Bota a andar o Máster en Software Libre de Caixanova

Bota a andar o Máster en Software Libre de Caixanova

Máster de Software Libre de CaixanovaO pasado venres 19 de outubro deu comezo o Máster en Software Libre de Caixanova en colaboración con Igalia e  o grupo LibreSoft da Universidad Rey Juan Carlos. As oito persoas inscritas neste programa de formación asistiron á presentación por parte de Jesús González Barahona, profesor da Universidad Rey Juan Carlos.

O máster desenvólvese en sesións de fin de semana e rematará en setembro do vindeiro ano. Os alumnos desenvolverán as súas prácticas en empresas como Igalia ou Telefónica I+D.  No blogue de Chema Casanova de Igalia atoparedes máis detalles desta iniciativa.

Este máster ten por obxectivo formar a profesionais para desenvolver proxectos internacionais de Software Libre. Outro aliciente para os alumnos serán as bolsas Morfeo, promovidas por Telefónica I+D, e GNOME, promovida por Igalia, que achegarán unha axuda de 3.000 euros e a posibilidade de facer o practicum nestas empresas.

O enfoque internacional do Máster de Software Libre, cun marcado carácter práctico e enfocado á empresa, suxería solicitar a colaboración de persoeiros de renome internacional que acheguen a relación da comunidade de Software Libre coa empresa:

  • Miguel de Icaza, vicepresidente de Developer Platform en Novell, fundador do proxecto GNOME e impulsor do proxecto Mono.
  • Richard Stallman, presidente da FSF e fundador do proxecto GNU.
  • Bdale Garbee, xefe tecnolóxico da área Open Source & Linux de HP a nivel mundial e tamén presidente de Software in the Public Interest.
  • Carlos Guerreiro, líder de OSSO Desktop team en Nokia Multimedia, relacionado directamente co proxecto Maemo.
  • Alberto Abella, director de desenvolvemento corporativo da Fundación CENATIC e co-autor do Libro Blanco de Software Libre .
  • Marcelo D’Elia Branco, coordinador do proxecto “Red Internacional de las Administraciones Públicas por el Software Libre”.

Todos os membros do comité asesor participarán de forma activa durante o curso académico, impartindo unha conferencia maxistral aberta ao público e un seminario específico exclusivo para os alumnos do Máster.

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal