Mancomún

Actualización do servidor de FTP da Universidade da Coruña

A Oficina de Software Libre (OSL) da Universidade da Coruña vén de actualizar o hardware que da soporte ao servizo de FTP da UDC e que é réplica de máis de unha ducia de proxectos internacionais de software libre, como Ubuntu, OpenOffice.org ou Apache, a maioría deles recoñecidos de xeito oficial polos propios proxectos hospedados.

O novo servidor (cunha capacidade de máis de 6TB que triplica a anterior e un procesador de cuádruplo núcleo), permitiralle á OSL pór a disposición da comunidade novas réplicas de proxectos, así como ofertarlle ao profesorado e ao PAS da UDC un servizo de aloxamento público de material docente ou investigador, do que xa se benefician algúns profesores de distintas facultades.

Coa nova adquisición, o servidor FTP da UDC convertese nun dos máis amplos de Europa e o segundo, en canto a aloxamento de proxectos, de España. Entre os novos proxectos hospedados está a versión estendida de OpenOffice.org, o prestixioso paquete ofimático libre, de que a OSL é a única réplica oficial en todo o Estado. O actual servidor tiña unha media de case 1000 descargas diarias e prevese que co novo hardware aumente este valor.

A Oficina de Software Libre xorde a partir da aprobación en decembro do Libro branco do software libre que foi aprobado polo Consello de Goberno en decembro de 2006. Está situada na Facultade de Informática e conta con 6 persoas, catro delas contratadas a tempo completo e dous bolseiros. A OSL é a única oficina de software libre en Galiza e na súa misión ocúpase tanto da promoción e mais da difusión de software libre na UDC como do desenvolvemento de novas aplicacións, a posta en funcionamento de servizos baseados en tecnoloxías libres e a normalización lingüística, neste último aspecto co fomento do uso do galego nas novas tecnoloxías e a realización de versións galegas dos programas libres, así como outra serie de actuacións (desenvolvemento de documentación en galego…)

Fonte: Oficina de Software Libre

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal