PrestaShop: Solución para a creación dunha tenda en liña con Software Libre

Venres, 6 Maio 2016
PrestaShop: Solución para a creación dunha tenda en liña con Software Libre

Neste artigo presentamos unha solución tecnolóxica que permite a creación e a xestión dunha tenda en liña con Software Libre: PrestaShop.

Como veremos no propio artigo o mercado das ventas por Internet está a experimentar un grande crecemento nos últimos anos. Hoxe en día existen moitas solucións tecnolóxicas que nos permiten crear a nosa propia tenda en liña. Neste artigo afondamos nunha delas, PrestaShop, que é unha das opcións máis populares para a creación dunha tenda en liña, que ademais conta coa vantaxe de ter licenza libre.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de varias empresas galegas, tanto provedoras da solución como usuarias da mesma, as cales entrevistamos para coñecer de primeira man o estado de madurez da mesma, as súas vantaxes, e a experiencia de uso nun entorno real.

Así escoitaremos de primeira man os casos de éxito de Kukin Calzado Infantil e de Natural Smart Beauty S.L., que nos falarán da súa experiencia coas súas tendas en liña, e tamén coñeceremos a dúas empresas galegas que ofrecen solucións sobre esta tecnolóxica, xa que é importante nestes casos poder contar con provedores tecnolóxicos preto, que nos poidan axudar na súa implantación.

Initcoms e Redegal son dous provedores galegos de PrestaShop, rexistrados no MapaTic.gal que nos achegarán as súas impresións sobre esta tecnoloxía e sobre os servizos que se poden ofrecer como provedor da mesma.

Creación dunha tenda en liña con Software Libre

As tendas en liña, constitúen un novo xeito de comercio que nos últimos anos tivo e segue a ter un crecemento moi grande. A facilidade e comodidade que ten poder comprar dende calquera sitio, simplemente empregando o ordenador ou dispositivo móbil, fai que cada vez máis comerciantes aposten por ofrecer os seus produtos neste tipo de tendas.

Segundo datos dun informe elaborado polo ONTSI (Observatorio Nacional das Telecomunicacións e Sociedade da Información) o comercio electrónico en España xerou en termos absolutos algo máis de 16.000 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 11% respecto do ano anterior. Aínda que este dato supón unha pequena desaceleración respecto ao incremento do 18% que se rexistrou entre os anos 2013 e 2014, segue a ser unha cifra importante que nos da unha idea da evolución que este tipo de vendas están a ter.

Aínda que existen moitos servizos que permiten crear unha tenda en liña con pouco traballo, sen ter que facer unha instalación dun software, e ofrecendo diferentes modelos para personalizala, hai dúas razóns clave para empregar un software como Prestashop ou similar. Por unha banda a xestión propia da información. Neste tipo de software non só se xestiona a tenda en si, senón que moitas veces tamén se inclúe na solución a xestión de clientes, provedores, facturación, etc… que implica o manexo de información sensible, polo que é recomendable ter todo baixo control. Por outra banda a posibilidade de personalización que ofrece a ferramenta é tamén moi importante, xa que a competitividade dunha tenda en liña mídese moito pola imaxe visual atractiva e comodidade de uso para o usuario.

PrestaShop: Ecommerce dende cero

PrestaShop é un sistema de xestión de contidos ou CMS, como son comunmente coñecidos polas súas siglas en Inglés, con licenza libre. A súa principal aplicación é a creación de tendas de comercio electrónico.

É un dos software máis utilizados hoxe en día para a creación de tendas en liña, non só no ámbito do software libre senón de xeito xeral entre todos os software que existen para este campo.

Altamente extensible por medio de módulos, como por exemplo os que provén diferentes tipos de sistemas de pago, é tamén moi personalizable a través de temas que poden ser creados e instalados. Está traducido a máis de 60 linguas e calcúlase que o volume de tendas en liña que o estaban a empregar con data de 2015 era de máis de 250.000 en todo o mundo.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Antes de pasar ás entrevistas cos casos de éxito e provedores correspondentes, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

En caso de ter interese en probar PrestaShop sen ter que facer unha instalación propia da mesma, en breve estará dispoñible dentro do catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Entrevista 1: Casos de éxito de uso de Prestashop: Kukin Calzado Infantil e Natural Smart Beauty SL

Para coñecer máis de preto a solución Pretashop de mans dalgunha empresa que a teña empregado nun entorno real, Falamos con dúas empresas galegas que teñen actualmente unha tenda en liña montada con PrestaShop para coñecer de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Como coñeceu Prestashop?

Kukin Calzado Infantil: No momento de crear a nosa tenda en liña, sen ter coñecementos sobre eCommerce, fixámonos en qué ferramentas empregaban as páxinas web máis cómodas para mercar. Tíñamos moi claro o que esperabamos da nosa tenda en liña, tiña que ter unha navegación moi sinxela e que o cliente atopase o que precisaba no menor número de clics e o máis rápido posible. Así coñecemos PrestaShop e máis tarde á axencia Initcoms que tomou as rendas do proxecto e nos confirmou que a elección fora a correcta.

Natural Smart Beauty SL: Coñecémolo hai 4 anos buscando solución sinxelas para a nosa tenda on-line.

Cubriu totalmente Prestashop as súas expectativas e necesidades?

Kukin Calzado Infantil: Si.

Natural Smart Beauty SL: Practicamente si. Faltaríalle máis análise e mellor CRM.

Contratou vostede o desenvolvemento dalgún módulo a medida para adaptar Prestashop ás súas necesidades?

Kukin Calzado Infantil: Contratamos a instalación e configuración de módulos comerciais xa desenvolvidos por terceiros, pero polo momento non solicitamos o desenvolvemento de ningún módulo a medida.

Natural Smart Beauty SL: Si.

Elixiu facer unha instalación propia de Prestashop ou está a empregala como servizo na nube? Por que?

Kukin Calzado Infantil: Eliximos unha instalación propia para ter independencia e control total sobre o proxecto.

Natural Smart Beauty SL: Instalación propia.

Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de Prestashop para o seu negocio?

Kukin Calzado Infantil: Na nosa tenda física temos condicionado o potencial de vendas aos clientes que pasan por diante do establecemento, aínda que coas redes sociais tamén se pode chegar lonxe… Dende que implantamos PrestaShop temos un escaparate ao mundo, ademais da comodidade para os clientes de facer unha compra segura, rápida e efectiva. Poden contactar con nós para calquera dúbida, suxestión ou reclamación. O noso principal obxectivo de negocio é a satisfacción do cliente, e por suposto ten que ser así tamén para os nosos clientes en liña. PrestaShop permítenos ter esa efectividade.

Natural Smart Beauty SL: Unha solución simplificada.

Recomendaría o uso de Prestashop a outra empresa?

Kukin Calzado Infantil: Si, por suposto.

Natural Smart Beauty SL: Si.

Sabía o que era o Software Libre antes de implantar Prestashop?

Kukin Calzado Infantil: Si.

Natural Smart Beauty SL: Si.

Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?

Kukin Calzado Infantil: Si, ter unha tenda en liña require un traballo importante, crear produtos, mantela actualizada, facer fotografías… con Software Libre todo este traballo é noso, con software privativo si queremos facer cambios e tardan ou non son posibles?, se decido cambiar? Non nos podían ofrecer prazos nin garantías. No noso caso ao non ter coñecementos de programación eliximos ir ao seguro… a elección de Software Libre foi un acerto xa que a primeira versión da nosa tenda en liña presentaba varios problemas que precisaban dunha solución urxente, a configuración non era a adecuada, había problemas co deseño, non estaba optimizada para SEO,… grazas a que se empregou Software Libre Initcoms puido encargarse do proxecto, solucionar os problemas e evolucionalo.

Natural Smart Beauty SL: Si, moito. Valoramos algunha outra alternativa como Magento, shopify, WordPress… pero o determinante foi o prezo e a simplicidade (e tal vez que tamén era un dos sistemas máis estendidos.)

Entrevista 2: Provedores de Prestashop: Initcoms Soluciones TIC e Redegal

O tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, e hoxe entrevistamos a dúas empresas galegas que provén solucións e servizos sobre PrestaShop: Redegal e Initcoms, a fin de coñecer a súa opinión da ferramenta dende o punto máis técnico e coñercer opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios.

A que tipo de clientes vai dirixido Prestashop? A que tipo de negocio lles pode ser útil esta solución?

Initcoms: Emprendedores, autónomos e pemes de calquera tamaño que queiran vender en Internet dun xeito sinxelo, económico e seguro.

Redegal: Calquera tipo de cliente pode ser un cliente que implemente PrestaShop como ferramenta de eCommerce. Con PrestaShop temos dende pequenas empresas ata empresas de tamaño mediano e grande, así como solucións B2B ou B2C.

Como diría que se atopa Prestashop respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

Initcoms: O principal problema das solucións privativas é o custoso que resulta evolucionar os proxectos e adaptalos ás novidades que continuamente aparecen en eCommerce e Marketing Online. Isto provoca na maior parte dos casos, que o cliente teña que asumir custos moi elevados para engadir novas funcionalidades e adaptacións e que finalmente o proxecto quede obsoleto en pouco tempo se estes cambios non se levan a cabo.

Redegal: No momento actual, PrestaShop non desmerece doutras alternativas dentro do seu mercado. O importante dunha solución de eCommerce é a capacidade de ofrecer funcionalidades para realizar tarefas propias do eCommerce e sobre todo de marketing en liña.

Que porcentaxe de casos de uso cubre Prestashop?

Initcoms: O 100%.

Redegal: No noso caso, PrestaShop supón un 70% dos nosos casos de uso.

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de Prestashop?

Initcoms: Depende de con que solución o comparemos. No caso de Magento a súa licenza Enterprise ten un custo de 15.550 $ ao ano e a Enterprise Premium 49.990 $.

Redegal: É difícil facilitar unha cifra debido a que esta dependería da alternativa privativa elixida e do modelo de custo elixido (subscrición, compra, mantemento,…)

Que vantaxes achega respecto doutras solucións?

Initcoms:

  • Sinxeleza. O panel de administración de PrestaShop é moi completo e intuitivo polo que para o cliente resulta moi sinxelo xestionar a tenda en liña no día a día aínda que conte con pouca ou nula experiencia no uso de ferramentas tecnolóxicas.
  • Personalización: A través de modelos ou deseños a medida e módulos. Ademais permite desenvolver módulos para incorporar funcionalidades a medida para o cliente.
  • Prezo: É relativamente económico poñer en marcha e evolucionar un proxecto PrestaShop se o comparamos con outro tipo de solucións.

 Redegal: As vantaxes que ofrece con respecto a outras solucións poder resumirse nas seguintes:

  • Gran número de programadores no mercado
  • Maior facilidade que outras solucións para facer modificacións e adaptacións
  • Gran número de solucións no mercado que complementan as funcionalidades nativas

Que vantaxes achega respecto doutras solucións privativas?

Initcoms:

  • Personalización a través de modelos e módulos. Constantemente aparecen novidades.
  • Actualizacións: Cada certo tempo se liberan novas versións de PrestaShop que conteñen melloras e novidades respecto a versións anteriores.
  • Independencia da empresa de desenvolvemento. O cliente non queda cautivo da empresa de desenvolvemento e pode cambiar de provedor en calquera momento se non está satisfeito.

 Redegal: A maior vantaxe que ofrece con respecto a solucións privativas é a capacidade que ofrecer de modificar calquera funcionalidade e a importante comunidade de programadores que ofertan solucións complementarias.

Que servizos ofrece a súa empresa sobre Prestashop?

Initcoms: Implantación de proxectos eCommerce en PrestaShop e acompañamento. Como valor engadido aportamos servizos e estratexias de marketing en liña, posicionamento SEO, SEM e campañas de pago por clic, en definitiva mellorar a captación de clientes e aumentar as conversións na propia tenda en liña. Mantemento de tendas en liña: É frecuente atoparnos con pemes que dispoñen dunha tenda en liña que presenta problemas – versións antigas, problemas con módulos, de deseño e usabilidade… – nestes casos encargámonos de levar a cabo unha auditoría, detectando problemas importantes e solucionándoos.

Redegal: Algúns dos servizos que se realicen baseándose en PrestaShop son os seguintes:

  • Implementación de novos deseños
  • Implementación de funcionalidades avanzadas
  • Implementación de integracións con ferramentas externas (ERP, CRM, …), que é unha das principais vantaxes a ter un grande Know How neste ámbito.
  • Implementación de analítica e ecommerce avanzado e posicionamento SEO.

Ten desenvolvido algún módulo a medida para Prestashop? Liberouno?

Initcoms: Non.

Redegal: Desenvolvéronse varios módulos que están sen liberar actualmente.

É vostede axencia asociada de Prestashop? Se é o caso, que vantaxes ten isto para os seus clientes?

Initcoms: Non.

Redegal: Nestes intres decidimos non estar asociados.

Ofrece vostede esta solución como SaaS?

Initcoms: Non.

Redegal: Non.

Por que non?

Initcoms: Perderiamos os puntos fortes de PrestaShop que é precisamente que o cliente teña a seguridade de que a tenda en liña vai ser súa e vai ter acceso ao código fonte e base de datos se así o desexa ao cambiar de provedor se non está satisfeito.

Redegal: Estase a desenvolver diversas solucións neste senso.

Canto cre que inflúe nos seus clientes o que Prestashop sexa Software Libre?

Initcoms: Cada vez máis clientes están ao tanto do que é o Software Libre, o que implica e os seus beneficios e así o fan saber cando se interesan polos nosos servizos con PrestaShop. Nalgúns casos o paso a PrestaShop débese a malas experiencias pasadas con software privativo, que tiveron que abandonar e comezar dende cero.

Redegal: A decisión dos clientes baséase en dous factores importantes: o custo económico e que a solución aportada cubra os seus requisitos. Normalmente Prestashop cumpre estes dous factores.Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Initcoms: Creceu moito nos últimos anos. Conta con grandes provedores de solucións TIC en diferentes sectores e cada vez se crean máis empresas provedoras de solucións TIC. Porén, creo que onde fai falla máis esforzo e traballo é na educación de pemes e emprendedores sobre as solucións TIC que poden aplicar ao seu negocio e como poden axudarlles a crecer cunha clara vantaxe competitiva. Aínda existen moitos negocios que seguen de costas a Internet e á tecnoloxía. Lamentablemente se esa situación non cambia, a competitividade deses negocios verase reducida facendo perigoso o seu futuro.

Redegal: O tecido TIC segue estando moi activo. Nestes intres, existen gran cantidade de empresas de diferentes tamaños que aportan moito valor. Ao existir colaboración entre empresas grandes/medianas e as pequenas, as primeiras provocan un efecto “tractor” e fan crecer ás pequenas e de recente creación. Cada vez son mais as pequenas iniciativas emprendedoras que ofrecen solucións tecnolóxicas de alto valor que en conxunto coas empresas grandes e o apoio institucional poden provocar que en pouco tempo o sector en Galicia teña un peso moito mais importante.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas pemes?

Initcoms: Ciclos de conferencias e demostracións prácticas orientadas a pemes. Difusión de casos de éxito e exemplos de pemes empregando Software Libre nos seus procesos e que beneficios obtiveron. Creación de portais web específicos con presenza social media con fin de educar e ensinar ás pemes o abanico de solucións de Software Libre que existe, como poden empregalas e como contactar con provedores cualificados. Obradoiros en liña con contidos prácticos, demostracións e casos de éxito para pemes. Eventos creados con este propósito e orientados a pemes. Programas nos que participen empresas locais TIC e axuden na educación das pemes e difusión e fomento das TIC nos diferentes sectores.

Redegal: A administración, dende o seu papel pode facilitar a difusión das solucións ofertadas dende as empresas do sector. Outro papel que podería ter consiste en axudar ás empresas a detectar cales son as súas carencias e posteriormente ofrecerlle solucións dentro das ofrecidas polas empresas do sector.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal