Inkscape é un editor Software Libre de gráficos vectoriais, con capacidades similares a Illustrator, Freehand, CorelDraw ou Xara X empregando o estándar SVG (Scalable Vector Graphics) do W3C. A nova versión 0.45 está dispoñible para descarga en sourceforge.
As características do SVG inclúen figuras, camiños, texto, marcadores, clons, alpha blending, transformacións, gradientes, patróns e agrupación. Inkscape tamén soporta metadatos Creative Commons, edición de nodos, capas, operacións complexas de camiños (path), traceado de bitmap, texto sobre camiños, texto flotante, edición directa do XML e máis. Pode importar formatos coma JPEG, PNG, TIFF e outros e exporta a formato PNG tan ben coma a múltiples formatos vectoriais.
O principal obxectivo de Inkscape é crear, coa axuda da comunidade de usuarios empregando Software Libre, unha ferramenta potente de debuxo que cumpra cos estándares XML, SVG e CSS.
Dentro das melloras que se pretenden ofertar en futuras versións están a de dispoñer dunha liña de tempo para a creación de animacións e integración con Scribus, entre outras.
Outra alternativa libre a Inkscape é GLIPS Graffiti Editor. Esta ferramenta é un editor de gráficos SVG multiplataforma que ademais permite a comunicación con provedores de datos de aplicacións SCADA HMI.
