A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información vén de publicar a resolución de dúas ordes que facilitarán a promoción do Software Libre a través de iniciativas de difusión e a súa implantación en empresas. Entre as dúas axudas suman case 5 millóns de euros en axudas.
A primeira destas ordes vai orientada a subvencionar a entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro para promover actuacións de difusión e formación relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información. Aínda que as axudas non están dirixidas en exclusiva á promoción do Software Libre, moitas das accións van dirixidas nesa liña, especialmente ao eido empresarial.
No tocante ás axudas aos investimentos das empresas en materia da sociedade da información repartirasen máis de tres millóns de euros entre a PEME para a mellora da súa competitividade a través das TIC. Algunhas das accións subvencionadas son a implantación de CRM en Software Libre, tradutores automáticos, o desenvolvemento de ferramentas de código aberto ou a implantación doutro tipo de aplicacións libres.
