Mancomún

Xa está dispoñible a versión 0.3.1 de TNTConcept que incorpora melloras e correccións sobre a súa predecesora. Xunto con este lanzamento tamén se publicou unha versión de demostración do proxecto na que se pode probar todas as funcionalidades da aplicación.

TNTConcept é unha ferramenta Web, baixo licenza GNU/GPL, para xestionar os procesos básicos dunha pequena empresa de servizos. Este software pode ser de utilidade para empresas de servizos, profesionais independentes ou departamentos de desenvolvemento.

Entre as novidades da nova versión (0.3.1) destacan a:

  • Incorporación de novos campos en multitude de táboas (foto, xerarquía de empresa, datos de contratos, etc.).
  • Inclusión de información sobre campos obrigatorios.
  • Validacións en campos.
  • Posibilidade de emitir facturas dende o sistema e importar os datos das mesmas desde os partes de actividade.
  • Control de facturas recibidas (para cálculo de taxas soportadas e repercutidas).
  • Novos formatos de informes.

Para ver en máis detalle todas as funcionalidades convén ler o titorial ou consultar a web do proxecto.

SILU (Sistema Informático Libre Universitario) é a distribución realizada pola Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. Baséase en Guadalinex, a distro da Junta de Andalucía, e contou coa colaboración da administración autonómica canaria e a empresa Emergya.

Esta primeira distro SILU, será repartida entre os estudantes e profesores das enxeñerías de Informática e Telecomunicacións, como experiencia piloto para avaliar a aceptación dos usuarios e considerar a súa posible extensión a máis centros da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

A Oficina del Software Libre (OSL) da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria (ULPGC) creouse co obxectivo de promover o uso e a produción do Software Libre dentro da ULPGC, así como servir de proxección á comunidade que a rodea.

Esta semana anunciouse unha nova versión de BeleniX, o live CD de escritorio baseado en OpenSolaris.

Esta nova versión está baseada en OpenSolaris Build 60, dispón do módulo completo X.Org 7.2 baseado nas fontes de Solaris X e Compiz 0.5.0 3D integrado en Xfce e KDE. Tamén se engadiu GNU Parted port para OpenSolaris e GParted coa capacidade de modificar o tamaño de particións NTFS, FAT e ext2, ademais de contar con actualizacións a varios paquetes de software como Xfce 4.4.1, GTK+, Cairo, Pango e KOffice 0.6.2.

Para máis información visitar a seguinte ligazón

O CD pódese descargar dende a ligazón
http://www.genunix.org/distributions/belenix_site/?q=download

 

Fonte:
http://distrowatch.com/?newsid=04252

Son moitos os comentarios que se poden ver por internet sobre que non se

pode facer a declaración por internet usando outros sistemas que non sexan Windows; pois ben, que pasaría se Facenda liberase os programas baixo algún tipo de licenza libre e abrise os formatos que emprega?.

Debido a seguranza que achegan os sistemas de certificación dixital, poderíanse facer programas compatibles para todos os sistemas

operativos, ter maior interoperabilidade entre Facenda cos bancos e

ademais, moi probablemente, a comunidade liberaría programas e as súas

melloras de forma gratuíta. O crecemento de aplicacións empresariais

que usasen os estándares da administración sería tanto en calidade como

en cantidade: a diversidade de ERP xeraría un bo nicho de mercado

nesta área.

Até o momento, Facenda aplica melloras de forma progresiva: ten

formatos que permiten certa interoperabilidade entre bancos e o

programa «PADRE», cada vez vai mellorando máis os sistemas e as

facilidades que lles dá aos contribuíntes; daquela, por que non dar o

seguinte paso?, por que non liberar o programa «PADRE»?.

Unha nova implementación do programa «PADRE» pode ser realmente custosa

para a adaptar a outros contornos, mais de se liberar este custo

sería asumido tanto pola comunidade como por empresas privadas que

desenvolvan novos ERP e programas para lles dar maiores facilidades aos

usuarios, Facenda só tería que preocuparse dos formatos para a

interoperabilidade dos sistemas.

En exercicios anteriores, podíase conectar a través dun

servidor CITRIX para poder facer a declaración desde outros sistemas

operativos, unha facilidade que este ano parece non existir. Como

suxestión de futuro, debería apostarse por protocolos abertos e

programas libres xa que ao final son os máis rendibles. Facenda gañaría

por dúas bandas: aforraría no desenvolvemento do programa e xeraría máis

emprego.

Hoxe, a oficina española da W3C celebra o «Día W3C en España»  en Madrid coa colaboración da Fundación CTIC e a Universidade Politécnica de Madrid. Este evento, que se desenvolverá na ETSI de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid, ten como obxectivo debater o presente e o futuro do uso dos estándares web e coñecer as experiencias de empresas e organismos no referente ao seu labor na súa aplicación.

Na xornada matutina, aberta ao público previamente inscrito, trataranse temas relacionados co web 2.0 e os seus problemas de accesibilidade, así como os beneficios e as desvantaxes que se atopan as empresas e os organismos á hora de aplicaren estándares nos seus servizos…

Pola tarde, terá lugar unha reunión exclusiva para os membros do W3C onde se debaterá sobre os estándares do W3C e se darán a coñecer os últimos avances sobre as tecnoloxías do W3C.
 
Fonte: La Flecha

OCRopus é un sistema de análise de documentos e recoñecemento óptico de caracteres. O motor de OCRopus está desenvolvido e esponsorizado en Google Code. Inicialmente estase a desenvolver para plataformas GNU/Linux x86 e x86/64 baixo Ubuntu 6.10. O código podería ser facilmente portado a outras distribucións GNU/Linux ou outras plataformas.

Empregando OCRopus pódese recoñecer o contido dunha imaxe e retornar unha saída en HTML, en concreto ao microformato hOCR.

Un exemplo para converter o texto dunha imaxen PNG a HTML dende a liña de comandos:

./ocropus ocr test-page.png > output.html

Dende o wiki están detalladas todas as opcións por liña de comando.

hOCR é un formato para a representación da saída OCR, incluíndo información da maquetación, caracteres confidenciais, caixas ligadas e información do estilo. Esta información é invisible sendo gardada en formato HTML estándar. Ao estar gardada en formato HTML estándar pódese traballar de forma automática por calquera linguaxe de programación. Para traballar co formato hOCR están dispoñibles as hocr-tools que son un conxunto de ferramentas para manipular e avaliar o formato hOCR e representar os resultados do formato multilingua OCR e incluílos dentro de código HTML.

Pódense seguir os pasos de instalación de OCRopus dende o wiki do proxecto.

Para máis información do formato hOCR consultar o seguinte PDF.

Wiki de Mancomun.org O Wiki de Mancomun.org incorpora dous novos programas dispoñibles para GNU/Linux, Mac OS e Windows en galego. Trátase do sistema de creación de foros PunBB 1.2.15 e o xerador de blogues Lifetype 1.2.1. Estes programas e outros proxectos libres localizados ao galego para as tres plataformas antes mencionadas poderás atopalos no Wiki.
 

Estas aplicacións están dispoñibles orixinalmente na web egalego. No caso do  Lifetype cómpre salientar que  está dispoñible tamén no sitio oficial.

Asterisk é un sistema telefónico de código aberto popular en todo o mundo, ofrece flexibilidade, funcionalidade e características non dispoñibles en sistemas propietarios. [[Asterisk]] é un completo IP PBX (intercambio privado de negocios sobre IP) para negocios e pode ser descargado libremente.

Un novo selo discográfico dunha empresa de telefonía para grupos independentes utilizou Linux na súa campaña de marketing, para dita campaña publicitaria empregaron unha centraliña baseada en Asterisk coa que repartían streaming de audio a máis de 200 persoas simultaneamente.

A Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Compostela acolle hoxe a partir das 17:30 unha xuntanza encamiñada a crear unha asociación de empresas de Software Libre galegas. Esta iniciativa busca o nacemento dunha organización que defenda os intereses comúns das empresas do sector e sirva como xerador de oportunidades de negocio e sinerxias económicas. 

Na reunión designarase unha comisión responsable da formación da asociación así como definir os mecanismos de comunicación e primeiros pasos a levar a cabo.

Ademais de falar sobre a asociación local de empresas de Software Libre, informarase aos asistentes da creación dunha organización que represente ás empresas de todo o estado. Nesta organización de ámbito estatal estarían integradas tamén as diferentes organizacións rexionais. 

Para coñecer a iniciativa da federación estatal, así como coñecer as motivacións e experiencias doutras asociacións xa existentes, estará presente Daniel Armendáriz -Presidente de ESLE, a asociación de empresas vascas de Software Libre.

A orde do día inclúe:

  • Presentación das motivacións e obxectivos da existencia dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.
  • Presentación da experiencia de ESLE no País Vasco.
  • Elección da comisión encargada de formar a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.

http://www.mancomun.org/images/stories/kde_logo.png O proxecto KDE anunciou hoxe a inmediata dispoñibilidade de KDE 3.5.7, unha versión de mantemento para a última xeración do escritorio libre para GNU/Linux e outros UNIX. KDE agora incorpora traducións a 65 idiomas (entre eles, o galego, que está traducido nun 85%), facéndoo dispoñible a máis xente que a maioría do software privativo.

Esta versión céntrase nas aplicacións de KDE PIM. KAddressBook, KOrganizer e KAlarm que recibiron correccións de fallos, ademais de KMail, que incorpora novas funcionalidades e melloras tanto na interface como no manexo de IMAP: pode xestionar cotas de IMAP e copiar e mover todas os cartafoles…

Outras aplicacións melloradas:

  • KPDF mostra mensaxes emerxentes ao posicionarse sobre unha ligazón, mostra correctamente ficheiros PDF máis complexos como este anuncio de Firefox e reacciona ante as ordes de abrir o panel Contido.
  • Umbrello agora pode xerar e exportar código C# e engadiu a compatibilidade cos generics de Java 5.
  • KDevelop recibiu unha actualización importante á versión 3.4.1. As novas características inclúen un completado de código e navegación mellorados, unha interface de depuración máis fiable, compatibilidade con Qt4 e mellor compatibilidade con desenvolvemento de KDE4 e Ruby. 

Podes ver máis información sobre esta nova na súa fonte orixinal en:
http://kde.org/announcements/announce-3.5.7-es.php

http://www.mancomun.org/images/stories/odf.png A xente de opendocumentfellowship.org, creou un validador que comproba que o documento que seleccionamos teño un formato coincidente coas especificacións do ODF (OpenDocument Format).

O servizo de validación ODF pódese atopar na seguinte ligazón:
http://opendocumentfellowship.org/validator

Moi útil para a xente que traballe con este tipo de documentos e queiran saber si realmente o documento cumpre cos estándares, xa que hai infinidade de aplicacións que o implementan:
http://en.wikipedia.org/wiki/OpenDocument_software#Current_support 

Universidade da CoruñaDentro do ciclo de conferencias da Facultade de Informática da Coruña onte tivo lugar unha charla de Juan Buño sobre accesibilidade de persoas cegas ao computador. Farase unha aproximación práctica a estas tecnoloxías tanto para Windows como para GNU/Linux. Buño é instrutor tiflotécnico da ONCE e usuario cego de diversas tiflotecnoloxías. Ademais colabora activamente en diversos proxectos relacionados coa accesibilidade para cegos.

A charla está organizada por David Cabrero, profesor de Interfaces de Usuario na Universidade da Coruña, que leva a cabo un proxecto de investigación, desenvolvemento e adaptación de Software Libre para melloras na accesibilidade grazas a un convenio con Mancomun.org. 

En concreto este proxecto está orientado en tres direccións: implementar un xestor de arranque accesible para persoas cun nivel de deficiencia visual parcial ou total, facilitar a navegación a persoas con deficiencia visual parcial a través de Mozilla Firefox e o desenvolvemento dun rato manexable co movemento da cabeza para persoas con problemas de mobilidade. 

Segundo o estudo realizado por Forrester Consulting para Unisys entre empresas estadounidense e europeas que avaliaron ou empregan xa software de código aberto, o devandito software produce suficientes beneficios nas actividades empresariais como para o empregar en aplicacións determinantes para o negocio, en áreas tan importantes como o control de ingresos e a mellora do servizo a clientes.

A maioría dos enquisados no estudo tamén usan o código aberto en aplicacións determinantes para os obxectivos, mais amosan certa preocupación sobre a falta de dispoñibilidade de servizos que liberen o potencial que este código ofrece. Os participantes da enquisa ven o software de código aberto capaz de ofrecer importantes vantaxes, sobre todo, ao reducir os custos operativos globais da empresa.

Tamén existen factores como o aumento da flexibilidade de negocio que están animando claramente a aceptación do código aberto para o empregar na infraestrutura informática e en aplicacións de misión crítica:

  • Máis da metade dos enquisados afirma que agora emprega o software de código aberto en aplicacións de misión crítica.
  • Máis do 79% sinala que o emprega na estrutura de aplicacións: bases de datos, servidores web e servidores de aplicacións, o que proporciona as bases para as súas aplicacións, xa sexan rutineiras ou de misión crítica.
  • O 77% dos enquisados indica que o código aberto é importante ou moi importante para mellorar a eficiencia informática e ofrecer máis por menos.
  • Un 71% o sinala como importante ou moi importante para consolidar a infraestrutura tecnolóxica.
  • Ademais, o 57% dos enquisados cualifica o código aberto como importante ou moi importante para facilitar a migración a unha arquitectura orientada aos servizos (Service Oriented Architecture – SOA).

Os servizos considéranse como un importante baleiro no código aberto. Case tres cuartos (74%) dos enquisados expresa a súa preocupación pola dispoñibilidade de consultoría, de integración e doutros servizos para o software de código aberto. Unisys xulga que é máis probable que esa gama de servizos estea cuberta por un provedor de servizo importante cunha maior competencia na subministración de solucións empresariais, que por provedores pequenos sen capacidade nin acreditación para proporcionar servizos de envergadura. Fonte: La Flecha

http://www.mancomun.org/images/stories/ousli.jpg Ousli vén de anunciar a dispoñibilidade do material das I Xornadas de Programación Web con Software Libre para todo aquel que o desexe descargar. 

Dende o apartado programa das xornadas pódense ver as distintas presentacións e descargar a documentación en formato PDF de cada un dos relatorios que tiveron lugar.

A UDC (Universidade da Coruña) fai un mirror dos principais proxectos de Software Libre no seu ftp: ftp://ftp.udc.es (tamén accesible a través do enderezo web: http://ftp.udc.es). Nel poderá atopar os proxectos máis coñecidos de Software Libre, tales como apache, debian, fedora, gentoo, openbsd, ubuntu etc.

Un mirror ou espello é un servidor secundario cunha copia sincronizada do proxecto orixinal, que permite quitar traballo ao servidor principal e ao permitir que os usuarios máis próximos á localización do servidor poidan baixarse o software ou os ficheiros do proxecto.

Entre os proxectos que alberga, cómpre salientar que o ftp da UDC, que xestiona a Oficina de Software Libre, xa é un mirror oficial de apache, de xeito que, por fin, existe un espello específico para Galicia (o sistema automático de descargas da web do proxecto apache (http://www.apache.org) con base na IP sabe a localización e recomenda o servidor espello máis próximo; neste caso, en Galicia recomendará ftp.udc.es). O proxecto apache completo ocupa aproximadamente 10 gigabytes. Este mirror da UDC permitirá quitar traballo ao servidor principal e engadir máis largo de banda global para unha distribución mellor do proxecto.

Rede DinamizaciónMancomun.org e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Galiza, dependente da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, ofrecerán máis de 1.700 horas de formación en Software Libre a pequenas e medianas empresas e usuarios en xeral ao longo deste ano. O obxectivo é mellorar a produtividade empresarial e diminuír a fenda dixital a través de ferramentas consolidadas, libres e en galego.
 
Os contidos que se desenvolverán nestes cursos serán liberados baixo licenza Creative Commons e postos a disposición de todos no portal Mancomun.org.  A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, repartida por toda Galicia, será a encargada de canalizar toda esta formación.

Os cursos dividiranse en catro módulos, dous de interese xeral e dous orientados ás PEME, e terán unha duración de 120 horas cada un. 

Introdución á Sociedade da Información agrupa unha serie de contidos de nivel básico relacionados coa navegación a través de internet, o emprego do correo electrónico e a mensaxería instantánea ou a informática básica. Empregaranse ferramentas libres como Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird ou Pidgin.  

O Curso de ofimática avanzada afondará en funcionalidades avanzadas do xestor de follas de cálculo e do de bases de datos de OpenOffice.org. Ademais ensinaranse as nocións básicas para a construción de páxinas web a través de Nvu

Os dous cursos para PEME serán Xestión da empresa e Xestión da rede. No primeiro introducirase aos alumnos no emprego das utilidades de contabilidade, facturación ou xestión de almacén de Abanq (anteriormente coñecido como Facturalux). As actividades formativas complementaranse con aplicacións libres de comercio electrónico ou marketing na rede. Tamén se analizarán  as posibilidades do ERP libre OpenBravo

Xestión da rede exporá conceptos como arquitectura cliente/servidor e o funcionamento dos servidores de rede ademais de abordar tamén cuestións relacionadas co comercio electrónico ou marketing na rede.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para reducir a fenda dixital actuando sobre a PEME, a administración local e a sociedade en xeral. Máis de 90 dinamizadores están espallados por toda Galicia desenvolvendo o seu labor en concellos, sedes de asociacións empresariais e outros centros de interese social. 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal