O concello de Brest da rexión da Bretaña, comezou a distribuír un CD-ROM con software de código aberto entre os usuarios de PC que executan software privativo. Nun anuncio do cedé, Michel Briand, asistente do alcalde de Brest, chamou ao sector público francés a empregar software de código aberto.
A cidade está a publicar varios cedés chamados «Bureau libre free-EOS» e as copias poden recollerse gratuitamente nunhas 77 bibliotecas, institutos de ensino secundaria e universidades arredor da cidade e na rexión. Os cedés proporcionan tanto aplicacións libres preparadas para se executaren en sistemas operativos privativos como Microsoft Windows ou MacOS X, como nun completo sistema de código aberto usando GNU/Linux. Máis de 200 000 cedés foron distribuidos nos pasados 18 meses, segundo explicou Michel Briand.
Nun artigo sobre os cedés publicado esta semana polo xornal francés L’Humanité, Briand apelou a outras autoridades públicas francesas para incrementar o uso do software de código aberto.
Das palabras de Briand cómpre salientar que se pregunta por que «o Estado Francés, en lugar de comprar caras licenzas non emprega ese diñeiro en equiparse cos programas de código aberto dispoñíbeis gratuitamente?» Segundo as súas reflexións, isto non só axudaría a aforrar custos senón que axudaría tamén a aqueles que desenvolven estas aplicacións. Concluíu que «as autoridades públicas locais teñen un papel que desempeñar nisto»
Fonte: IDABC
