Seguimos coa serie de artigos sobre “Ciberseguridade orientada a empresa”, unha colección de ferramentas de software libre e consellos que nos axuden a mellorar a ciberseguridade da nosa empresa.
Na primeira entrega sobre ciberseguridade, fixemos unha pequena introdución a este tema e falamos en profundidade sobre a xestión dos contrasinais, recomendando varios xestores de contrasinais de software libre que nos gustan especialmente. Na segunda entrega, explicamos o dobre factor de autenticación e a importancia das copias de seguridade, ademais de ver varias aplicacións para solucionar estes problemas.

Neste terceiro artigo, falaremos do uso de antivirus e VPN’s para mellorar a nosa seguridade dixital.
Antivirus

Os antivirus son programas cuxo obxectivo é detectar e eliminar virus informáticos, pero cada vez son máis avanzados porque ademais de buscar e detectar virus conseguen bloquealos, desinfectar arquivos e previr unha infección dos mesmos. Actualmente son capaces de recoñecer outros tipos de malware, como spyware, troianos e rootkits, entre outros.
Antivirus recomendados de software libre
– ClamAV (falaremos en profundidade del máis abaixo).
– Bullguard, solución de seguridade con moitas funcións para Windows, Mac OS e Android. Ofrece un período de proba gratuíto de 30 días. Conta con protección en tempo real mediante escáner en liña, control parental, motor de comportamento e aprendizaxe automático avanzado. Copia de seguridade integrada na nube e VPN integrada.
– Armadito Antivirus, antivirus para servidores e PC en plataformas GNU/Linux e Windows. Detección de malware baseada en firmas (soporte de firmas ClamAV e regras YARA), módulos de detección heurística para binarios e documentos PDF, protección en tempo real, arquitectura modular, interface fácil de usar.
– Proxecto OpenAntiVirus, inclúe máis proxectos dispoñibles para os desenvolvedores que desexen engadir as súas contribucións e melloralo. Plataforma para persoas interesadas e entusiastas na investigación de antivirus, a seguridade informática e de redes.
Inclúe VirusHammer, ScannerDaemon, Squid-v scan e PatternFinder, entre outras ferramentas que proporcionan protección antivirus.
ClamAV

ClamAV é un kit de ferramentas antivirus, multiplataforma e de software libre (licenza GPLv2), deseñado especialmente para o escaneo de correo electrónico en pasarelas de correo. O núcleo do paquete é un motor antivirus dispoñible en forma de biblioteca compartida.
Principais características:
– Estándar de software libre para os programas de escaneo das pasarelas de correo.
– Escaneo multifío e utilidades de liña de comandos para o escaneo de arquivos baixo demanda e tamén para a actualización automática de firmas.
– Soporta varios formatos de arquivo, desempaquetado de ficheiros e arquivos, e varias linguaxes de firma.
– Adecuado para o escaneado da web e o correo electrónico.
– Actualizador avanzado de bases de datos con soporte para actualizacións con scripts, firmas dixitais e consultas de versións de bases de datos baseadas en DNS.
ClamAV conta cun variado ecosistema de proxectos comunitarios, produtos e outras ferramentas que dependen de ClamAV.
Servizos de VPN

Os servizos VPN permiten securizar, cifrar e anonimizar as conexións na internet. Unha vez que o usuario cliente e o servidor VPN remoto negociaron unha conexión de rede virtual cifrada, o servidor actúa como proxy para todo o tráfico da internet do cliente.
No caso de OpenVPN, utiliza TLS con claves de sesión simétricas transitorias para cifrar a información. As claves negócianse sobre a marcha, despois de que o servidor e o cliente autenticáronse. Son imprevisibles e cámbianse con frecuencia (por defecto, cada hora). Un adversario que comprometa unha sesión concreta só pode descifrar o tráfico desa sesión.
Os servizos VPN son moi fáciles de configurar e utilizar, porque os provedores encárganse dos aspectos técnicos.
Servicios de VPN recomendados
– ProtonVPN, (falaremos en profundidade del máis abaixo).
– Mullvad, proveedor de VPN rápido ubicado en Suecia. Conta con servidores en 35 países. Ademais das conexións OpenVPN estándar, admite WireGuard. Conta con clientes para dispositivos móbiles.
– IVPN, ten a súa sede en Xibraltar, con servidores en 32 países. Admite WireGuard e conta con clientes para dispositivos móbiles.
ProtonVPN

ProtonVPN é un provedor de servizos de rede privada virtual (VPN) operado pola compañía suíza Proton Technologies AG, a mesma compañía creadora de ProtonMail (correo electrónico seguro), fundada por varios investigadores do CERN, con versións para Windows, macOS, Android e iOS.
Ao estar rexistrada en Suíza, conta cunha lexislación estrita no campo da protección da privacidade, que non permite que outros axentes externos controlen a información. ProtonVPN utiliza OpenVPN (UDP/ TCP) e o protocolo IKEv2, con cifrado AES-256. A compañía ten unha política de non rexistro para os datos de conexión do usuario e tamén evita que as fugas de DNS e Web-RTC expoñan as verdadeiras direccións IP dos usuarios.
ProtonVPN tamén inclúe soporte de acceso a Tor e un interruptor de apagado para pechar o acceso a Internet en caso de perda da conexión VPN. ProtonMail e ProtonVPN seguen sendo apoiados principalmente pola comunidade e desenvolvidos coas achegas da mesma.

Características de seguridade da VPN: cando usas ProtonVPN para navegar pola web, a túa conexión está cifrada. Ao enrutar a túa conexión a través de túneles cifrados, as funcións de seguridade avanzadas de ProtonVPN garanten que un atacante non poida espiar a túa conexión. Tamén permite acceder a sitios web que poderían estar bloqueados no teu país. Os servidores centrais están situados en centros de datos reforzados en Suíza, Islandia e Suecia, protexidos por fortes leis de privacidade, e operados en redes propias dedicadas. A súa licenza é a GPLv3.
Esperamos que esta colección de ferramentas de software libre e consellos vos axuden a mellorar a ciberseguridade na vosa empresa. Recordade que para complementar esta serie de artigos, estamos publicando unha serie de podcast sobre ciberseguridade, onde entrevistaremos a especialistas da materia. Esperamos que vos gusten.