#Aplicacións libres para Android orientadas a empresa #artigo TIC

Nesta entrega veremos unha aplicación para poder xestionar os nosos contactos, tanto persoais como empresariais, desde o noso dispositivo Android. Falamos de Contactos, parte da suite de Simple Mobile Tools:

“Un grupo de aplicacións Android sinxelas e de software libre, sen anuncios nin permisos innecesarios”.

Aplicacións libres para Android orientadas a empresa: Contactos de Simple Mobile Tools

Tibor Kaputa é o desenvolvedor desta ferramenta para Android. Segue a filosofía de ser unha aplicacións pouco intrusiva, lixeira, sen publicidade, sen permisos innecesarios e de software libre (licenciadas baixo Apache 2.0).

A app de Contactos, pódese atopar aloxado tamén en F-Droid e Google Play.

F-Droid é un repositorio de aplicacións de software libre para Android verificadas, e tamén un completo «kit de tenda de aplicacións», proporcionando todas as ferramentas necesarias para montar e facer funcionar un almacén ou tenda de aplicacións. Un proxecto de software libre comunitario, desenvolto por un amplo rango de contribuidores.

Contactos, de Simple Mobile Tools

Contactos, de Simple Mobile Tools

Unha aplicación de contactos intelixente e lixeira para xestionar os teus contactos. Os contactos almacénanse no teu dispositivo ou tamén se poden sincronizar por diferentes medios. Esta axenda de contactos intelixente axudarache a manter os teus contactos nun só lugar sen a molestia de facer unha copia de seguridade deles, xa que a copia de seguridade sempre está sincronizada cos contactos que engades.

Xestionar os contactos no noso dispositvo (teléfonos, email, direccións postais, …) e mantelos sincronizados co noso servidor nunca foi tan sinxelo.

Contactos, de Simple Mobile Tools

Esta aplicación ocupa pouco espazo e é eficaz cando tes que facer unha copia de seguridade dos contactos e manter unha axenda que che axudará a manter contactos intelixentes.

Se queres contribuír economicamente co proxecto, existen algunhas destas aplicacións, de Simple Mobile Tools, en versión Pro que teñen un pequeno custo de adquisición e, por suposto, seguen sendo de software libre e mantendo a filosofía inicial do desenvolvedor de non ser intrusivas (nin cos permisos, nin coa publicidade). Tamén existe a app Simple Grazas, para poder contribuír a este proxecto.

Vídeo sobre Contactos

#Aplicacións libres para Android orientadas a empresa #artigo TIC

Nesta entrega veremos algunhas aplicacións para poder usar o dobre factor de autenticación desde o teu smartphone, e así mellorar a túa seguridade dixital.

Todo o mundo está familiarizado co método de usuario/contrasinal para acceder a moitos servizos online, pero non é a opción máis segura posible. A autenticación ou verificación en dous pasos (abreviado como 2FA) é un sistema que agrega un nivel adicional de seguridade ao proceso de acceso ás contas en liña.

O usuario ten que identificarse de 2 maneiras diferentes: require dun código obtido a partir dunha aplicación ou dun token USB, ou dunha tarxeta de coordenadas, ou dunha mensaxe SMS, ou dunha pegada (tamén valería o iris, a voz ou o rostro do usuario), ademais dun contrasinal para acceder ao servizo.

Desta forma, a verificación unívoca da túa identidade está vinculada a que o usuario ten que “saber algo” (nome do usuario e contrasinal), ademais de “ter algo” (código obtido dunha aplicación, mensaxe…) ou «ser algo» (datos biométricos).

Uso da dobre autenticación

Formas de usar 2FA:

– A través dun SMS, a opción menos segura.
– A través de aplicacións dedicadas ou hardware, que xeran un código de verificación refugable válido durante uns segundos. Combina facilidade e seguridade. Podemos usalo no smartphone cunha aplicación de autenticación dedicada ou a través de chaves de seguridade.

Existe un estándar aberto chamado OATH que é o utilizado por tokens baseados en hardware ou en software. Os tokens baseados en hardware son como unha tarxeta cun display, xeran unha clave para cada ocasión.

Tamén hai tokens baseados en software que xeran contrasinais dun só uso OTP como os que utilizan unha app no móbil ou unha aplicación no computador de sobremesa.

A alianza FIDO especificou un protocolo estándar U2F aberto, escalable e interoperable para que os servizos en liña poidan incorporar un segundo factor, utilizando criptografía de clave pública, vía un token, un dispositivo confiable ou chave de seguridade de autenticación física que se conecta vía USB ou NFC.

Algunhas destas app’s recomendadas son:
– andOTP (app de software libre para Android)
– FreeOTP (app de software libre para Android e iOS)
– Authenticator (plugin de software libre para usar nos navegadores Firefox ou Chrome)
– Aegis Authenticator (app de software libre para Android), e que analizaremos máis en profundidade neste artigo.

Aegis Authenticator

Aplicación 2FA gratuíta, segura e de software libre para xestionar os tokens de verificación en 2 pasos para os teus servizos en liña.

Aegis é compatible cos algoritmos HOTP e TOTP. Estes dous algoritmos son estándar na industria e amplamente soportados, facendo que Aegis sexa compatible con miles de servizos.

Cifrado e desbloqueo biométrico

Se elixes establecer un contrasinal, o almacén cifrarase mediante criptografía forte. Introducir o contrasinal cada vez que necesitas acceder a un contrasinal dun só uso pode resultar engorroso, por iso tamén se pode activar o desbloqueo biométrico se o teu dispositivo dispón dun sensor biométrico (por exemplo, desbloqueo facial ou por pegada dactilar).

Copias de seguridade

Aegis Authenticator pode crear copias de seguridade automáticas do almacén nunha localización da túa elección. Se o teu provedor de servizos na nube é compatible con Storage Access Framework de Android (como Nextcloud), pódense crear copias de seguridade automáticas na nube. Tamén é posible crear exportacións manuais do almacén.

Aegis Authenticator pode importar as entradas de moitos outros autenticadores, incluíndo: 2FAS Authenticator, Authenticator Plus, Authy, andOTP, FreeOTP, FreeOTP+, Google Authenticator, Microsoft Authenticator, Steam, TOTP Authenticator e WinAuth (requírese acceso root para as aplicacións que non teñen opción de exportar).

Vídeo sobre Aegis Authenticator

#Aplicacións libres para Android orientadas a empresa #artigo TIC #Nextcloud Files

Nesta entrega veremos Nextcloud Files, co que poderás ter o control total sobre os teus datos desde o teu smartphone.

Recupera o control dos teus datos empregando software libre en calquera plataforma (Windows, MacOS, GNU/Linux, Android) con Nextcloud Files. Colaboración remota máis fácil, personalizable e escalable. Non hai fugas de datos a terceiros.

Nextcloud é unha suite de software para crear e utilizar servizos de aloxamento de arquivos, entre outras funcións. É escalable, vale tanto para solucións de oficina doméstica baseadas na económica Raspberry Pi ata solucións de centro de datos de tamaño completo que admiten millóns de usuarios. Existen traducións a 60 idiomas para a interface web e as aplicacións cliente.

Os arquivos de Nextcloud almacénanse en estruturas de directorios convencionais, accesibles mediante WebDAV se é necesario. Requírese unha base de datos SQLite, MySQL ou PostgreSQL para proporcionar funcionalidades adicionais como permisos, recursos compartidos e comentarios. En xaneiro de 2020 lanzouse Nextcloud 18 “Nextcloud Hub”. O principal cambio foi a integración directa dunha suite de Office (OnlyOffice) e Nextcloud afirmou o obxectivo de competir con Office 365 e Google Docs. Hub integra os catro produtos crave de Nextcloud: Files, Talk, Groupware e Office nunha única plataforma, optimizando o fluxo de colaboración.

Nextcloud Files ofrece unha plataforma de acceso e sincronización universal de arquivos local con potentes funcións de colaboración e interfaces de escritorio, móbiles e web. Facilita a sincronización, o intercambio e a colaboración cos teus arquivos. Con Nextcloud Files, os usuarios teñen fácil acceso e poden compartir e colaborar nos seus arquivos, fotos e documentos en calquera lugar.

Conta cunha interface web moderna e fácil de usar, clientes de escritorio e aplicacións móbiles. Colaboración en tempo real e acceso instantáneo a todos os datos desde calquera dispositivo e en calquera lugar. Potentes funcións de cifrado e un control de acceso aos arquivos baseado en regras incorporado. Compleméntase con políticas de contrasinais sólidos, protección contra forza bruta, protección contra ransomware e moito máis.

Accede aos datos desde FTP, Windows Network Drive, SharePoint, NFS, Object storage, … A configuración e a integración sinxelas reducen os custos e diminúen o risco, á vez que aproveitan os investimentos de TI existentes.

Pílula en vídeo sobre Nextcloud Files

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android para xestionar a vosa empresa.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #OsmAnd

Nesta entrega veremos OsmAnd, un potente navegador para o noso smartphone. OsmAnd utiliza os mapas libres de OpenStreetMap.

O obxectivo deste proxecto é ofrecer unha cómoda aplicación de visualización de mapas e navegación para dispositivos móbiles (sen necesidade de conexión). O mapa é un elemento central de OsmAnd. Podemos interactuar co mapa, configurar capas adicionais de POI, personalizar o mapa para sendeirismo, ciclismo ou navegación offroad, ademais de poder engadir información do terreo e habilitar imaxes a nivel de rúa, entre outras. Os widgets proporcionan información adicional sobre a ruta actual, velocidade, altitude, pista rexistrada, e tamén permiten interactuar rapidamente coa aplicación.

A funcionalidade de navegación guíache ata o teu destino, mostrando rutas, ofrecendo instrucións de xiro e guía de voz opcional. A ferramenta de procura proporciona as funcións para calquera caso de uso: procura de direccións, procura de POI, procura personalizada, procura no historial, procura de coordenadas.

OsmAnd permite almacenar e xestionar diferentes datos cartográficos como mapas, puntos, tracks e os datos persoais de configuración. Permite crear itinerarios propios e utilizar percorridos doutros usuarios para as viaxes. Os plugins activan funcionalidades adicionais para OsmAnd como a gravación de viaxes, mostrar datos do terreo no mapa, vistas de rúas por Mapillary, artigos de Wikipedia offline no mapa, entre outros.

A aplicación OsmAnd está dispoñible para sistemas Android de forma gratuíta. Os servizos de pago de OsmAnd proporcionan funcionalidades ampliadas. OsmAnd é unha aplicación de mapas e navegación con acceso á base de datos gratuíta, mundial e de alta calidade OpenStreetMap (OSM). Todos os datos dos mapas pódense almacenar na tarxeta de memoria do dispositivo para o seu uso sen conexión. A través do GPS do teu dispositivo, OsmAnd ofrece rutas, con guía óptica e por voz, para coche, bicicleta e peóns.

Navegación:
– Funciona totalmente sen conexión
– Guía de voz viro a xiro (voces gravadas e sintetizadas)
– Anuncia advertencias de tráfico como sinais de stop, pasos de peóns ou cando excede o límite de velocidade
– Guía de carril opcional, visualización do nome da rúa e hora estimada de chegada
– Admite puntos intermedios no seu itinerario
– Cambio automático de ruta sempre que se desvíe do itinerario
– Procura de lugares por dirección, por tipo (p. ex.: restaurante, hotel, gasolineira, museo) ou por coordenadas xeográficas

Funcións de seguridade:
– Cambio automático opcional de vista diúrna/nocturna
– Visualización opcional do límite de velocidade, con recordatorio en caso de superalo
– Zoom opcional do mapa en función da velocidade
– Comparte a túa localización para que os teus amigos poidan atoparche

Funcións para ciclistas e peóns:
– Os mapas inclúen rutas para peóns, sendeiristas e ciclistas
– Encamiñamento especial e modos de visualización para o uso de bicicletas e peóns
– Paradas opcionais de transporte público (autobús, tranvía, tren), incluídos os nomes das liñas
– Gravación opcional do traxecto nun arquivo GPX local ou nun servizo en liña
– Visualización opcional de velocidade e altitude
– Visualización de curvas de nivel e sombreado de outeiros (mediante un complemento adicional de pago)

Contribuír directamente a OpenStreetMap:
– Informar de erros nos mapas
– Carga de tracks GPX a OSM directamente desde a aplicación
– Engade POIs e súbeos directamente a OSM
– Gravación de viaxe opcional en modo de fondo (mentres o dispositivo está en modo de suspensión)

Fonte aberta:
– Información de alta calidade procedente dos 2 mellores proxectos colaborativos do mundo
– Mapas vectoriais compactos sen conexión
– Mapas globais de OpenStreetMap, dispoñibles por país ou rexión
– PDI de Wikipedia, ideal para facer turismo
– Mapas sempre actualizados (unha vez ao mes)
– Actualizacións de mapas cada hora (OsmAnd Ao vivo)
– Mapas rasterizados en liña ou en caché

Pílula en vídeo sobre OsmAnd

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #Bitwarden

Nesta entrega veremos Bitwarden, un potente xestor para as nosas contrasinais. Bitwarden é un xestor de software libre e gratuíto, que nos axuda dunha forma fácil e segura.

Pódese usar tanto a nivel particular, como en equipos e organizacións que necesiten compartir e sincronizar datos sensibles. Este xestor está optimizado para o seu uso tanto en dispositivos de escritorio, coma en tablets e teléfonos intelixentes.

Bitwarden

O uso seguro de aplicacións e servizos dixitais en liña, require que manexemos un gran número de contrasinais diferentes, a poder ser dunha extensión longa, mesturando letras, números e símbolos se queremos estar protexidos.

Co uso dun xestor de contrasinais, poderemos resolver estes problemas de xestión de múltiples usuarios e contrasinais, sen necesidade de ter que memorizalas e facilitando o proceso de creación, xestión e uso delas.

Bitwarden é un xestor de software libre. A transparencia do código fonte debería ser un dos requisitos imprescindibles para as solucións de seguridade.

Os datos son cifrados antes de saír do noso dispositivo, de extremo a extremo, polo que soamente nós poderemos ter acceso a eles. Pero a forma máis fácil de usar Bitwarden é integrándoo a través dunha extensión no noso navegador.

Pílula en vídeo sobre Bitwarden

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#AntennaPod #Aplicacións libres para Android #artigo TIC

Nesta entrega veremos AntennaPod, aplicación libre para xestionar os teus podcast en Android.

AntennaPod é un reprodutor de podcast de software libre co cal podes subscribirte a calquera canle RSS. Está construído por voluntarios sen interese comercial, polo que respecta a túa privacidade e dache un control sobre da aplicación.

Anuncios

A aplicación non contén anuncios. Se un editor decide engadir anuncios aos arquivos multimedia, obterá o 100% dos ingresos. AntennaPod reproduce os podcast tal e como foron publicados polos seus creadores. Se inclúen anuncios, AntennaPod reprodúceos.

Con AntennaPod, podes descargar os episodios e escoitalos en calquera lugar. Tamén poderás seleccionar os podcast que deben descargarse automaticamente.

Instalación

Podes conseguir a aplicación oficial de AntennaPod en Google Play ou F-Droid. Mesmo podes obter a última versión en GitHub e construír AntennaPod ti mesmo.

Podcasters

Se eres un produtor de podcast e queres que o teu podcast sexa visible en AntennaPod, a aplicación utiliza principalmente tres directorios para a súa función de procura:
– Podcast Index (engadir a través da súa páxina web ou da API)
– iTunes (engadir a través de Podcast Connect)
– Fyyd (engadir a través da súa páxina web)

Se o teu podcast está dispoñible en calquera deles, poderá ser atopado en AntennaPod.

Algúns consellos para o seu uso

Podes subscribirte a todos os programas que desexes. Cando terminas de reproducir un arquivo, AntennaPod marca o episodio como reproducido e elimínao da cola. Existe un axuste para eliminar automaticamente a descarga despois da súa reprodución.

Podes atopar unha lista de todos os episodios que aínda están descargados no teu dispositivo (estean ou non na cola) na páxina de Descargas Completadas.

Se che gusta un episodio e pensas volver escoitalo, tamén podes marcalo como favorito. Entón aparecerá na páxina Episodios Favoritos e (por defecto) non se borrará despois de reproducilo.

No caso de que esteas subscrito a un podcast no que saibas desde o principio que todos os episodios serán xeniais, podes utilizar a función de descarga automática e indicar a AntennaPod se queres que a descarga automática se faga soamente cando o smartphone estea conectado a unha rede Wifi.

Cando se activa para un podcast, todos os novos episodios descárganse automaticamente e engádense á cola. Eliminaranse automaticamente da páxina Episodios Novos en canto se descarguen.

Reprodución

Cando reproduces un progama poderás ir ao punto que ti desexes utilizando a barra de reprodución, ou saltar cara adiante ou atrás un tempo definido polo usuario. Podes seleccionar a velocidade de reprodución que ti desexes en calquera momento, e saltar silencios automaticamente activando unha opción, así como programar apagado automático no tempo que indiques.

Tamén podes acceder ás notas de texto do programa, moi útiles sobre todo cando necesitamos algunha ligazón ou nome mencionado.

Pílula en vídeo sobre Antennapod

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #Telegram

Nesta entrega veremos Telegram, unha aplicación libre de mensaxería instantánea que podemos usar tanto nos nosos dispositivos Android coma no resto deles.

Telegram é unha aplicación de mensaxería instantánea enfocada na velocidade, na seguridade e na facilidade de uso.

Con Telegram poderemos ter conversa con amigos, crear conversacións grupais e compartir todo tipo de contidos. As mensaxes de Telegram están cifrados e teñen a opción de autodestrución. Os seus grupos poden ter ata 200.000 membros.

Conta con aplicación para dispositivos móviles, pero tamén existen clientes para escritorio e para poder usalo directamente a través do navegador. Tamén conta con funcionalidade de compartición da nosa localización mediante OpenStreetMap.

Con Telegram podes enviar mensaxes, fotos, vídeos e arquivos de calquera tipo (documentos, zip, arquivos de son…). Podes escribir aos contactos do teu teléfono e atopar persoas polos seus nomes de usuario. Telegram é como un SMS e un correo electrónico combinados, e pode ocuparse de todas as túas necesidades de mensaxería persoal ou empresarial.

Aos usuarios empresariais e aos equipos pequenos pódenlles gustar os grupos, as aplicacións de escritorio e as potentes opcións para compartir arquivos.

Admite chamadas de voz e vídeo cifradas de extremo a extremo, así como chats de voz en grupo para miles de participantes.

Telegram conta cun buscador de gifs animados e un editor de fotos. Non hai que preocuparse polo espazo en disco no teu dispositivo. Co soporte da nube de Telegram e as opcións de xestión da caché, Telegram pode ocupar pouco espazo no teu teléfono.

Podes descargalo descargalo tamén desde o repositorio libre de F-droid.

Pílula en vídeo sobre Telegram

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #Proton Calendar

Nesta entrega veremos Proton Calendar, unha aplicación básica para a xestión dos teus calendarios electrónicos, dispoñible para Android e tamén a través de calquera navegador.

