Mancomún

As bibliotecas romenas empregarán código aberto

As bibliotecas romenas xa poden empregar sistemas de código aberto para levar o sistema de préstamos, de reservas, para facer buscas nos catálogos, para o mantemento do sitio web e da administración xeral.

O sistema de código aberto «IBLA» para a automatización das bibliotecas foi desenvolvido ao longo dos dous últimos anos por un grupo de consultores, Adina Riposan, Emil Mieilica e Iosif Biro, co que agardan que medre o uso do Software Libre no país.

Este proxecto para bibliotecas foi financiado polos gobernos italiano e romeno e ambos países agardan desenvolver un sistema integrado de bibliotecas públicas. O proxecto rematou a comezos deste ano.

O sistema probouse en cinco bibliotecas en Romanía e estase a ofrecer de forma gratuíta a todas as bibliotecas públicas do país. De acordo co persoal involucrado no proxecto, varias bibliotecas, academias e sitios sen ánimo de lucro xa expresaron o seu interese no proxecto.

Segundo os desenvolvedores, o sistema IBLA, que está programado en Java, cubre as funcións principais dunha biblioteca alén de se poder traducir de forma sinxela.

O equipo do proxecto agarda que se cree unha comunidade que continúe co desenvolvemento do programa. Gustaríalles ver o sistema adaptado para o seu uso en computadores de man e outro dispositivos móbiles, así como estender o seu uso para permitir o pagamento de servizos bibliotecarios ou por contidos dixitais. Tamén inclúen na lista de cousas a facer a mellora da súa interface para persoas con discapacidade visual.

Fonte orixinal: http://ec.europa.eu/idabc/en/document/7225/469
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal