Mancomún

Na páxina de GLUG atopamos o seguinte artigo:

O Software for Algebra and Geometry Experimentation é un conxunto de paquetes matemáticos (Maxima, Octave , GAP…) cubertos pola GPL e licenzas compatibles con ela que foron reunidos baixo dun proxecto común e aos que se lles proporciona unha interface gráfica conxunta para facilitar o seu uso.

Emprega Python como linguaxe para unir todos os diferentes programas, e tamén como linguaxe de interface para o usuario, o que fai moi doado aprender a manexalo e a facer cálculos simples con el.

É, por suposto, multiplataforma; e non soamente iso, senón que tamén pode ser executado sobre un servidor – un computador calquera – contra o que se conectan os clientes, xa que a interface gráfica é un navegador web.

 

Máis información na páxina orixinal da noticia en GLUG  

O Instituto Galego de Promoción Económica vén de facer públicas as súas axudas Programa de Apoio á Innovación das Pequenas e Medianas Empresas (Programa Innoempresa) que inclúen a posibilidade de adquirir e adaptar software por parte das empresas e dos organismos intermedios empresariais. O prazo para solicitar estas axudas remata o día 16 de xullo.

O máximo responsable da revisión da licenza pública xeral GPL, Eben Moglen, afirmou que os intentos de Microsoft por gañar casos de patentes contra aqueles que usan o códico aberto non chegarán a ningures e todo isto grazas ao acordo entre Novell e a propia Microsoft.

Desde Microsoft afirman que Linux infrinxe máis de 240 patentes e tentarán basearse niso para convencer os usuarios de que lles paguen por esas licenzas. Hai xa uns meses, Novell pagou un diñeiral para liberar os seus usuarios de SUSE Linux de seren atacados legalmente por motivo destes temas.

Aquí é onde reside o problema: os privilexios para non seren demandados non teñen data de caducidade, de modo que poden empregarse para indemnizar os seus posuidores tanto no día de hoxe como no vindeiro ano. Mais a versión 3 da licenza pública xeral, que se completará antes de rematar o presente ano, inclúe unha cláusula que fai que esta «exoneración» de pagar indemnizacións por licenzas sexa extensible dunha persoa a todas as demais.

A versión 3 da licenza pública xeral di o seguinte: «Se, segundo o acordado ou en conexión cunha transacción ou acordo, transmite ou propaga unha obra, e con iso inclúe unha licenza de patentes que permite a liberdade do seu uso, propagación, modificación e transmisión dunha copia específica dese traballo a calquera das partes que reciban esa obra, entón a licenza de patente que inclúe é extensible de forma automática a todos os receptores da obra cuberta e das obras que dela se derivaren».

SUSE migrará a a versión 3 da licenza pública xeral antes de que remate o ano, o cal significa que, ao ter este tipo de licenzas por parte de Microsoft, calquera que use calquera versión de Linux e que empregue a GPL estará exento de ameazas legais.

Moglen dixo que a cláusula se incluíu na GPL intencionadamente ante este tipo de situacións. «O noso obxectivo, noutras palabras, era o de engadir unha capa máis de defensa ante as agresións de patentes de Microsoft», comentou nun seminario.

Fonte:

http://es.theinquirer.net/2007/05/21/moglen_microsoft_no_tiene_nada.html

http://uk.theinquirer.net/?article=39737

Red Hat vén de publicar unha actualización do Kernel para a versión Enterprise Linux 5 que solventa varias vulnerabilidades:

  • Un erro no manexo das cabeceiras de enrutamento IPv6 de tipo 0 que poderían ser aproveitadas por un atacante para causar unha denegación do servizo.

  • Un erro no módulo nfnetlink_log de netfilter que podería ser aproveitado por un atacante para causar unha denegación do servizo.
  • Un erro no fluxo da lista de portos IPv6 á escoita que podería ser aproveitado por un atacante local para causar unha denegación do servizo.
  • Un erro no manexo das mensaxes netlink que permitiría a un atacante local provocar unha denegación de servizo.
  • Un erro no reenvío IPv4 que permitiría a un atacante local ter acceso fora dos límites establecidos.
  • Un erro no módulo nf_conntrack_netfilter para IPv6 que permitiría a un atacante remoto eludir certas regras de netfilter utilizando fragmentos IPv6 especialmente manipulados.

 

As actualizacións encóntranse dispoñibles en Red Hat Network. Dende Red Hat recomendan realizar a actualización a través das ferramentas automáticas up2date.

Fonte:
http://rhn.redhat.com/errata/RHSA-2007-0347.html

O ambicioso proxecto sen ánimo de lucro «One Laptop Per Children» (OLPC), que comezou no ano 2005 Nicholas Negroponte, daquela director do laboratorio de medios do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, por fin é unha realidade en Uruguai. Os nenos están tomando contacto cos computadores en principio con xogos, procesadores de texto e múltiplos libros no idioma local. Máis adiante, ensinaráselles o sistema operativo GNU/Linux xa que estas máquinas operan coa distribución Fedora Linux. ..

Os computadores son moi potentes, teñen unhas 12 horas de autonomía de batería, fálanse mutuamente de forma automática, teñen chat de voz, poden compartir ficheiros e todo se pode facer entre eles sen a necesidade de conexión á rede. Estase a observar que, grazas a isto, os estudantes están máis involucrados en aprender do que o estaban antes. Os computadores custan actualmente 175 dólares, aínda que o proxecto calculou que o prezo podería baixar ata os 100 dólares tan axiña como se comecen a fabricar de maneira masiva. Outros países que tamén amosan moito interese polo proxecto son Arxentina, o Brasil, Costa Rica, a República Dominicana, Camboxa, Exipto, Etiopía, Libia, Nixeria, Paquistán, Rusia, Ruanda e Tailandia.

Fonte:
http://www.laflecha.net/

http://www.mancomun.org/images/stories/ls3.png(LS)³ – Libre Streaming, Libre Software e Libre Standards (Open Media Streaming Project) é un proxecto en Software Libre para o desenvolvemento dunha plataforma para streaming de contidos multimedia. A plataforma está deseñada para soportar por completo o estándar IETF para transporte de datos en tempo real sobre IP. O obxectivo do proxecto é prover unha solución aberta, libre e interoperable coas aplicacións de streaming privativas existentes que na actualidade dominan o mercado.

Unha pequena comunidade de desenvolvedores, composta na súa maioría por estudantes e investigadores universitarios, desenvolven todo o traballo das versións do servidor de streaming Fenice e do reprodutor NeMeSi conforme aos estándares da IETF. Tanto o servidor coma o reproductor distribúense baixo licenza GPL.

Na actualidade o grupo está a traballar nun novo servidor de streaming (Feng) e tamén mantén o desenvolvemento dunha biblioteca cliente rtsp en C (libnemesi).

A Concellaría de Cultura e Deportes de Ames lanzou en colaboración coa dinamizadora da sociedade da información do Concello un DVD con software en galego. Esta recompilación, que ten por nome Ames ten lingua, contén software propietario como o parche para o galego do Windows XP e un amplo abano de programas en galego coma Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird ou OpenOffice.org ademais de incluír unha distribución GNU/Linux Ubuntu.

Este concello tenta promover o galego no eido das tecnoloxías da información e da comunicación co gallo do Día das Letras Galegas e o día de Internet. O DVD contén tamén unha referencia á documentación sobre GNU/Linux e ligazóns a diversos sitios de interese.  

As aulas de informática municipais contan ademais con computadores en galego con GNU/Linux.
FirefoxDaniel Múñiz vén de facer unha adaptación do corrector ortográfico de OpenOffice.org para que sexa compatible co navegador web Mozilla Firefox e o xestor de correo Mozilla Thunderbird. Ao tratarse dunha adaptación non están garantidas ao 100% as funcionalidades do corrector aínda que constitúe unha ferramenta de gran utilidade para a revisión ortográfica nestas dúas aplicacións. Está dispoñible desde o portal de Mancomun.org ou tamén se es usuario das listas de Galician-Mozdev.

http://www.mancomun.org/images/stories/play_ogg.png A Free Software Foundation (FSF) lanzou o día 16 deste mes PlayOgg.org, unha campaña para fomenta-lo uso do estándar Ogg Vorbis como a alternativa de audio ao formato propietario MP3. Ao contrario que o MP3, a especificación para Ogg Vorbis é de dominio público, así que calquera pode usar o formato ou escribir software para usalo sen depender do apoio dunha patente.

Peter Brown, director executivo da FSF, dixo: «Ogg é a vosa mellor aposta para ser libres do litixio das patentes cando se usa compresión de audio». Moitos reprodutores de música dixitais persoais xa incorporan soporte para Ogg Vorbis,e tamén existen moitos reprodutores de Software Libre, «encoders» e «plugins» dispoñibles para os diversos sistemas operativos. Por tanto, Ogg Vorbis ten os elementos necesarios para tomar a dianteira con respecto ao MP3 en uso.

Unha recente suite desenvolvida en Texas baseada na reprodución de MP3 en reprodutores de música dixital persoal podería ir máis lonxe co uso de Ogg Vorbis nestes dispositivos. O presidente da FSF e o seu fundador Richard Stallman salientan que os perigos de tales patentes non están restrinxidas aos desenvolvedores e distribuidores. Eles escribiron, «Os usuarios tamén poderían ser demandados. Esto tamén pode ser visto como unha forma de ataque ao desenvolvedor ou ben como unha forma de sablealo e buscarlle problemas. Todos os desenvolvedores e usuarios son vulnerables».

Fontes:
http://www.fsf.org/news/playogg.html

Os recursos da campaña e a lista de correo dos eventos relacionados están dispoñibles en:
http://playogg.org

Detalles técnicos sobre o formato pódense atopar en:
http://xiph.org/vorbis

Os mainframes que soportaban a inxente cantidade de transaccións do New York Stock Exchange estanse a remprazar por servidores de IBM con AIX e máquinas HP con GNU/Linux. No caso dos servidores p Series de IBM, usarán AIX (un UNIX de IBM). Nas outras máquinas instalouse un GNU/Linux para arquitectura x86 que non foi revelado (estan máquinas están adicadas a tarefas de FTP)…

Para o proceso de migración contrataron a unha empresa chamada Clerity que recompilou o código do mainframe para que fose executable nos novos servidores AIX. Segundo parece o aforro foi considerable.

Fontes:

http://es.theinquirer.net/2007/05/17/la_bolsa_de_nueva_york_migra_a.html http://barrapunto.com/articles/07/05/17/2342222.shtml
http://linux.slashdot.org/article.pl?sid=07/05/17/139256

Microsoft apoia ODF (Open Document Format). A compañía anunciou onte que votou para engadir ODF 1.0 á lista do Instituto Nacional de Estándares Americanos (ANSI) . O formato ODF (ODT, etc) é usado polo competidor libre de Office chamado OpenOffice que se pode descargar en galego dende esta páxina de mancomun ademais de estar soportado tamén por: KOffice e empresas da talla de: IBM, Sun, Oracle, Corel, Novell, Opera e RedHat.

Segundo declaracións do encargado de estándares e interoperabilidade de Microsoft, «Escoitamos aos nosos clientes e eles dixéronnos que querían elixir, queren interoperabilidade, queren innovación», se ben outras fontes comentan que Microsoft xa perdeu importantes contratos coa administración estadounidense por non seguir certos estándares ou non soportar formatos coma PDF o ODF …

De todos modos, Microsoft intenta engadir á lista o seu «Open XML» como formato de arquivo usado polo seu Office 2007. Outras voces como por exemplo a do vicepresidente de IBM de Software Libre e estándares abertos din «Microsoft pensa que necesitamos moitos estándares: Os estándares da industria ademais dos que eles inventan. Iso é o porqué de que queiran «elixir» se non hai elección a industria non usará o que Microsoft cree». Non é casualidade pois IBM é o máis firme opoñente dos esforzos de Microsoft por estandarizar o seu Open XML, de feito, foi o único membro do Ecma en votar en contra de usar este formato coñecido como OOXML.

Fonte:
http://www.adtmag.com/article.aspx?id=20680

http://www.mancomun.org/images/stories/linux-gnome.gifXa está dispoñible a segunda versión de desenvolvemento, GNOME 2.19.2, que conduce á versión GNOME 2.20.0 e da que se espera a súa liberación no mes de setembro de 2007.

A lista completa de cambios entre 2.19.1 e 2.19.2 está dispoñible nestas ligazóns:

Platform –  http://download.gnome.org/platform/2.19/2.19.2/NEWS

Desktop – http://download.gnome.org/desktop/2.19/2.19.2/NEWS

Admin – http://download.gnome.org/admin/2.19/2.19.2/NEWS

bindings – http://download.gnome.org/bindings/2.19/2.19.2/NEWS 

Os ficheiros cas fontes para a súa compilación pódense baixar dende as ligazóns:

platform sources – http://download.gnome.org/platform/2.19/2.19.2/

desktop sources – http://download.gnome.org/desktop/2.19/2.19.2/

admin sources – http://download.gnome.org/admin/2.19/2.19.2/

bindings sources – http://download.gnome.org/bindings/2.19/2.19.2/

 

Fonte:
http://mail.gnome.org/archives/gnome-announce-list/2007-May/msg00050.html

Hipoiqh é un sistema xeolocalizador que permite localizar a persoas e seguilas por un mapa a través de Internet, levar a nosa axenda xeolocalizada para permitir que nos sigan ou mesmo ver e gravar avisos xeorreferenciados. É gratuíto e universal e funciona con GPS e Internet. Para operar con el só é preciso darse de alta na web como usuario e logo instalar o plugin nos terminais. Este plugin ten unha licenza libre e o código está dispoñible en Source Forge e Google Code .

Hipoiqh foi desenvolvido por un grupo de profesionais galegos que empregan para o seu desenvolvemento PHP, Apache, GNU/Linux e Firefox entre outras ferramentas libres. Coa liberación do plugin pretende acadar unha mellora continua no seu desenvolvemento.

Esta iniciativa é candidata á mellor Startup 2.0 europea, un certame orientado a premiar as webs máis innovadoras.  

USCA Universidade de Santiago forma parte do Open Course Ware, unha iniciativa educativa destinada a prover de contidos educativos libres. Esta iniciativa partiu do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) e conta coa participación da Universidade de Santiago de Compostela que colgará apuntamentos sobre diversas materias a libre disposición dos alumnos.
 

Os cursos dispoñibles son «Tecnoloxía dos alimentos», «Farmacoloxía I», Perspectivas metodolóxicas no estudo da Gramática Inglesa», «Materiais ópticos», «Tratamento Computacional de Imaxes, «Teoría e lexislación sobre Patrimonio Artístico, «Topoloxía», «Enfermidades infecciosas» e «Lingüística aplicada».
A Xunta de Andalucía fixo pública a resolución da Orde de incentivos á innovación e modernización ás administracións locais, a que se presentaron 736 proxectos (un 30% máis que a anterior); deles, 224 proxectos baseábanse en software libre e foron aprobados para recibir incentivos por un valor de 15,1 millóns de euros.

 

O software que estes proxectos desenvolven publicarase no Repositorio de software libre da administración local para que se poida reutilizar. Nesta segunda convocatoria atópanse, como novidade, algunhas iniciativas que se relacionan coa consultoría e as infraestruturas para a televisión dixital terrestre.
 

A secretaria xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Pilar Rodríguez, presentou os resultados da orde durante o acto de inauguración de Mundo Internet. Na súa intervención, Pilar Rodríguez destacou a importancia da implicación de todos os sectores presentes no congreso para a construción da nova sociedade do coñecemento en Andalucía. Rodríguez sinalou o excelente resultado da nova convocatoria da orde de incentivos dirixida a fomentar o desenvolvemento de proxectos de innovación e de modernización dos concellos, nas deputacións e nas mancomunidades andaluzas.

Fontes: Barrapunto Software Libre II Conferencia Internacional Xunta de Andalucía

A Axencia Andaluza da Enerxía, en colaboración coa Dirección Xeral de Innovación e Administracións Públicas, dependente da Consellería de Innovación, Ciencia e Empresa, desenvolveu unha solución baseada en estándares abertos e en software libre que permite a edición cartográfica de liñas e de polígonos a través do web, empregando a referida ferramenta baseada no estándar WFS/T. Así, a axencia facilítalles aos usuarios a forma de realizar, actualizar e manter a cartografía base que se emprega no Inventario de Instalacións Enerxéticas Municipais (INVIEM),

A Axencia Andaluza da Enerxía conta coa aplicación INVIEM que posibilita o levantamento de puntos de luz, semáforos, centros de mando e/ou módulos de medidas, entre outros. O INVIEM dispón de información xeográfica sobre todas as instalacións enerxéticas do ámbito municipal. Esta información complétase coa xestión da facturación eléctrica que se realiza desde o programa GEFAEM e onde se salientan valores de consumos e de custos enerxéticos. A nova ferramenta de edición cartográfica supuxo unha mellora considerable, contrastada con outras tecnoloxías que se empregan na axencia, tanto no rendemento como nos custos de licenzas.

Outra das súas melloras é que para traballar con este visor tan so é necesario un navegador que pode empregar calquera persoa sen ningún tipo de requisito, que recolle a posibilidade de edición das guías de rúas dos distintos municipios que forman parte do sistema de información INVIEM. Os resultados obtidos co novo sistema formulan a migración do resto de ferramentas, actualmente con software privativo á nova arquitectura totalmente en software libre, xa que ofrece unhas prestacións moi superiores con respecto á ferramenta baseada en software privativo.

Fonte: http://www.andaluciajunta.es

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal