A firma islandesa MIND presentou onte en Hong Kong o primeiro computador deseñado para nenos de entre 3 e 12 anos, en colaboración coa taiwanesa Mitac e no que a empresa española Imaginarium achegou o seu asesoramento..
Segundo palabras de Helena López, subdirectora xeral de produto de Imaginarium, «Eles son grandes coñecedores da técnica e nós de que é o que ten que ter o produto de cara aos pais».
Helena López indicou tamén que «non é un xoguete, é un computador que permite debuxar, conectarse a internet, e realizar outras funcións típicas dun computador tradicional», conta como característica novidosa cunha interfaz intercambiable. Ademais, non ten teclado, senón obxectos que se conectan ao ordenador e funcionará co sistema operativo GNU/Linux.
Esta presentación serviu de marco para a firma dun acordo en I+D+i entre a española Imaginarium e a islandesa MIND para desenvolver produtos interactivos para as familias.
Ambas compañías traballarán xuntas na investigación de novos produtos que atendan as necesidades das familias, conteñan valores familiares e promovan o desenvolvemento evolutivo dos nenos axudándolles a desenvolver as súas habilidades e aptitudes individuais mediante o emprego de funcións interactivas.
