a apostar por gvSIG foron principalmente a necesidade de manexar gran cantidade de información con compoñente territorial, sobre a que tiñan necesidades específicas de xestión. Así Entyl afirma que “gvSIG permitiunos actualizar a nosa metodoloxía de traballo en traballos de creación de inventarios cartográficos e en proxectos de análise territorial que implican a xestión e tratamento de grandes volumes de información” mentres que Audasa estaba inmersa nun proceso de modernización dos seus procesos de explotación da autoestrada: “No ano 2009, xurdiu a necesidade de optimizar algúns procesos na explotación da autoestrada: recollida de incidencias, actualización de inventarios, xeración de informes para a Administración, etc. baixo dúas premisas fundamentais, accesibilidade aos datos dende os centros operativos da autoestrada e facilidade de actualización dos mesmos.”

A adaptabilidade e a inexistencia de custe de licenza de adquisición foron aspectos determinantes á hora de decantarse por unha solución libre. Entyl dinos: Valoramos o emprego de AutoCAD Map 3D e ArcGIS. O máis determinante para a elección foi que puidemos descargar e probar gvSIG libremente e ver que se adaptaba ás nosas necesidades. Ademais os aforros en custe de licenza nos permitiron contratar o desenvolvemento de ferramentas adaptadas ás nosas necesidades específicas”. É dicir, non só tiraron proveito das solucións existentes en gvSIG, senón que contrataron, a unha empresa local, desenvolvementos específicos para adaptala ás súas necesidades específicas, concretamente ao provedor tecnolóxico Avansig. Entyl recoñece que grazas a estas adaptacións obtiveron “unha redución de tempos en moitas tarefas e unha maior capacidade de análise da información”.

Pola súa parte Audasa pon en valor a importancia de contar con provedores próximos e a capacidade do software libre de xerar tecido empresarial local. Así nos conta que “Os aspectos determinantes á hora de tomar a decisión foron o tema do mantemento (licenzas), e a proximidade do laboratorio da Universidade e posteriormente da empresa ICARTO”. Igual que no caso de Entyl, tamén contrataron o desenvolvemento de módulos específicos para as súas necesidades, concretamente “… puxémonos en contacto coa Universidade da Coruña, máis concretamente co Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (CartoLab). No ano 2010, empezou a desenvolverse o módulo inicial de expropiacións, hasta hoxe que levamos catro módulos máis (expropiacións, vialidade, inventario, uso e defensa, e expedientes) xa coa empresa ICARTO”. Esta proximidade lles permitiu acompañar o procedemento de optimización dos seus procesos internos coa adaptación da nova ferramenta en paralelo.As vantaxes que destacan da solución final é que agora son quen de En xeral xeolocalizar calquera tipo de elemento, cuantificalo, e telo en conta para o seu correcto mantemento”.

Ambas empresas amósanse satisfeitas coas funcionalidades da solución adoptada, xa que cubriron perfectamente as súas necesidades ben como complemento a outras ferramentas ou ben substituíndo a ferramentas privativas como foi no caso de Entyl quen recoñece “Tradicionalmente empregamos AutoCAD para traballar con cartografía e follas de cálculo para o tratamento da información alfanumérica. … Ao dispor dunha ferramenta que xestiona de forma integrada a información gráfica e alfanumérica conseguimos reducir tempos en tarefas que antes resultaban longas e custosas.”

Ademais de amosarse satisfeitas, ambas concordan en recomendar o emprego de gvSIG a outras empresas, iso si, en palabras de Audasa, “analizando previamente as súas necesidades”.

Entrevista: Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos: Avansig e iCarto

Falamos con dous provedores galegos de gvSIG, Avansig e iCarto, para coñecer a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas.

Como complemento á visión do usuario, Avansig e iCarto achégannos a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas. Elas foron as empresas tecnolóxicas que acompañaron a Entyl e Audasa no seu proceso de mellora tecnolóxica grazas a gvSIG.

Madurez

Dende a súa experiencia gvSIG é unha ferramenta madura que cubre case o 95% dos casos de uso, deixando só fóra certas funcionalidades moi avanzadas de interese para usuarios moi expertos. Respecto da usabilidade Avansig afirma que “está un paso por debaixo de ArcGIS, que é a referencia neste ámbito de aplicacións”. Pola súa banda dende iCarto creen que “O modelo colaborativo que aplicou dende os seus inicios, hai máis de 10 anos, xerou unha gran comunidade de desenvolvedores e usuarios, o que axudou a ir pulindo de xeito progresivo a ferramenta, acadando actualmente un bo nivel de fiabilidade. A maiores, as extensións e plugins que os diferentes colaboradores do proxecto foron desenvolvendo ao longo dos anos, contribuíron moito á mellora, aumentando considerablemente a súa funcionalidade.”

O ámbito de potenciais usuarios de gvSIG é moi variable, dende niveis de usuario moi básicos ata traballos moi especializados. En particular, dende iCarto dinnos que “enfocamos o emprego dos SIG como ferramenta chave para dar valor á información, axudando enormemente á planificación territorial, así como á análise de información e á xestión de infraestruturas. O vector de clientes confórmao un abanico moi amplo, dende administracións adicadas á planificación e xestión de recursos, ata empresas ou organizacións máis especializadas na xestión.”. Pola súa parte Avansig afirma que está dirixido a“Administracións e empresas do ámbito da enxeñería civil, o urbanismo, medioambiente, etc. que traballan coa compoñente espacial e que empregan as TIX para incrementar e mellorar os seus procesos e capacidade de xestión, aforrar custes e mellorar a súa competitividade”.

Vantaxes

En canto ás vantaxes desta solución, Avansig destaca a súa facilidade de extensión e personalización, así como gran cantidade de ferramentas e aplicacións”, mentres que dende iCarto poñen máis en valor a comunidade de desenvolvedores e usuarios que ten este proxecto, “O proxecto gvSIG ten unha grande comunidade de desenvolvedores e usuarios que fan posible que o proxecto avance e evolucione de xeito moi rápido. Ese gran núcleo, xunto co gran traballo que se fai dende a asociación gvSIG para posicionar a ferramenta como líder do SIX libre, especialmente nos países hispano falantes, son as dúas principais vantaxes de gvSIG fronte a outras alternativas”. No tocante ao aforro en licenzas que supón unha solución como esta, ambas empresas teñen claro que moito, xa que “os produtos privativos baseados en TIX estiveron moi vinculados a nichos de mercado moi concretos e especializados onde non existían alternativas libres fiables e se daban situacións de cuasi-monopolio” segundo comenta iCarto. En canto a cifras concretas, dende Avansig nos din o seguinte: “Por poñer un exemplo, unha licenza de ArcGIS custa aproximadamente uns 5.500€. No caso de ter máis licenzas (2-10), o custo estaría preto dos 5.000€ por licenza. No caso da administración estariamos a falar de centos de miles de euros”. Ademais iCarto destaca que ten outras vantaxes adicionais sobre solucións privativas polo mero feito de ser libre como por exemplo: “Moitas empresas ofrecen e crean solucións, polo que o cliente non está atado a unha única empresa”, “Innovación e mellora continua. As melloras e evolucións tecnolóxicas realizadas polo ecosistema de empresas e organizacións vinculadas o proxecto gvSIG, pódense reaproveitar entre diferentes proxectos” ou a “Interoperabilidade: O uso de estándares no intercambio de información axudan a compatibilidade con outras ferramentas, aínda que estas non sexan de software libre.

A oferta de Avansig e iCarto como provedores de gvSIG

Tanto Avansig como iCarto ofrecen servizos de desenvolvemento sobre gvSIG, ademais de análise e tratamento de información xeográfica. Ademais ambas empresas teñen liberado varias extensións para gvSIG, e no caso de iCarto algunhas foron mesmo incluídas como parte principal do proxecto: “como xa mencionamos ao longo da entrevista, mesmo algún deles foi incluído como parte principal de gvSIG polo seu éxito entre a comunidade de usuarios, como foi o caso de Navtable. Ambas empresas basean o seu modelo de negocio principalmente no software libre, representando no caso de Avansig o 80% da facturación ou no caso de iCarto o 100%, para quen representa a filosofía principal da empresa, xa que afirman que “A totalidade dos proxectos de iCarto teñen unha compoñente tecnolóxica moi alta, ben sexa polo emprego ou pola realización de desenvolvementos propios sobre Tecnoloxías de Información Xeográfica (TIX). iCarto, como parte da súa visión empresarial, emprega e desenvolve tecnoloxías e solucións baseadas en software libre”.

Ambas están convencidas de que o feito de que gvSIG sexa software libre ten un peso bastante alto para os seus clientes. En palabras de Avansig “Moitas veces é a única forma de acceder a este tipo de aplicacións cun prezo asumible. Ademais as empresas valoran a independencia tecnolóxica que lles procura o factor de que sexa software libre e de código aberto”. Pola súa parte iCarto cre que os clientes o que máis valoran é o aforro en licenzas e as posibilidades de personalización e adaptación ás súas necesidades e a integración con outras ferramentas. Considérano particularmente útil no eido da Cooperación: “No caso dos proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento o emprego de software libre é fundamental, xa que favorece o empoderamento tecnolóxico, garantindo unha correcta transferencia tecnolóxica e fomentando o tecido local”.

En canto á oferta de servizos e colaboración coa comunidade, Avansig indica que ten desenvolvido 3 produtos baseados en gvSIG, dos que polo momento só ten liberado algúns módulos. “Desenvolvemos gran cantidade de extensións para gvSIG, as cales forman parte dos nosos produtos. Liberamos algunhas destas extensións, como por exemplo CoreSIG, aínda que non liberamos aínda as aplicacións completas.”. No caso de iCarto ademais de liberar varios módulos están tamén moi involucrados na comunidade de gvSIG. Así nos indican que “temos desenvolvido e liberado varias solucións para o ámbito da xestión de infraestruturas viarias e outras no sector da Cooperación para o Desenvolvemento relacionadas coa planificación e xestión do recurso hídrico.” e ademais “temos unha alta participación na súa comunidade, con varias contribucións importantes ao proxecto, como a mellora do driver de PostgreSQL ou as ferramentas de CAD. Tamén temos participado nos órganos de xestión da comunidade formando parte do Board do proxecto e sendo socios da Asociación gvSIG.”

Valoración do ecosistema actual do Software Libre en Galicia

Finalmente como peche da entrevista aproveitamos para saber as opinións destas empresas sobre o ecosistema actual de software libre en Galicia. iCarto pertence a AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre porque, “cremos que é necesario que o sector empresarial do Software Libre en Galicia estea unido. Aínda que o Software Libre está a experimentar un auxe importante nestes últimos anos, falta aínda moita difusión entre o tecido empresarial, a cidadanía e mesmo na propia Administración. Neste sentido o traballo que se fai dende AGASOL é moi importante”. Respecto do tecido empresarial TIC en Galicia ambas concordan en que “é un sector altamente competitivo”, en palabras de Avansig e segundo iCarto “no caso das tecnoloxías de información xeográfica, que é o ámbito que máis coñecemos, as empresas e profesionais galegos teñen certo recoñecemento tanto a nivel estatal como internacional”.

Entre as iniciativas que se deben potenciar por parte da administración destaca iCarto“a mellor iniciativa é dar exemplo”, ao que engaden que “aínda que ultimamente están a verse algunhas iniciativas para o emprego de Software Libre por parte da administración, non hai unha aposta total. En termos de interoperabilidade hai moitos problemas, xa que non é posible a día de hoxe comunicarse ao 100% coa administración empregando Software Libre”. Por parte de Avansig, na súa opinión a clave está na difusión: “Dar difusión ás solucións software libre existentes; promover accións de formación; organizar xornadas demostradoras sectoriais nas que se xunten potenciais clientes e provedores; e dar exemplo, facendo uso de solucións software libre”.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal