Segundo nos explica o responsable da biblioteca Albino Alonso, os equipos do centro que empregan os lectores para entrar en internet e o de consulta de catálogo teñen coma sistema operativo Ubuntu. Estes cinco postos son empregados polos usuarios para conectarse a Internet, empregar o OpenOffice.org e outras funcións sen maiores dificultades. Cita como exemplo que moita xente pregunta “onde está o ‘E'” en referencia ao logotipo de Internet Explorer porque queren conectarse e non dan atopado o programa. Unha vez que se lles explica como acceder ao navegador web traballan sen problemas.
A biblioteca leva traballando con estes postos de GNU/Linux desde hai un ano. En breve incorporaranse tres novos equipos para a sala de lectura infantil e xuvenil que levarán incorporados a distro educativa Edubuntu. Ademais a web da biblioteca facilita o achegamento dos lectores sendo posible a realización do carné de usuario a través de internet, consultar o catálogo, calendario de actividades… Arestora trabállase para que a páxina cumpra o nivel AAA de accesibilidade.
Alonso cóntanos que xa fora a súa intención hai oito anos empregar GNU/Linux pero o feito de que a maior parte do software estivese en inglés e o seu aspecto pouco amigable levaron a postergar o cambio ata a aparición de distros máis fáciles de empregar para un usuario medio coma Ubuntu. As razóns para apostar polos estándares abertos son o feito de non ter que pagar licenzas, a ausencia de virus, a súa adaptabilidade, o emprego do galego e seguir a filosofía de coñecemento compartido do Software Libre.
