O pasado venres 19 de outubro deu comezo o Máster en Software Libre de Caixanova en colaboración con Igalia e o grupo LibreSoft da Universidad Rey Juan Carlos. As oito persoas inscritas neste programa de formación asistiron á presentación por parte de Jesús González Barahona, profesor da Universidad Rey Juan Carlos.
O máster desenvólvese en sesións de fin de semana e rematará en setembro do vindeiro ano. Os alumnos desenvolverán as súas prácticas en empresas como Igalia ou Telefónica I+D. No blogue de Chema Casanova de Igalia atoparedes máis detalles desta iniciativa.
Este máster ten por obxectivo formar a profesionais para desenvolver proxectos internacionais de Software Libre. Outro aliciente para os alumnos serán as bolsas Morfeo, promovidas por Telefónica I+D, e GNOME, promovida por Igalia, que achegarán unha axuda de 3.000 euros e a posibilidade de facer o practicum nestas empresas.
O enfoque internacional do Máster de Software Libre, cun marcado carácter práctico e enfocado á empresa, suxería solicitar a colaboración de persoeiros de renome internacional que acheguen a relación da comunidade de Software Libre coa empresa:
- Miguel de Icaza, vicepresidente de Developer Platform en Novell, fundador do proxecto GNOME e impulsor do proxecto Mono.
- Richard Stallman, presidente da FSF e fundador do proxecto GNU.
- Bdale Garbee, xefe tecnolóxico da área Open Source & Linux de HP a nivel mundial e tamén presidente de Software in the Public Interest.
- Carlos Guerreiro, líder de OSSO Desktop team en Nokia Multimedia, relacionado directamente co proxecto Maemo.
- Alberto Abella, director de desenvolvemento corporativo da Fundación CENATIC e co-autor do Libro Blanco de Software Libre .
- Marcelo D’Elia Branco, coordinador do proxecto “Red Internacional de las Administraciones Públicas por el Software Libre”.
Todos os membros do comité asesor participarán de forma activa durante o curso académico, impartindo unha conferencia maxistral aberta ao público e un seminario específico exclusivo para os alumnos do Máster.
