APICE, é a Asociación para a Promoción a través da Informática de Colectivos Excluídos. A súa finalidade é a integración de colectivos marxinados na sociedade facendo uso das novas tecnoloxías e do Software Libre, axudando deste xeito á redución da “fenda dixital”.
O proxecto desenvólvese nos barrios e distritos madrileños de: Carabanchel, Usera e Moratalaz e Villa de Vallecas, na Cañada Real Galiana.
Os seus destinatarios son nenos e xoves de 9 a 18 anos para os que
APICE pon en marcha o
Proxecto I+I (Informática + Integración) cuxa finalidade é integrar na sociedade a este tipo de colectivos en situación de marxinación, exclusión social e inmigración mediante o desenvolvemento de programas educativos e profesionais empregando como ferramenta as novas tecnoloxías.
Pilares técnicos do proxecto
En primeiro lugar, o uso de Software Libre -en concreto LTSP (Linux Terminal Server Project) dá a posibilidade de que os equipos reciclados se comporten de xeito similar a equipos de última xeración.
Segundo Jesús Dominguez, responsable técnico “é posible achegar as T.I.C aos colectivos máis desfavorecidos dunha maneira sinxela e sen un gran desembolso gracias ao emprego do Software Libre, o cal consideramos como unha das mellores opcións para aqueles que máis problemas teñen para subirse ao carro das novas tecnoloxías, e ademais conséguese concienciar aos colectivos aos que nos diriximos a que usen o software libre, evitando que participen dos monopolios multinacionais e de pago de licenzas de programas abusivas que non se poderían permitir”. Con isto conséguese democratizar o uso das novas tecnoloxías.
O segundo pilar, a reutilización de ordenadores. Manéxase habitualmente a cifra de tres millóns de equipos desbotados anualmente só en España. Neste proxecto, acadouse a donación de ordenadores “vellos” que ían ser eliminados dunha importante entidade bancaria, axudando desta forma á conservación do medio ambiente.
O equipo técnico conta con colaboradores informáticos e persoal de formación implicados nas tarefas educativas. Trátase dun proxecto aberto á colaboración, se desexas información ou colaborar coma voluntario visita a súa páxina web.