Proton Calendar axúdache a manter o teus calendarios en privado. Estarás protexido polo mesmo cifrado de extremo a extremo utilizado en Proton Mail. Proton Calendar ten todas as características que necesitas para xestionar os teus eventos facilmente.

Xestiona a túa axenda en todos os dispositivos e aplicacións. Podes importa facilmente o teu calendario a Proton Calendar e manterte ao tanto da túa axenda de forma segura en todos os teus dispositivos e aplicacións de Proton.

Proton Calendar estará sempre sincronizado en todos os teus dispositivos, tanto en aplicacións para a web como en dispositivos Android (e iOS proximamente), e sen publicidade ou invasión da túa privacidade.

Pílula en vídeo sobre Proton Calendar

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

Programa Acelera peme é a iniciativa do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital destinada a construír o ecosistema de referencia da transformación dixital das pemes.

Está desenvolto por Red.es, entidade dependente da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e enmárcase no Plan de Dixitalización de Pemes 2021 – 2025, que conta con máis de 4.000 millóns de euros de orzamento.

O programa Acelera peme está aberto a colaboración de entidades tanto públicas como privadas, que achegan recursos para promover a dixitalización de pemes e autónomos.

Kit Dixital

Kit Dixital é unha iniciativa do Goberno de España, que ten como obxectivo subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñibles no mercado para conseguir un avance significativo no nivel de madurez dixital. As solucións dixitais que proporciona o Kit Dixital están orientadas ás necesidades das pequenas empresas, microempresas e traballadores autónomos, que pertenzan a calquera sector ou tipoloxía de negocio. Se cumpres coas condicións establecidas nas bases da convocatoria da axuda do Kit Dixital, poderás dispoñer dun bono dixital que che permitirá acceder ás solucións de dixitalización.

Guía rápida para saber máis sobre o Kit Dixital.

Unha vez confirmada a concesión do bono dixital, poderás empregalo escollendo unha ou varias solucións de dixitalización ofrecidas polos Axentes Dixitalizadores autorizados para desenvolver os servizos do catálogo.

Podedes atopar os distintos Axentes Dixitalizadores adheridos nesta ligazón:
https://www.acelerapyme.gob.es/kit-digital/catalogo-digitalizadores#digitalizador

Está organizada en diferentes categorías (Analítica, Ciberseguridade, Comercio electrónico…).

Vantaxes do software libre respecto a outras solucións

O software libre dota ao usuario de varias liberdades, entre elas poder utilizar o software para calquera propósito, ademais de poder estudar, copiar, distribuír, analizar, cambiar ou mellorar o programa.

Algunhas das características polas que aconsellamos o uso de solucións de software libre son:

– Pódese descargar e probar sen custo e de forma ilimitada no tempo, antes de incorporalo ao ecosistema de aplicacións da túa empresa, sen ningún tipo de restrición.
– Facilita que os empregados traballen en casa coas mesmas ferramentas que utilizan no traballo, de forma legal.
– Reduce custos no hardware a empregar. Non require de equipos moi potentes, funciona na maioría das computadoras que existen no mercado.
– Permite o traballo en calquera contorna.
– Mellora a confidencialidade dos nosos datos persoais.
– Maior duración das aplicacións sostidas no tempo.
– Transparencia no seu funcionamento, podendo ser auditado por calquera entidade.

– Melloras na seguridade. Ao poder acceder ao código fonte fai que moitos ollos revisen e proben ese código.
– Aforros coas licenzas libres.
– Favorece a interoperabilidade entre sistemas. O uso de estándares abertos permite traballar con distintos sistemas, podendo comunicarse ben con outras aplicacións que cumpran con eses mesmos estándares.
– Permite a independencia tecnolóxica.
– Fomenta a innovación tecnolóxica, grazas ás comunidades de software que existen.
– Mellora a xestión dos dereitos de autor, sen caer no sistema de patentes.
– Maior apoio técnico. Os servizos de mantemento non teñen por que ser prestados exclusivamente por unha única empresa, podendo favorecer así o mercado local.
– Máis e mellores traducións do software, ao ter acceso ao código fonte dos programas permite a tradución dunha aplicación a outros idiomas.
– Impulsa a creación de comunidades para compartir coñecemento.

E despois de repasar este gran número de vantaxes para a nosa empresa, deixamos aquí un listado coas solucións de software libre que propoñemos para cada apartado do catálogo do Kit Dixital.

Business Intelligence e Analítica

Metabase Open Source Edition
https://www.metabase.com/start/oss/

matomo (alternativa a Google Analytics)
https://matomo.org/

Ciberseguridade

OpenVAS, avaliación de vulnerabilidades
https://www.openvas.org/

Bitwarden, xestor de contrasinais
https://bitwarden.com/

Comercio electrónico

Prestashop
https://www.prestashop.com/es

Woocommerce
https://woocommerce.com/

mautic
https://www.mautic.org/

Comunicacións seguras

Rocket.chat, centro de comunicacións
https://es.rocket.chat/

Proxecto Matrix, estándar aberto para as comunicacións
https://matrix.org/

BigBlueButton, videoconferencias e formación
https://bigbluebutton.org/

Jitsi, videoconferencias
https://meet.jit.si/

Kopano
https://www.mancomun.gal/solucion-tic/kopano/

Factura electrónica

Facturascripts
https://facturascripts.com/

Alfresco, xestor de contidos empresarial
https://www.alfresco.com/

Odoo
https://www.odoo.com/es_ES

Xestión de clientes

Odoo
https://www.odoo.com/es_ES

mautic
https://www.mautic.org/

Xestión de procesos

Alfresco, xestor de contidos empresarial
https://www.alfresco.com/

Taiga, xestión de proxectos
https://www.taiga.io/es

Xestión de redes sociais

mautic
https://www.mautic.org/

Servicios e ferramentas de Oficina Virtual

Etherpad, caderno de notas dixital e colaborativo
https://etherpad.org/

Framadate, planificación e toma de decisións
https://framadate.org/abc/

Nextcloud, control e sincronización de arquivos
https://nextcloud.com/

cryptpad.fr, suite de solucións
https://cryptpad.fr/

Sitio Web e Presencia na Internet

WordPress
https://wordpress.com/es

Drupal
https://www.drupal.org/

Joomla
https://www.joomla.org/

mautic
https://www.mautic.org/

Se queredes máis información sobre estas solucións libres, tedes varias pílulas en vídeo que fixemos no portal de Mancomún:
– Ferramentas empresariais
https://www.mancomun.gal/documento/ferramentas-empresariais/
– Pílulas para o teletraballo:
https://www.mancomun.gal/documento/pilulas-para-o-teletraballo/

#1Lib1Ref #Arduino #artigo TIC #AudioFLOSS #BSD #CERN #Jitter

O 27 de agosto en Amigus Labs, (Praza do Hospital 14, As Pontes), terá lugar o “Obradoiro de programación con Micro:Bit”. Unha actividade para fomentar o interese e o achegamento dos nenos de maneira lúdica ao mundo da robótica e a programación, descubrindo a linguaxe en bloque, as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía de forma divertida e colaborativa.

BBC micro:bit é unha pequena tarxeta electrónica programable de 4×5 cm lanzada pola BBC británica no ano 2015 co obxectivo de que máis dun millón de nenos e mozos ingleses aprendesen a programar dunha forma fácil e divertida. No ano 2016 a Fundación Educativa Micro:Bit integrada por empresas como Amazon, Microsoft, Cisco ou Samsung, asumen este proxecto co propósito de promocionar a aprendizaxe da programación e a robótica entre os mozos a nivel mundial.

O obxetivo do obradoiro e iniciarse na construción de circuítos electrónicos que incorporan distintos compoñentes e controlar o seu funcionamento usando unha ferramenta de programación visual como MakeCode. MakeCode é un sinxelo editor gráfico en liña moi potente que nos posibilita introducirnos no mundo da programación de forma intuitiva a través da linguaxe de programación visual ou de bloques, co que aprendemos a pensar como un programador.

Propoñémonos atopar metodoloxías que potencien nas nenas e nenos as capacidades reflexivas, críticas e creativas, co obxectivo de que desfruten da tecnoloxía. A Asociación Informática Amigus proporcionará todo o material para realizar o obradoiro. O curso é gratuíto, as inscricións formalizaranse por orde de rexistro en amiguslabs.org.

Máis información

Open EdTech

Luns, 22 Agosto 2022
#1Lib1Ref #Arduino #artigo TIC #AudioFLOSS #BSD #CERN #Jitter

Open EdTech é unha asociación que quere dotar ao mundo educativo de ferramentas libres para garantir unha educación baseada nunha tecnoloxía sostible, duradeira e de software libre.

Asociación Open EdTech

“A tecnoloxía educativa é o software e o hardware que apoia os procesos de ensino e aprendizaxe. A Tecnoloxía Educativa Aberta vai máis aló ao poñerse ao dispor de todos os educadores dunha maneira que promove a dispoñibilidade, a estandarización, a seguridade, a lonxevidade e a colaboración ao redor de melloras e servizos ao redor desa tecnoloxía. É a diferenza entre unha rede social propietaria e algo como o correo electrónico (que ninguén posúe e todo o mundo utiliza).”

A Asociación Open EdTech ten a visión de crer nunha educación de calidade que require dunha adaptación e colaboración constantes. Ten como misión:
– Ser a voz da tecnoloxía educativa aberta como solución preferida para a educación.
– Axudar a financiar o desenvolvemento e a promoción da tecnoloxía educativa aberta.

Open EdTech está intentando concienciar da problemática de usar servizos privativos que recopilan os datos dos usuarios, e das consecuencias que pode comportar se non se ten soberanía dixital.

Para pelexar contra estes problemas, ofrecen un ecosistema educativo libre para instalar nun servidor propio as seguintes ferramentas libres: Moodle, Nextcloud, WordPress e Etherpad, entre outras.

Máis información

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #Proton Mail

Nesta entrega veremos Proton Mail, unha aplicación básica para a xestión dos teus correos electrónicos, dispoñible para Android e tamén a través de calquera navegador.

Na web oficial do proxecto https://proton.me/mail, defínense a si mesmos como:
“Correo electrónico seguro que protexe a túa privacidade.”

Proton Mail é un servizo de correo electrónico cifrado, creado en 2013 por varios científicos e enxeñeiros do CERN. O servizo está deseñado como unha proba de coñecemento cero, mediante o cifrado ao lado do cliente para protexer os correos electrónicos e os datos do usuario antes de ser enviados aos propios servidores de Proton Mail, a diferenza doutros servizos de correo web común.

En decembro de 2017 Proton Mail contaba con máis de 2 millóns de usuarios rexistrados, e en 2020 xa eran máis de 25 millóns de usuarios.

Proton utiliza un cifrado de extremo a extremo de software libre, auditado de forma independente, e cifrado para protexer os seus correos electrónicos. Isto protexe contra as violacións de datos e garante que ninguén (nin sequera Proton) poida acceder á túa bandexa de entrada. Só ti podes ler as túas mensaxes.

Proton está constituída e ten a súa sede en Suíza. Isto significa que todos os datos dos usuarios están protexidos polas estritas leis de privacidade suízas e a neutralidade suíza. A través da aplicación web, deseñada cunha interface moderna e fácil de usar, a aplicación web permíteche experimentar unha forma mellor e máis privada de enviar correos electrónicos.

A aplicación Proton Mail para Android ten todo o que necesitas para xestionar facilmente a túa bandexa de entrada. Está dispoñible tamén para iPhone ou iPad, coa aplicación Proton Mail para iOS. Proton Mail Bridge integra a túa conta de Proton Mail co teu cliente de correo electrónico favorito, á vez que che proporciona a seguridade do cifrado.

Pílula en vídeo sobre Proton Mail

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#1Lib1Ref #Arduino #artigo TIC #AudioFLOSS #BSD #CERN #Jitter

Nesta entrega veremos Proton Mail, unha aplicación básica para a xestión dos teus correos electrónicos, dispoñible para Android e tamén a través de calquera navegador.

Proton Mail é un servizo de correo electrónico cifrado, creado en 2013 por varios científicos e enxeñeiros do CERN. O servizo está deseñado como unha proba de coñecemento cero, mediante o cifrado ao lado do cliente para protexer os correos electrónicos e os datos do usuario antes de ser enviados aos propios servidores de Proton Mail, a diferenza doutros servizos de correo web común.

Pílula en vídeo sobre Proton Mail

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #F-Droid

Nesta entrega veremos como obter unha gran cantidade de aplicacións libres para Android, a través do repositorio de F-Droid.

F-Droid

F-Droid é un repositorio de aplicacións de software libre para Android verificadas, e tamén un completo «kit de tenda de aplicacións», proporcionando todas as ferramentas necesarias para montar e facer funcionar un almacén ou tenda de aplicacións.

É un proxecto de software libre comunitario, desenvolto por un amplo rango de contribuidores. Tamén inclúe ferramentas completas para compilación e publicación, para xestionar o proceso de transformación do código fonte da aplicación en compilacións publicadas.

As ferramentas de servidor de F-Droid proporcionan varios scripts e ferramentas que se usan para manter o repositorio principal de aplicacións de F-Droid. Pode usar estas mesmas ferramentas para crear os seus repositorios adicionais ou alternativos para publicar aplicacións, ou asistir na creación, proba e envío de metadatos ao repositorio principal.

F-Droid non o atoparemos en Google Play, deberemos instalar a apk descargándoa desde a páxina oficial do proxecto.

Para conseguir máis contidos, pódense engadir repositorios extra a F-Droid. Un repositorio é unha colección de contido selecto. Os desenvolvedores a miúdo publican unha ligazón aos seus repositorios de F-Droid nos seus sitios web.

Na páxina oficial do proxecto, atoparemos manuais e foros con moita información para mergullarnos no seu uso. F-Droid está dispoñible en moitos idiomas e séguese traducindo a outros novos, grazas á comunidade.

Pílula en vídeo sobre F-Droid

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións libres para Android #artigo TIC #Simple Mobile Tools

Nesta entrega veremos unha recompilación de ferramentas moi interesantes para Android que calquera usuario necesita ter no seu smartphone ou tablet. Falamos das Simple Mobile Tools.

Na web oficial do proxecto, defínense a si mesmos como:


Un grupo de aplicacións Android sinxelas e de software libre, sen anuncios nin permisos innecesarios”.

Atopar boas aplicacións de software libre para Android non é tarefa sinxela. O usuario afíxose a que lle regalen apps, que poden descargar gratuitamente desde Google Play, a cambio de recibir publicidade, instalando no noso dispositivo aplicacións pouco (ou nada) optimizadas e concedéndolle ás devanditas aplicacións permisos que non necesitan para o seu normal funcionamento.

Tibor Kaputa é o desenvolvedor dun conxunto de utilidades para Android que reuniu baixo o nome de Simple Mobile Tools, que seguen a filosofía anteriormente exposta: son aplicacións pouco intrusivas, lixeiras, sen publicidade, sen permisos innecesarios e de software libre (licenciadas baixo Apache 2.0).

O proxecto pódese atopar aloxado tamén en F-Droid Google Play.

F-Droid é un repositorio de aplicacións de software libre para Android verificadas, e tamén un completo «kit de tenda de aplicacións», proporcionando todas as ferramentas necesarias para montar e facer funcionar un almacén ou tenda de aplicacións.

É un proxecto de software libre comunitario, desenvolto por un amplo rango de contribuidores. Tamén inclúe ferramentas completas para compilación e publicación, para xestionar o proceso de transformación do código fonte da aplicación en compilacións publicadas.

Simple Mobile Tools

Simple Mobile Tools é unha colección de moitas ferramentas de uso común. Vamos ver unhas cantas:

Calendario Simple: Axenda

App de calendario que permite a inserción de citas, anotacións, avisos, … con distintas opcións de visualización. É compatible coa sincronización CalDAV (protocolo para sincronizar o noso calendario cun servidor remoto) o que nos permitirá conectarnos co noso servidor e ter sincronizados os eventos nos nosos dispositivos.

Galería Simple: Album de Fotos

Unha app de visualización de fotos e vídeos, que admite gran cantidade de formatos (incluíndo RAW, svg, fotografías panorámicas, …). Permítenos buscar elementos, realizar presentacións de diapositivas, filtrar arquivos por tipos, soporta papeleira de reciclaxe, marcar favoritos, posúe un editor para poder modificar/retocar imaxes e aplicar filtros, ….

Contactos Simples

Xestionar os contactos no noso dispositvo (teléfonos, email, direccións postais, …) e mantelos sincronizados co noso servidor nunca foi tan sinxelo.

Reprodutor Música Simple

Reprodutor mutimedia facilmente controlable desde a propia app, a barra de estado ou mediante os botóns de hardware dos auriculares. Ten integrado un ecualizador e pode ordenar as pistas por título e autor.

Notas Simples

Creación de notas e listas. Un simple campo de texto para engadir notas rápidas ou listas de elementos.

Calculadora Simple

Unha sinxela calculadora.

Xestor de Arquivos Simple

Un xestor de arquivos e cartafoles, tanto da memoria interna como da tarxeta SD, do noso dispositivo. Un xestor de arquivos sinxelo, limpo e fácil de usar.

Lanterna Simple: Luz LED

Unha sinxela app de lanterna con brillo extra de pantalla e un estroboscopio personalizable. Como o resto de apps do autor, non contén anuncios nin permisos innecesarios.

Hai máis apps que forman parte das Simple Mobile Tools que podedes revisar nesta ligazón.

Simple Grazas

Se queres contribuír economicamente co proxecto, existen algunhas destas aplicacións en versión Pro que teñen un pequeno custo de adquisición e, por suposto, seguen sendo de software libre e mantendo a filosofía inicial do desenvolvedor de non ser intrusivas (nin cos permisos, nin coa publicidade). Tamén existe a app Simple Grazas, para poder contribuír a este proxecto.

Algún dos textos pertencen ao número 03 de Xeneración Ñu, Artigo en galego para Xeración Ñu – 03: Simple Mobile Tools de Miguel Ángel Rodríguez Muíños.

As imaxes foron sacadas da web oficial do proxecto Simple Mobile Tools e de F-droid.

Pílula en vídeo sobre Simple Mobile Tools

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

#Aplicacións de software libre para usuarios de a pé #artigo TIC #Inkscape

Falamos esta vez de Inkscape, editor de gráficos vectoriais libre. Con Inkscape poderás crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos e ilustracións complexas.

Inkscape

Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS). Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.

O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG.

Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte multi-idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.

Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas. Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.

O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.

Inkscape é usado por deseñadores profesionais (en empresas de publicidade ou imaxe corporativa, enxeñería/CAD, gráficos web ou deseño de cómics) e afeccionados de todo o mundo para crear unha gran variedade de gráficos como ilustracións, iconas, logos, diagramas, mapas e deseños web.

En resumo, Inkscape é unha ferramenta extensible, flexible e que se adapta perfectamente a fluxos de traballo noveis ou profesionais.

Pílula sobre Inkscape

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal