Mancomún
EntransEstá dispoñible no Entrans, a ferramenta de tradución colaborativa de Mancomun.org, as cadeas que faltan para adaptar ao galego a versión 2.0 do cliente de correo Mozilla Thunderbird. Mancomun.org solicita a axuda dos voluntarios para traducir unhas 300 cadeas que permitirán actualizar a versión galega desta aplicación. 
 

Entre as características de Thunderbird podemos salientar que soporta os protocolos IMAP e POP, ademais do formato HTML; inclúe unha axenda persoal de enderezos; ten un poderoso motor de busca rápida; filtros avanzados de mensaxes; xestión do correo lixo con autoaprendizaxe; posibilidade de integración con extensións de criptografía; permite ler RSS, etc.

No portal tamén podes atopar a tradución ao galego do Thunderbird 1.5 e o Firefox 2.0  e  en galician.mozdev.org está dispoñible unha versión pre-alpha da versión galega do Thunderbird 2.0 .  

 

Rede de dinamización A Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria en colaboración con mancomun.org e coa Concellería de Educación do Concello de Ourense oferta os seguintes cursos de formación de carácter gratuíto:

  • Introdución ao OpenOffice.org…………………………10 h.
  • Bases de datos (OpenOffice.org Base)………………40 h.
  • Construción de páxinas web (Nvu)…………………..40 h.
  • Contabilidade (Facturalux)………………………………24 h.

 

O prazo de inscrición é do 26 de xuño ao 16 de xullo. Hai ofertadas 14 prazas e a admisión farase por orden de entrada das solicitudes.

O curso que recolla maior número de inscricións será o primeiro en levarse a cabo. Impartirase no mes de agosto en horario de tarde na Aula de informática do Concello, situada no Campo da Feira.

Para máis información dirixirse á Concellería de Educación do Concello de Ourense situada en Ervedelo nº2, Tfno. 988510802.

Fonte: Rede de dinamización

 

GRASSGRASS (acrónimo inglés de Geographic Resources Analysis Support System) é un software SIX (Sistema de Información Xeográfica) baixo licenza GPL (Software Libre). Pode soportar información tanto raster como vectorial e posúe ferramentas de procesamento dixital de imaxes.
 
GRASS pode ser descargado en http://grass.itc.it/ e aínda que está dispoñible principalmente para plataformas UNIX e GNU/Linux. Tamén existe un proxecto paralelo denominado winGRASS GIS que portou o programa a versións baseadas na tecnoloxía NT do Sistema Operativo Microsoft Windows usando as bibliotecas Cygwin. Todo iso cun código idéntico ao da versión UNIX/Linux.

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, presentaron hoxe o corrector gramatical para o galego Golfiño. Deste xeito, o galego convértese na primeira lingua do estado que conta con esta ferramenta. Ademais, só outras  cinco linguas no mundo dispoñen dun software destas características.
 
Presentación do Golfiño
Presentación do Golfiño
O Golfiño, aínda en versión beta, completa ás aplicacións lingüísticas do paquete ofimático OpenOffice.org e permítelle ao seu procesador de textos detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia, entre outras funcionalidades. Máis de 45.000 galegos contan xa co OpenOffice.org, posto á súa disposición a través da iniciativa de promoción do software libre da Consellería de Innovación e Industria, Mancomun.org.

O Golfiño é un prototipo, que se poñerá a disposición da comunidade para a súa continua mellora no espazo de desenvolvemento colaborativo de software libre do proxecto Mancomun.org, denominado A Forxa. Podedes descargalo para Windows, Mac OS ou GNU/Linux. Tamén está dispoñible un breve FAQ coas principais características do corrector.

O Golfiño súmase ás iniciativas impulsadas pola Consellería de Innovación e Industria para a normalización lingüística. Así mesmo, amplía o seu compromiso coa elaboración de programacións informáticas de código aberto e en galego, obxectivo recollido no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, aprobado no Parlamento de Galicia o pasado 30 de marzo.

Características técnicas do Golfiño

O Golfiño corrixe erros gramaticais e de estilo frecuentes nos escritos en galego como os provocados polo cambio de norma, os de rexencia verbal, os de concordancia de xénero e número, os de confusión ortográfica con detección gramatical, as malas construcións de perífrases verbais ou as preposición non admitidas polo verbo. Ademais, pode detectar nalgúns casos erros de contracción, da posición dos pronomes enclíticos e mais erros de concordancia nominal e verbal.

A configuración deste corrector gramatical está baseada na tecnoloxía lingüística resultado dos traballos da comunidade científica galega e nun innovador proxecto de investigación brasileiro, que dispón do corrector gramatical do portugués do Brasil CoGrOO. 

A versión actual do Golfiño é un prototipo ou beta, é dicir, un modelo en proba dirixido a que tanto a comunidade científica da lingua galega (Instituto da Lingua Galega, Real Academia Galega, Centro Ramón Piñeiro, departamentos de lingüística computacional…) como a comunidade do Software Libre poidan realizar melloras no sistema e crear así unha ferramenta de maior rigor, potencia e funcionalidade. Así mesmo, procura sentar a base para o desenvolvemento de proxectos futuros nesta liña de investigación, no camiño da implantación do galego na sociedade da información.

O corrector Golfiño foi realizado pola empresa Imaxin Software, S.C., adxudicataria do concurso público, que requiriu un investimento de 51.000 euros.

TPV en galego

Por outra banda, a Consellería de Innovación e Industria presentou tamén o Terminal Punto de Venda (TPV) Tina POS, un dos primeiros programas de xestión empresarial traducidos ao galego a través do proxecto de difusión do software libre Mancomun.org. Esta actuación encádrase nas estratexias do PEGSI, que contempla a necesidade de achegarlle ás empresas software de calidade en galego.

Tina POS foi desenvolvido en orixe para xestionar a caixa dun negocio hostaleiro, pero é facilmente adaptable a calquera pequeno comercio. Está especializado como TPV para os establecementos hostaleiros, cun sistema de xestión visual das mesas, que controla se están ocupadas ou libres. A configuración da situación das mesas pode personalizarse segundo as condicións do establecemento. Malia estar deseñado para pantallas táctiles, está configurado tamén para traballar co rato e co teclado. Xestiona o proceso de venda mediante unha interface sinxela á que teñen acceso os vendedores. Permite tamén a creación e a impresión de tickets, a agrupación de pedidos por mesas en hostalería, realiza cambios na base de datos do inventario e outros labores do negocio.

Ademais do Tina POS estase traducindo o ERP libre OpenBravo, un programa que permite xestionar todos os procesos (compra e venda, recursos humanos, marketing…) dunha PEME e estanse avaliando solucións abertas para a contabilidade das empresas.

Un dos obxectivos da Consellería de Innovación e Industria nesta materia é crear unha comunidade de tradutores voluntarios, que na actualidade xa conforman máis de 300 usuarios. A finalidade última é conseguir ter ordenadores completamente en galego coas aplicacións informáticas máis avanzadas.

 

 

http://www.mancomun.org/images/stories/modem.pngSMS Server Tools 3 é unha pasarela SMS que permite enviar e recibir mensaxes curtas a través de modems GSM ou teléfonos móbiles (ver a compatibilidade hardware).

O software pode enviar mensaxes curtas simplemente incluíndo un ficheiro co texto da mensaxe dentro dun directorio do servidor de SMS. O servidor monitoriza este directorio e envía automaticamente os novos ficheiros e almacena as mensaxes entrantes noutro directorio.

SMS Server Tools soporta mensaxes binarios (incluíndo texto en formato unicode) co cal é posible enviar mensaxes con melodías para o móbil. Tamén pode enviar unha mensaxe WAP Push a un móbil que soporte WAP/MMS.

A aplicación pode funcionar coma un servizo iniciándose automaticamente cando o sistema operativo comeza. Pódese garantir alta dispoñibilidade empregando múltiples dispositivos GSM (actualmente ata un límite de 64).

SMS Server Tools pode executar programas externos ou scripts despois de realizar algún evento como recibir unha mensaxe, enviar unha mensaxe con éxito ou cando o programa detecta un problema. Tendo estas funcionalidades pódese desenvolver software a maiores para ter interfaces gráficas máis amigables, almacenar as mensaxes en base de datos, xestionar os contactos para facer un envío masivo, empregar autorespondedores, …

SMS Server Tools traballa sobre Microsoft Windows (con CygWin) e en calquera sistema *NIX incluíndo Solaris, BSD, FreeBSD e GNU/Linux. O software precisa dun modem GSM (ou un teléfono móbil) con comandos SMS que seguen a especificación europea GSM 07.05 (=ETSI TS 300 585) e GSM 03.38 (=ETSI TS 100 900). Os comandos AT tamén están soportados. O software detecta os dispositivos conectados vía porto serie, infravermellos ou USB.

SMS Server Tools foi creado orixinalmente por Stefan Frings.

Xa van dous anos dende que Sun liberou OpenSolaris, unha versión de código aberto do sistema operativo Solaris 10 Unix. Dende xuño de 2005 liberou outras partes do seu código, entre os que destaca o núcleo da plataforma Java en Novembro do ano pasado.

 

A liberación do código fonte de Solaris Cluster, coñecido como Open High Availability Cluster, terá lugar nun prazo de 18 meses a través de High Availability (HA) Clusters community na páxina Web de OpenSolaris.

O código fonte estará dispoñible baixo licenza CDDL ( Common Development and Distribution License), segundo aunciou Paul Steeves, director de marketing de Sun. Polo momento non está planeada a liberación do código baixo licenza GPL tal como fixo Sun anteriormente con Java.

 

Fonte:http://www.computerworld.com

Xa van dous anos dende que Sun liberou OpenSolaris, unha versión de código aberto do sistema operativo Solaris 10 Unix. Dende Xuño de 2005 liberou outras partes do seu código, entre os que destaca o núcleo da plataforma Java en Novembro do ano pasado.

A liberación do código fonte de Solaris Cluster, coñecido como Open High Availability Cluster, terá lugar nun prazo de 18meses a través de High Availability (HA) Clusters community  na páxina Web de OpenSolaris.

O código fonte estará dispoñíbel baixo licencia CDDL ( Common Development and Distribution License), segundo aunciou Paul Steeves, director de marketing de Sun. Polo momento non está planeada a liberación do código baixo licencia GPL tal como fixo Sun anteriormente con Java.

 

Fonte:http://www.computerworld.com/action/article.do?command=viewArticleBasic&articleId=9025783&source=rss_news50

O servizo de dinamización tecnolóxica do Concello de Monforte

organiza unhas xornadas de software libre que se desenvolverán o venres

e o sábado no centro comarcal Expolemos. A primeira xornada abrirase

cun acto de presentación ás 17:45 a que seguirá a conferencia

«Aproximación ao software libre», por Roberto Brenlla. A continuación,

Antonio Martínez e Marta Prado falarán sobre «As posibilidades do

software libre».

As conferencias do sábado darán comezo ás dez da mañá coa charla de

Roberto Brenlla «Directrices migratorias». A segunda correrá a cargo de

Antonio Martínez e Marta Prado novamente e titúlase «O que fago en

Windows fágoo en GNU/Linux». A última conferencia da mañá, de

Martín Gómez, versará sobre «O camiño cara aos novos modelos de negocio

con software libre».

Pola tarde, a partir das cinco, Rubén Rodríguez, Juan Ángel Ferreiro

e Carlos Álvarez falarán respectivamente sobre o proxecto Trisquel e os

usos do software libre en empresas e oficinas. Ás 19:45 haberá unha

demostración do robot Dipbot, creado no instituto A Pinguela.

Fonte: La

Voz de Galicia

Estes días ten lugar en Praga a reunión de desenvolvedores Hack Week organizada por Novell e openSUSE. A ela acoden algúns dos desenvolvedores Linux máis expertos do mundo.

A «semana hack» supón un excelente punto de encontro para todos aqueles desenvolvedores que están tratando de implantar todo tipo de solucións que axuden a mellorar o sistema operativo Linux. Están presentes diferentes persoas relacionadas con Linux e tamén con Novell e máis o desenvolvemento de openSUSE, SLED e SLES…

O sitio web, especialmente posto en marcha para este evento, recolle unha serie de vídeos coas explicacións de en que traballa cada desenvolvedor, así como unha listaxe de ideas que os desenvolvedores teñen en mente para engadir funcionalidades ao sistema operativo e en concreto ás distribucións que desenvolve ou nas que colabora Novell.

 

Fonte:
theINQUIRER

IBM está a desenvolver un supercomputador que superará a velocidade de cálculo do actual líder desta clasificación, o NEC’S Earth Simulator. Blue Gene/L funcionará baixo GNU/Linux e pode operar de forma continuada cun ritmo de mil billóns de operacións de coma flotante por segundo. Ademais pode configurarse para que acade unha velocidade tres veces superior á actual.
 
A clave deste novo desenvolvemento foi o emprego  de chips de baixa potencia que se atopan conectados a cinco redes especializadas do sistema. Segundo IBM o emprego de Linux é crucial para poder empregar aplicacións que non poderían conseguir doutro xeito. 
 

Na web Top500.org amósase unha lista periodicamente actualizada dos supercomputadores máis potentes do mundo. Un 77% dos supercomputadores desta lista empregan Linux.
HumboltHumboldt GeoPISTA Viewer, é unha versión de Humboldt WMS Viewer para visualizar a cartografía e datos xeoespaciais aloxados en servidores GeoPISTA, ofrecendo unha forma sinxela de crear un rueiro/guía urbana para os municipios usuarios de GeoPISTA.
 
GEO PISTA ,é un sistema de información territorial para a administración pública baseado en solucións OpenSource. Seguindo a filosofía de Software Libre, esta aplicación distribuirase baixo licenza GNU a todas as entidades locais e supramunicipais que a soliciten (concellos, mancomunidades, deputacións provinciais…) A ferramenta implementa as funcionalidades necesarias para a xestión territorial dentro do ámbito municipal: planificación urbanística, catastro, padrón, actividades contaminantes, patrimonio, infraestruturas, licenzas de obra, guía urbana…

Para iso combina a tecnoloxía dos SIX (Sistemas de Información Xeográfica) con funcionalidades administrativas e servicios web.

Características:

– Licenza GNU/GPL.
– Cliente lixeiro web programado en AJAX.
– Busca xeocodificada (Rúas + número, POIs).
– Visualización de Puntos de Interese.
– Fácil adaptación á imaxe corporativa do municipio.
– Menús desplegables con selección de capas visualizadas.
– Visualización de capas de IDEE (Infraestrutura de Datos Espaciais Española) do IGN (Instituto Geográfico Nacional) e do WMS da Dirección Xeral de Catastro.

http://www.mancomun.org/images/stories/gulo.png Anunciado na páxina de GULO atopamos o seguinte evento:

«Entre os próximos días 26 e 29 de xullo terá lugar en  Ourense o GNU Hackers Meeting. Organizado conxuntamente por GULO e GNU España, reunirá a varios hackers do Proxecto GNU que debaterán principalmente sobre detalles técnicos de paquetes e outras cuestións de GNU. Así mesmo, intentarase potenciar un maior contacto con potenciais novos colaboradores do Proxecto GNU.»…

 

Cita sobre este mesmo evento na web de OUSLI (Ourense Software Libre), grupo de recente creación en Ourense:

http://www.mancomun.org/images/stories/ousli.jpg «O evento será dun perfil técnico orientado a amosar tecnoloxías de desenvolvemento empregadas diariamente polo proxecto GNU. No evento participarán hackers destacados do proxecto.

O rexistro está aberto na web do evento para toda a xente que queira participar, e tamén existe a posibilidade de enviar propostas de charlas a través da sección Call for Papers que a web do evento proporciona.»

Evento engadido á «Axenda de eventos» de mancomun.org

Fontes orixinais da nova:
http://www.gulo.org

http://www.ousli.org 

A Consellaría de Cultura, Educación e Deporte da Generalitat Valenciana lanzará, para o curso escolar 2007-2008, a nova versión LliureX 7.09, dispoñible tanto en valenciano como en castelán, que incluirá todas as funcionalidades existentes en versións anteriores. Esta nova versión está desenvolvida especialmente para o mundo educativo baseándose na Edubuntu.

A directora xeral de «Arquivos e Innovación Tecnolóxica», Sofía Bellés, explicou que se optou por esta distribución polo seu «mellor soporte de hardware» e por «dispor dun calendario coñecido de actualizacións».

Bellés explicou que «isto permitirá ter dispoñibles novas versións das aplicacións incluídas cada seis meses e actualizacións de seguridade durante un período de dezaoito meses».

A directora pensa tamén que o feito de que Lliurex estea baseado en Edubuntu, permitirá ademais colaborar coas distribucións doutras comunidades autónomas que apostaron por esta mesma distribución base. Engadiu que se trata da distribución de Software Libre «líder que máis está crecendo, incluso se poden mercar ordenadores con Ubuntu preinstalado».

Fonte: Canalsur.es

O «Novo Centro do Coñecemento» (NCC) de Madrigalejo (Cáceres), en colaboración co concello desta localidade e a sua «Universidade Popular», organizan durante a segunda quincena de xuño unha proxección e un posterior concurso de curtametraxes co tema central «Madrigalejo, su historia y sus gentes», aínda que tamén se permite a imaxinación e a ficción nas creacións.

Para a realización destas curtas, o NCC impartirá uns obradoiros, a partir do día 26 de xuño, en que se lles aprenderá ás persoas participantes manexar as aplicacións de GNU/LinEx para a edición de vídeo e tamén se amosarán as vantaxes do Software Libre como requisito imprescindible para a elaboración destes traballos

Ademais, este requisito tamén afecta á música que se empregue, que só poderá ser aquela que estea baixo a licenza «[[Creative Commons]]».

O gañador do concurso elixirase por votación a través da rede. O enderezo para as votacións e onde se dará a coñecer o gañador o vindeiro 18 de xullo é o seguinte:
http://www.nccextremadura.org/eventos2007/madrigalejoencorto

 

Fonte:
La flecha

http://www.mancomun.org/images/stories/galipedia_25000.png O 23 de xuño de 2007 a Galipedia, a versión en galego da Wikipedia, alcanzou a cifra de 25.000 artigos.

Este é un proxecto internacional feito por voluntarios, co propósito de facer unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa e de balde en moitos idiomas. O obxectivo é a plena transmisión da sabedoría e o coñecemento sen restricións editoriais nin comerciais. O desenvolvemento da Wikipedia está aberto a todo o interesado en contribuír.

A Galipedia botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 25.092 artigos…

A idea da Galipedia é a de ter, en galego, unha enciclopedia colaborativa coa que afondar no coñecemento. Para o mesmo, a Galipedia:

  • Está aberta á colaboración de todo o mundo.
  • Está aberta ás diversas correntes de pensamento, sempre que non sexan agresivas coas demais.
  • Está aberta a todos os temas.
  • Está sendo renovada constantemente.
  • Está en continuo crecemento.
  • Está en contacto coas outras wikipedias para mellorar dun xeito continuo.
  • Está aberta ao uso por calquera persoa que dispoña de acceso a internet, nas condicións de uso da GNU Free Documentation License.

Respecto a algúns datos sobre as celebracións do artigo número 20.000, véxase a páxina Wikipedia:20.000_artigos.

 

Algunhas estatísticas máis da Galipedia son que os colaboradores fixeron 408.693 edicións desde o 8 de marzo de 2003; isto supón 8.40 edicións por termo medio por páxina, e que actualmente hai rexistrador 2.230 usuarios.

Máis estatísticas:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Special:Statistics
http://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Estat%C3%ADsticas

Fonte:
http://gl.wikipedia.org

http://www.mancomun.org/images/stories/simutrans.pngSimutrans Transport Simulator é un xogo GPL para Windows, BeOS, Mac OS X (só con procesadores Intel) e GNU/Linux orientado ao transporte de bens, xente, correo e enerxía.

Igual que moitos outros xogos comerciais coma «Transport Tycoon» ou «Railroad Tycoon», o obxectivo principal de Simutrans é crear unha economía estable, ao mesmo tempo que facemos crecer á compañía. Simutrans permite a modificación dos terreos, construción de estradas, vías férreas, diferentes tipos de paradas para os transportes, terminais, vehículos (autobuses, trens, camións, barcos, avións e máis). A creación de redes de subministro eléctrico tamén está incluída. O xogo tamén nos permite xogar contra 6 xogadores manexados pola AI (intelixencia artificial) do computador…

Relacionado con este xogo tamén temos Simutrans Starter, que é unha interface para instalar o xogo, configuralo, executalo e cargar e gravar partidas. A interface está programada en Gambas2.

Podes atopar máis información de Simutrans nas seguintes ligazóns:
http://www.simutrans.de (páxina oficial)
http://en.wiki.simutrans.com/index.php/Main_Page (wiki oficial en inglés)
http://forum.simutrans.com/index.php/board,73.0.html (páxina  oficial do foro en español)
http://en.wikipedia.org/wiki/Simutrans (información da [[Wikipedia]] inglesa)

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal