Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.
Desde hai tres anos existen tradutores automáticos intelixentes en código aberto para diferentes pares de linguas, como galego-español e español-galego, español-catalán, catalán-español, e español-euskera, baseados nas arquitecturas Apertium e Matxin, creadas polo consorcio OpenTrad. Este consorcio de universidades e empresas está constituído polo grupo Transducens da Universitat d’Alacant, o grupo TALP da Universitat Politécnica de Catalunya (UPC), o grupo IXA Taldea da Universidade do País Vasco, o grupo SLI da Universidade de Vigo e as empresas Eleka, Fundación Elhuyar, Prompsit Language Engineering e a galega imaxin|software.
Ao contrario do que sucede con tradutores de código pechado, a partir da arquitectura Apertium (www.apertium.org) pódense desenvolver plug-ins para procesar novos formatos non previstos inicialmente polo consorcio (Word, OpenOffice.org, Latex, etc.). Recentemente Óscar Hermida desenvolveu algúns destes plug-ins coñecidos polo nome de Traducíndote para o formato Word e ODT de OpenOffice.org. Tamén a comunidade OusLi (Ourense polo software libre) realizou un plug-in para integrar OpenTrad-Apertium dentro do navegador da Internet Firefox.
OpenTrad-Apertium está integrado en empresas de comunicación como La Voz de Galicia ou nos xornais do grupo El Correo Gallego. Aparte das melloras realizadas pola comunidade, as plataformas Apertium e Matxin son proxectos vivos de I+D+i nos cales as Universidades do consorcio OpenTrad e outras investigan sobre novas arquitecturas e novos pares de linguas, nos cales as empresas do Consorcio, realizan labores de consultoría e implantación de solucións de tradución automática para os seus clientes.
