
O test de accesibilidade
TAW, que permite determinar o grao de accesibilidade dunha web, xa conta coa súa
versión en galego grazas a un acordo entre a
Fundación CTIC e a Consellería de Innovación. Deste xeito os desenvolvedores web contarán cunha ferramenta de referencia no ámbito hispanoamericano que facilita a integración de colectivos con risco de discriminación tecnolóxica e posibilita un deseño «aberto a todos». O
Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información contempla o desenvolvemento de ferramentas en galego que melloren a accesibilidade e a integración de diferentes colectivos na sociedade da información.
Este test, actualmente na súa versión 3, ten coma características a análise do sitio web completo, soporte para protocolo seguro, validación de zonas protexidas, acceso a través de proxy e proxy con contrasinal, comprobación visual para facilitar a validación manual, elaboración do informe EARL, posibilidade de engadir comprobacións personalizadas, configuración da validación no nivel de punto de verificación, limitador do número de páxinas da análise e maior número de comprobacións. Paralelamente á versión galega anunciouse a aparición da súa versión catalá.