Luns, 19 Setembro 2022

Guía de Boas Prácticas para Liberación de Contidos e Software

PDF

No ano 2014 a Xunta de Galicia presentou dúas guías de boas prácticas para a liberación de contidos e para a liberación de proxectos software como software libre. Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha administración pública.

Esta nova guía que se presenta, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral. É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotián. É por isto que tamén se xuntou nunha única publicación as dúas guías anteriores, para ter un único documento de referencia e porque ao final, os procesos de liberación de contidos e software, aínda que con particularidades propias, están baseados nos mesmos principios.

A guía comeza cunha introdución á Propiedade Intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple que poida ser entendida por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, o lector ou lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos que ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.

Xoves, 15 Setembro 2022

Base Topográfica de Galicia 2020

Enlace externo

A Oficina de Coordinación de Software Libre elaborou este Geopackage co fin de dispoñer dunha versión da BTG que inclúa simboloxía nun formato estándar aberto.

Para a súa elaboración partiuse dos datos da BTG publicados no centro oficial de descarga de cartografía da Xunta de Galicia, e do ficheiro de simboloxía publicado en formato LYR.

Para máis información sobre estes datos e a súa licenza pode consultar a información na páxina correspondente do portal de Información Xeográfica de Galicia.

Contido do Geopackage:

  • O listado de capas da BTG 2020 oficial obtido a partir do empaquetado dos ficheiros Shape orixinais.
  • A simboloxía para o seu uso en QGIS, contendo toda a información que QGIS xestiona para a representación dunha xeometría e os seus atributos, incluídos a definición de símbolos, tamaños, rotacións, etiquetado, filtros, etc. Obtida a partir da transformación da simboloxía LYR a formato QML para QGIS.
  • Un proxecto predefinido de QGIS coas capas da BTG 2020 agrupadas e ordenadas e coa simboloxía aplicada.

Venres, 15 Febreiro 2019

Matriz de compatibilidade de licenzas de software libre

PDF

A compatibilidade entre as diferentes licenzas de software libre é un problema complexo ao que é necesario enfrontarse de cara a liberar un software. As aplicacións de software libre tenden a empregar bibliotecas de terceiros para o seu desenvolvemento, que teñen definida unha licenza concreta. Para liberar un software compre analizar todas estas licenzas e a súa compatibilidade de cara a elixir unha licenza global para o proxecto.

De cara a tentar facilitar este proceso creouse esta matriz de licenzas que permite analizar a compatibilidade entre licenzas de software libre, permitindo elixir un subconxunto delas, de acordo coas dependencias empregadas para o desenvolvemento dun proxecto, e a partir deste subconxunto ver que licenza ou licenzas son compatibles para empregar como licenza global para todo proxecto.

Compre salientar que este documento ten carácter meramente informativo, como axuda de cara a liberación dun proxecto e detectar posibles incompatibilidades entre licenzas, porén non é un documento que posúa ningunha garantía legal.a

Licenza

Este material publícase baixo a licenza libre Creative Commons 4.0 Internacional Recoñecemento Compartir Igual. Isto permite que calquera persoa ou entidade poida empregala libremente, distribuíla, modificala e adaptala, mellorándoa coa inclusión de novas licenzas ou corrixindo posibles erros.

Autoría

Este documento foi elaborado pola Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA (Xunta de Galicia), baseándose no traballo previo feito polo Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e Comunicación (CENATIC).

Xoves, 15 Decembro 2016

Guía de boas prácticas para a liberación de publicacións da Xunta de Galicia

PDF

A Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia é unha guía elaborada pola AMTEGA co obxectivo de servir de referencia á hora de resolver as dúbidas en materia de propiedade intelectual relacionadas coas publicacións da Xunta de Galicia á hora de realizar a elección de licenzas libres e formatos abertos.

Esta guía incorpora pois recomendacións sobre sobre a xestión da propiedade intelectual no proceso de desenvolvemento das obras, analiza os diferentes tipos de licenciamento mediante licenzas libres e finalmente inclúe recomendacións de formato e ferramentas en Software Libre para o traballo con documentos de texto, imaxes, vídeos e obras sonoras.

Coa difusión desta guía a AMTEGA quere contribuír a fomentar a difusión das vantaxes das licenzas copyleft e o concepto Cultura Libre no ámbito da administración publica, fomentando deste xeito a súa proliferación neste eido.

A AMTEGA considera que esta guía podes ser de utilidade para calquera persoa, sexa ou non traballador da Xunta de Galicia. As boas prácticas recollidas á hora de incluír adecuadamente unha licenza nos diversos tipos de material documental, poden ser útiles para a cidadanía en xeral, dende docentes que elaboran materiais educativos para o seu alumnado, traballadores de empresas do sector dos contidos, e en xeral para toda a cidadanía.

Esta guía foi elaborada pola Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA coa colaboración da Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia dentro das actividades incluídas no plan de acción FLOSS 2014 da Xunta de Galicia.

Xoves, 15 Decembro 2016

Procedemento de Liberación de Software da Xunta de Galicia

PDF

O presente documento é a guía para o procedemento estandarizado de liberación de software para a Xunta de Galicia.

Este procedemento de uso interno na Xunta de Galicia ten como obxectivo fornecer coñecementos e ferramentas para facilitar a liberación de software por parte de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

O documento foi elaborado durante o ano 2011 pola Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA e contou con achegas por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, así como por parte do CENATIC.

O procedemento estrutúrase en diferentes fases para as que se expoñen os diferentes métodos de actuación para cada unha delas:

  • Fase de Identificación, durante a cal, haberá de recollerse información correspondente ao proxecto que axude nas sucesivas tomas de decisións relativas ao mesmo.
  • Fase de Preparación, na que deberán tomarse a maioría das decisións relativas a licenciamento, modelo de xestión de comunidade e obxectivos e motivacións do proxecto.
  • Fase de Publicación, durante a cal levarase a cabo gran parte do traballo técnico de posta do software a disposición pública en repositorios de código fonte, a creación de documentación, o empaquetado e en resume o que poderiamos chamar a publicación dun produto software.
  • Fase de Liberación, onde se perseguirá a autonomía do proxecto ou produto de software libre, sustentado na súa propia comunidade cos seus propios mecanismos.
Martes, 22 Febreiro 2011

Guía de uso de formatos de ficheiros asociados aos contidos web da Xunta de Galicia

PDF

Guía coas políticas de uso de formatos nos documentos que se poñen a disposición de toda a cidadanía nas páxinas e portais web da Administración autonómica galega.

Coa publicación desta guía a Administración autonómica dá cumprimento á normativa europea e estatal sobre a reutilización da información do Sector Público que indica que os organismos e institucións públicas deben facilitar os seus documentos preferiblemente en estándares abertos sen dependencia da utilización duns determinados programas ou software de lectura.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal