Mancomún

O «Observatorio de la Neutralidad Tecnológica» reúne achegas de diferentes asociacións ou colectivos activos en torno ás discriminacións producidas polo emprego de tecnoloxías da información e como resultado dese traballo preséntase este novo informe.

O informe é apoiado, entre outros, por Hispalinux, Linux Español, Linux Magazine (ed. española), a Asociación Legalventure e a Iniciativa Focus.

O Concello de Mugardos organiza as súas IV Xornadas de Software Libre que terán lugar o sábado 21 de abril pola tarde no Salón de Plenos do Concello de Mugardos. Este evento naceu da iniciativa da Comunidade Virtual Linux O Zulo. Mancomun.org participa cun relatorio no que presentará a Iniciativa Galega polo Software Libre.

Este é o programa:

  • 16:30 horas:
    • Relator: David Carracedo (Academia Postal)
    • Tema: Software libre: O estado actual
  • 17:30 horas:
    • Relator: Jesús Arribi (Mancomún)
    • Tema: O Proxecto Mancomún: iniciativa galega polo software libre
  • 18:45 horas:
    • Relator: Roberto Brenlla (Tegnix)
    • Tema: Directrices migratorias, servidores
  • 19:45 horas:
    • Relator: Andrés J. Díaz (Mancomún)
    • Tema: Máquinas virtuais: a forxa de Mancomún
  • 20:45 horas:
    • Relator: Alberto Permuy Leal (MyC)
    • Tema: Squid: cacheando a rede

 

http://www.mancomun.org/images/stories/logo_entrans.png Grazas ao esforzo de todos os voluntarios do Entrans de mancomun.org, recentemente rematouse de traducir as aplicacións B2Evolution e Freemind e agora xa se atopan dispoñibles dende as páxinas dos autores. Aínda que as páxinas non reflicten eses cambios, podedes atopar as traducións nas seguintes ligazóns:

Tradución do B2Evolution ao galego

Tradución do Freemind ao galego

B2Evolution é un sistema de publicación especialmente útil para centros educativos e empresas xa que permite aloxar blogues individuais dentro dun blogue colectivo (multi-blogue)…

Freemind é unha aplicación que permite crear mapas conceptuais, asociar as ideas unhas con outras, de forma rápida e sinxela.

http://www.mancomun.org/images/stories/centos-292-man.pngO proxecto CentOS anunciou o lanzamento da versión 5.0 do clon libre máis popular de Red Hat Enterprise Linux, actualizado cos paquetes de todas as variantes de RHEL5, incluídas as súas edicións Client e Server.

CentOS 5.0 inclúe: Kernel 2.6.18, soporte de Compiz e AIGLX, Xen con Virtual Machine Manager e máis perfís de usuario, entre moitas novidades máis. CentOS 5.0 está dispoñible só para as arquitecturas i386 e x86_64, aínda que se promete soporte para IA64, PowerPC e Sparc proximamente.

Pódese descargar dende,

CentOS 5.0 i386 (Mirrors).

CentOS 5.0 i386 DVD (ISO).

CentOS 5.0 x86_64 (Mirrors).

CentOS 5.0 x86_64 DVD (ISO).

 

Fonte:
http://www.vivalinux.com.ar/distros/centos-5.0.htm

Nos últimos seis meses máis de 100 estudios de posprodución de todo o mundo adoptaron solucións de Autodesk para cine e televisión que funcionaban baixo o sistema operativo GNU/Linux.

No mes de abril de 2006, Autodesk cambiou os seus sistemas de efectos visuais e de edición/acabado e pasou de estacións de traballo SGI a estacións de traballo baixo o sistema operativo GNU/Linux. O sistema de efectos visuais Autodesk Flame para Linux ofrece composicións complexas en 3D, 20 veces máis rápidas que nas estacións de traballo SGI anteriores..

Exemplo destes cambios son as empresas Industrial Light & Magic (ILM) que recentemente fixeron a transición de seis dos seus sistemas de efectos visuais Autodesk Inferno a estacións de traballo GNU/Linux. The Mill que actualizou Autodesk Smoke de edición/acabado e Flame de efectos visuais para estacións de traballo GNU/Linux. O estudio de posprodución de anuncios televisivos Quiet Man con sede en Nova York tamén cambiou os seus sistemas Flame a Linux.

Fonte:
http://www.vnunet.es/Actualidad/Noticias/Informatica_personal/Linux/20070412033

A biblioteca municipal do Porriño foi premiada pola súa actividade de animación á lectura co Premio María Moliner 2006 de Animación a la Lectura. Carmen Calvo, Ministra de Cultura, resaltou que as actividades desenvolvidas polo centro empregan as canles preferidas pola xente nova. A iniciativa foi elixida entre 7.500 propostas e representa un caso de éxito no emprego das tecnoloxías da información e do Software Libre.

Segundo nos explica o responsable da biblioteca Albino Alonso, os equipos do centro que empregan os lectores para  entrar en internet e o de consulta de catálogo teñen coma sistema operativo Ubuntu. Estes cinco postos son empregados polos usuarios para conectarse a Internet, empregar o OpenOffice.org e outras funcións sen maiores dificultades. Cita como exemplo que moita xente pregunta «onde está o ‘E'» en referencia ao logotipo de Internet Explorer porque queren conectarse e non dan atopado o programa. Unha vez que se lles explica como acceder ao navegador web traballan sen problemas.

A biblioteca leva traballando con estes postos de GNU/Linux desde hai un ano. En breve incorporaranse tres novos equipos para a sala de lectura infantil e xuvenil que levarán incorporados a distro educativa Edubuntu. Ademais a web da biblioteca facilita o achegamento dos lectores sendo posible a realización do carné de usuario a través de internet, consultar o catálogo, calendario de actividades… Arestora trabállase para que a páxina cumpra o nivel AAA de accesibilidade.

Alonso cóntanos que xa fora a súa intención hai oito anos empregar GNU/Linux pero o feito de que a maior parte do software estivese en inglés e o seu aspecto pouco amigable levaron a postergar o cambio ata a aparición de distros máis fáciles de empregar para un usuario medio coma Ubuntu. As razóns para apostar polos estándares abertos son o feito de non ter que pagar licenzas, a ausencia de virus, a súa adaptabilidade, o emprego do galego e seguir a filosofía de coñecemento compartido do Software Libre.   

OusliO pasado venres, 13 de Abril, Ousli , grupo ourensán de usuarios de GNU/Linux, levou a cabo unha xornada sobre Software Libre no centro de FP Caixanova que tivo lugar na capital ourensá. Mancomun.org tamén participou neste evento cun relatorio sobre As posibilidades do Software Libre. O material empregado está dispoñible na web da asociación:

 

 

GPULDe hoxe ata o día 15  terá lugar na Coruña a DudesConf.  Este encontro ten por obxectivo reunir aos desenvolvedores do proxecto Debian GNU/Linux e as súas distribucións derivadas para colaborar xuntos no desenvolvemento da distribución e intercambiar opinións sobre a  marcha do proxecto. O evento é auspiciado polo GPUL, grupo de programadores e usuarios de Linux da Coruña. 

A organización pon a disposición dos asistentes facilidades para o aloxamento e a comida. Conta coa colaboración da Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña e Mancomun.org.

A Comisión de Administracións Públicas do Congreso aprobou o proxecto de Lei para o acceso electrónico ás administracións. Entre as novidades introducidas por esta lei está a garantía do acceso ás administracións públicas a través de Software Libre. Agora o proxecto de lei pasará ao Senado antes da súa aprobación no Congreso dos Deputados. Todos os partidos excepto PP, que votou na contra dalgúns aspectos relacionados cos estándares libres, e CIU, pola parte relativa ás competencias autonómicas, votaron a favor da aprobación deste proxecto.

A futura lei prevé que as tres administracións teñan que garantir a interoperabilidade entre os sistemas que manexen, de modo que as xestións que se fagan nun ámbito sexan comprensibles e válidas noutro. Con esta fin crearase un Esquema Nacional de Interoperabilidade. Ademais, a futura lei incluirá unha definición do estándar aberto, algo que, no conxunto da lexislación europea, só Francia ten feito, e creará a figura do Defensor do Usuario da Administración Electrónica que vixilará polo cumprimento dos dereito que a lei recoñece aos cidadáns.

A deputada socialista Lourdes Muñoz explicou que co uso de estándares libres preténdese que non haxa discriminación cara o usuario que elixa Software Libre e así evitar os monopolios das principais compañías informáticas. As administracións utilizarán estándares libres e, cando non lles sexa posible, terán sistemas que os cidadáns usen de forma xeralizada, para evitar impoñer ao usuario un determinado programa.

Isaura Navarro de IU, Francisco Rodríguez do BNG e Luis Ayllón de ERC celebraron as enmendas que amplían significativamente a lei e que supoñen unha clara aposta polos estándares abertos e Software Libre. O deputado do PP José Ignacio Echániz, que afirmou estar a favor dos principais aspectos da lei, amosou as súas reticencias aos estándares libres, por entender que o texto «esquece ás empresas» deste sector. 

Fonte: La Flecha /EFE 

http://www.mancomun.org/images/stories/ciberirmandade.pngAs Ciberirmandades da Fala remataron de traducir o sistema de foros phpBB coa axuda de voluntarios dende a súa páxina web. A versión traducida está baseada na normativa da Real Academia Galega e constaba dun total de 5545 cadeas. Agora só falta que saia a versión definitiva do phpBB3 para que poidamos desfrutalo en galego.

As Ciberirmandades empregan unha ferramenta colaborativa chamada TraduCif e que estaba baseada no software Entrans que tamén utilizamos en www.mancomun.org/entrans.

http://www.mancomun.org/images/stories/thunderbird.pngAcabamos de rematar a revisión das cadeas da tradución do Thunderbird 1.5 e por iso vimos de publicar a tradución completa do Thunderbird ao galego.
 
A ligazón para a descarga da tradución é a seguinte:
Complemento coa tradución ao galego do Thunderbird 1.5
Calquera erro que se atope nesta versión poderá ser enviado á lista de galician.mozdev.org para futuras correccións, xa que se procurará que as traducións dos produtos Mozilla sexan coordinadas desde galician.mozdev.org.

Para ver as instrucións de instalación prema en ler máis…

 

Instrucións para a instalación da tradución:

Para usar a tradución temos que instalar a extensión (thunderbird-gl-ES.xpi). Para instalar a extensión temos que abrir o Thunderbird e no menú Ferramentas->Extensións pulsar en Instalar. Seleccionamos a extensión descargada e reiniciamos o Thunderbird.

Feito isto, se temos o sistema operativo en galego, o Thunderbird arrancará por defecto xa en galego.

Se non fose así, deberemos engadir un parámetro de execución ao Thunderbird. O parámetro é o seguinte (sen as comiñas):

«-uilocale gl-ES»

 
Para engadir o parámetro modificamos o acceso directo do Thunderbird tal e como segue:

http://www.mancomun.org/images/stories/instalar_thunderbird_gl.jpg

 

Outra opción é instalando o paquete de idioma e despois un complemento a maiores, o Locale Switcher, que permite seleccionar o idioma sen ter que poñer o parámetro anterior. Instálase, reiníciase e xa aparece en «Ferramentas->Idiomas->Galego»

Para instalar «Locale Switcher» prema na seguinte ligazón:
https://addons.mozilla.org/

 

Palm vén de comunicar que vai empregar unha nova plataforma sobre GNU/Linux para que a empresa sexa máis competitiva. Directivos de Palm anunciaron a nova plataforma do sistema operativo durante unha entrevista con analistas en Nova York, onde estaban a discutir a estratexia de negocio da compañía.

A plataforma baseada en GNU/Linux, que Palm estivo a desenvolver dende xa hai tempo, soporta de base multitude de configuracións, de tal forma que os fabricantes terán que quitar aquelas funcionalidades que non queiran incluír nas súas PDAs e smartphones.

Esta xeración do sistema operativo desenvolvida por PalmSource xa non terá a palabra «palm» no seu nome, senón que se chamará ACCESS Linux Platform (o ALP).

ALP é unha plataforma de Software Libre que conta, por enumerar algúns, cos seguintes módulos:

  • Kernel Linux estándar v 2.6.12 e superior.

  • GTK+ é un desenvolvemento optimizado das ferramentas GIMP, as librerías gráficas open source para a creación de interfaces gráficos.

  • GStreamer, un marco de traballo (framework), tamén open source, modular e multifío de streaming multimedia.

  • SQLite, un motor de base de datos empregado con frecuencia en dispositivos empotrados.

http://www.mancomun.org/images/stories/ubuntu.png Canonical Ltd., a empresa que desenvolve [[Ubuntu]], xa volveu abrir o seu famoso servizo shipit.ubuntu.com. Mediante este servizo, podemos pedir que nos envíen CD orixinais de Ubuntu sen ningún custe ao enderezo que desexemos.

A diferenza é que agora xa se poden pedir os CD da futura versión 7.04 (Feisty Fawn), cando até o de agora só se podía pedir os CD da versión 6.06 LTS; pero estando limitada a cantidade de CD que se poden pedir a 3 unidades…

A páxina para poder pedir os CD é a seguinte:
https://shipit.ubuntu.com
A Confederación de Empresarios de Pontevedra celebrou o pasado mércores 11 de abril unha xornada orientada a achegar ás empresas as principais características e vantaxes do Software Libre orientado ao mundo dos negocios.  O evento contou coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, o coordinador do proxecto Mancomun.org, Jesús Arribi, o director da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, Enrique Barreiro e a experiencia real de dúas empresas: unha proveedora de produtos e servizos de Software Libre, Inforede, e unha cliente, a empresa téxtil Rei  Zentolo.
 
Acto da CEP

Elena Veiguela salientou a oportunidade que para Europa e Galicia supón o Software Libre de desenvolver industrias tecnolóxicas locais e repasou algunhas das iniciativas que a súa dirección xeral está a levar a cabo para incorporar á empresa galega á nova economía baseándose nun modelo tecnolóxico aberto. Salientou entre outras iniciativas, Mancomun.org, e a súa actividade de localización de software, asesoría, soporte, dinamización e difusión.

Enrique Barreiro, expuxo o cambio de concepto que supón na industria TIC o Software Libre ao pasar de entenderse o software coma un produto a un servizo. O centro que dirixe subscribiu un convenio con Mancomun.org para recompilar ferramentas de xestión empresarial libres e  facer implantacións experimentais en empresas.

Por último Ramón Pena de Inforede expuxo o seu modelo de negocio e as vantaxes que o código aberto supón para unha micropeme como a súa en termos de difusión, innovación ou documentación. Para Pena liberar un produto non supón unha ameaza senón unha oportunidade de facer negocio dun xeito alternativo ao tradicional. Expuxo aos asistentes un dos seus produtos, un punto de venda para a empresa Rei Zentolo que liberará en breve. Salvador Vázquez, representante desta empresa de deseño e venta de roupa, afirmou que non lles supón un problema que o programa que eles contrataron sexa empregado por outras persoas e considera unha gran vantaxe a independencia do fornecedor que supón que o cliente teña o código e non unha simple licenza.      

http://www.mancomun.org/images/stories/self.jpgSELF é un proxecto internacional que conta cunha plataforma para, dun xeito colaborativo, compartir e crear materiais libres para educación e capacitación en Software Libre e estándares abertos.

A Plataforma SELF difunde as vantaxes do uso de Software Libre e fornece materiais educativos e de capacitación para aprender o uso de aplicacións de Software Libre.

As aplicacións de Software Libre están dispoñibles en todos os campos e poden ser obtidas de moitas fontes. Para empregalas débese primeiro coñecer a súa existencia e valor práctico. Ademais, a falta de soporte técnico foi unha das razóns para xustificar o fracaso ou a demora na adopción de Software Libre. O cambio tecnolóxico real e de longo prazo dende o software privativo ao Software Libre só pode chegar cunha inversión en educación e capacitación.

A plataforma SELF é:

  1. un repositorio con materiais de educación e capacitación libres sobre Software Libre e estándares abertos
  2. un contorno de creación colaborativa para novos materiais

Inspirada na [[Wikipedia]], a plataforma SELF dispón de materiais en diferentes idiomas e formatos. A plataforma SELF é ademais un instrumento para avaliación, adaptación, creación e tradución de estes materiais. Pero o máis importante, a plataforma SELF é unha ferramenta para unir á comunidade con esforzos profesionais para o beneficio público.

Aqueles que participan na plataforma poden mellorar os seus propios contidos dun xeito colaborativo, mentres gañan experiencia, prestixio e recoñecemento na comunidade. Simultaneamente a súa participación axuda a mellorar os materiais de SELF, realzando a comunidade. Como resultado, o modelo comunitario de SELF garante unha situación vantaxosa para aqueles que acheguen esforzos na plataforma e aqueles que a empregan.

Fonte: Libro Blanco  

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal