Moitas das actividades dos LUGs contan xa cunha periodicidade establecida e procuran non só a promoción e a difusión do Software Libre entre todo tipo de colectivos (empresariais, educativo, administración, usuarios…) senón que cada vez son máis as xornadas de carácter técnico e de intercambio de coñecementos que se organizan en Galicia. A dinámica destes eventos implica ademais a outros axentes sociais coma PEME ou administracións locais.
Ademais do crecente interese da PEME en xeral e do sector TIC en particular, como reflicte o gran número de empresas que ofrecen Software Libre na nosa comunidade en comparación co resto do estado, a administración local e o ensino levaron a cabo distintas actividades de grande interese.
Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre, tivo participación directa en máis dunha ducia destas actividades. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria para a promoción e difusión do Software Libre para desenvolver a industria informática en Galicia, achegar a Sociedade da Información á cidadanía e incentivar o uso de aplicacións informáticas en galego.
Nota de prensa da Consellería de Innovación
