Mancomún

A Consellería de Innovación e Industria publica no Diario Oficial de Galicia do día 13 de outubro a convocatoria do concurso para a creación dun portal de servizos e promoción do comercio exterior.  

Este portal terá que ter coma software de base un sistema operativo Linux, un xestor de bases de datos PostgreSQL e un servidor web Apache, ademais doutras esixencias técnicas de carácter aberto.

O concurso está valorado en 210.000 euros e o prazo de entrega de propostas remata o día 29 de outubro.

Máis información: D.O.G. , esixencias administrativas , esixencias técnicas

Eudora é un cliente de correo electrónico para as plataformas Microsoft Windows e Apple Mac OS X, así como para PDA baseadas en Palm OS.

O anuncio realizado pola empresa coincide co lanzamento das últimas versións comerciais de Eudora: a 7.1 para Windows e a 6.2.4 para Mac OS X. A partir de aquí, a próxima versión liberada xa será baixo unha licenza libre, a mediados do 2007.

O novo Eudora estará baseado no mesmo código fonte de Thunderbird, aínda que incorporará características propias do  actual cliente de correo…

Máis información:

Páxina Web de Eudora
http://www.eudora.com/

Nota de prensa da Fundación Mozilla
http://www.mozilla.com/press/mozilla-2006-10-11.html

FAQ da empresa sobre o anuncio do futuro Eudora baseado no código do Thunderbird
http://www.eudora.com/faq/

Cada vez son máis as comunidades de usuarios seguidores do Software Libre que fan uso de internet para difundir principalmente contidos tecnolóxicos libres en forma de blogs, portais, webs de axuda, howtos, etc.
Outro formato que empeza a coller forza en internet en materia de difusión é a revista dixital. Este tipo de creación empeza a ser usado por moitas das entidades de difusión de formato papel, querendo así, facerse un oco en internet. O Software Libre non se queda atrás e xa son varios os portais que están a traballar nesta liña, facendo posible a descarga libre destas creacións.

As ligazóns destas revistas son:

Revista Begins
Revista ACL
Revista Software Libre
FentLinux Magazine

A empresa coruñesa Lambdastream foi seleccionada como unha das 16 mellores empresas de nova creación. Lambdastream forma parte da selección das mellores Start-ups de España elaborada polo Foro Neotec.

O proxecto estrela de Lambdastream é o VoDKA (Video on Demand Kernel Architecture) un sistema de vídeo baixo demanda. Este sistema, recentemente vendido á federación de televisións rusa, corre sobre GNU/Linux como sistema preferente aínda que tamén funciona en Solaris e Digital UNIX. Ademais a maior parte das ferramentas de desenvolvemento, ofimática e deseño gráfico empregadas pola compañía son Software Libre.

O Foro Neotec é un evento, promovido polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) do Ministerio de Industria que se celebrará o día 7 de novembro en Valencia.

Actualmente, o OpenOffice.org conta cun corrector ortográfico para o galego que recoñece máis de 21 millóns de palabras, 500 abreviaturas, 1500 nomes e apelidos, 400 siglas e acrónimos e 1.500 topónimos.
 
A Consellería de Innovación e Industria vén de publicar un concurso para a elaboración dun corrector gramatical para o galego, de código aberto e adaptado ao OpenOffice.org. O texto completo da resolución está publicado no  Diario Oficial de Galicia do venres 13 de outubro do 2006.

 
O importe do contrato é de 52.000€ e resolverase mediante concurso aberto. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados desde o día seguinte á publicación do anuncio no DOG. Os pregos con toda a información pódense descargar da Web da Xunta.

A Universidade do País Vasco vén de publicar unha nova versión da súa distribución GNU/Linux, EHUX v2, que inclúe moitas melloras con respecto á anterior.

Está baseada en Ubuntu Dapper e é unha live con características de disco de rescate (testdisk, fdisk, monta a maioría dos sistemas de arquivos, etc.).

Pódese atopar unha lista dos contidos presentes na distribución EHUX na seguinte páxina web: http://www.sc.ehu.es/scwebci/EHUX/ehux.htm

Ademais, é posible descargar a nova versión de EHUX 2.

Fonte: diariolinux 

O día 19 de outubro celébranse en Lugo e Santiago dúas xornadas sobre Software Libre dirixidas ás empresas.

A de Lugo está organizada pola Sala de Innovación Tecnolóxica do Concello de Lugo e conta coa colaboración da Fundación Cel-Iniciativas por Lugo, Caixa Galicia, a Consellería de Innovación e Industria e a participación de R como socio tecnolóxico.

Os relatorios tratarán sobre ERP’s de código aberto, e-learning, monitorización de seguridade e sistemas, solucións Open Source para portais web. Estas charlas estarán impartidas por representantes de empresas galegas como Ilumax, Pexego ou Softgal. Ademais contará coa intervención de Jesús Arribi que dará a coñecer Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre.  

Pola súa banda a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, Eganet, celebra unha xornada sobre Software Libre orientada ás empresas TIC. Complementariamente, o venres 20 haberá un taller de introdución á instalación e administración de servidores con sistemas GNU/Linux, utilizando a distribución Debian GNU/Linux impartido por Daniel Couso de Tegnix.

Na xornada do día 19 intervirán Juantomás García, presidente de Hispalinux, Álvaro del Castillo, vicepresidente de GNOME España e responsable de proxectos libres da universidade Rey Juan Carlos, Roberto Moral, arquitecto de sistemas de Novell e o asesor da Consellería de Innovación e Industria Antonio Pérez Casas.

Tedes máis información no calendario de eventos e nos seguintes enlaces:

Xornada de Software Libre para Empresas organizada polo Site
-Xornada de Software Libre de Eganet

Os Obradoiros Abertos que vén celebrando a xente de CompostelaWireless tódolos martes dende o mes de Xullo, veránse interrumpidos temporalmente durante os meses de Outubro e Novembro, segundo anuncian na súa web.

Concretamente cancélanse os obradoiros dos días 17, 24 e 31 de outubro e o do día 7 de novembro. Despois destas datas reanudarase a actividade previa publicación dun novo anuncio.

Fonte: CompostelaWireless 

 

LinexA Xunta de Extremadura dá un paso máis no seu pulo no Software Libre e decide incluír no temario das oposicións públicas o paquete ofimático OpenOffice.org. Esta ferramenta ten soporte 100% para o estándar Open Document Format ([[ODF]]) aprobado pola ISO con número 26300.

 
A utilización deste formato permitirá a comunicación coa cidadanía a través dun estándar aberto, garantindo o acceso aos documentos ofimáticos co paso do tempo, independentemente do software empregado.
 
Fonte.- Libro branco do Software Libre  

Organizado por Galiza Nova, patrocinado pola Concellaria da Xuventude do Concello de Vilagarcia de Arousa e coa colaboración de AGNIX e Mancomun.org desenvolveranse no auditorio de Vilagarcía e no Centro Cultural da Torre os días 27 e 28 deste mes que andamos unha charla e un obradoiro sobre Software Libre co seguinte programa:

Charla Venres 27 de Outubro 20:30 h. Auditorio de Vilagarcía de Arousa

  • Roberto Brenlla – Achegamento ao Software Libre.

Obradoiro Sábado 28 de Outubro 12:00 h. Centro Cultural da Torre (Vilagarcía de Arousa)

  • Xabier Alonso. Instalación e achegamento ao GNIX.

O labor dos voluntarios que empregaron o entrans para traducir a versión candidata ou release do OpenOffice.org 2.0.4 logrou que xa estea en galego o 100% da interface. Desde mancomun.org agradecemos de xeito especial o entusiasmo co que foi acollida esta iniciativa. Gracias a vós poderemos ter en pouco tempo a nova versión oficial do OpenOffice.org en canto sexa definitiva.

Pero aínda queda moito por facer. A localización das cadeas correspondentes ao novo contido da axuda está pendente. Cómpre lembrar que o galego é un dos poucos idiomas no mundo que dispoñen dunha axuda totalmente traducida.  

Ir ao entrans .  

O alcalde do Porriño, Raúl Francés, presentou hoxe en rolda de prensa a segunda edición da Linux Party, un encontro de persoas interesadas na informática e o Sofware Libre que se desenvolverá do 12 ao 15 de outubro no Pavillón Municipal de Deportes. Na presentación estivo acompañado de Carlos Rodríguez (presidente de GALPón) e Manuel Hermo (presidente de AGNIX).

 

– Concello do Porriño, Nota de prensa 10/10/06 –

A maior party de software libre de Galicia comezará o xoves 12 ás 17:00 horas e desenvolverase ata o domingo 15 ao mediodía, con 150 ordenadores conectados en rede, conferencias, coloquios, visitas escolares, concursos e outras actividades relacionadas con GNU/Linux e os programas de código aberto. O evento está organizado por GALPón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), coa colaboración do Concello e de AGNIX (Asociación de Usuarios de GNIX).

Carlos Rodríguez, presidente de GALPón, sinala que están chegando ao límite de inscricións para participar na Linux Party, polo que anima á xente interesada a que se anote o antes posible en www.galpon.org. Agárdase a asistencia de usuarios e usuarias de toda Galicia, con presenza destacada de persoas da área de Vigo. Os asistentes poderán levar o seu ordenador de sobremesa ou portátil para ocupar unha das 150 prazas dispoñibles con conexión a Internet e rede local. Ao longo dos catro días que durará o evento celebraranse varias conferencias e mesas-coloquio, que tratarán temas de programación, uso e aproveitamento das principais ferramentas do software libre e incluso sobre astronomía. Os asistentes recibirán de forma gratuíta un cd cunha distribución completa de GNU/Linux e Open Office en galego.

Está prevista tamén a visita de dous centros de educación secundaria de Cangas e O Porriño. Raúl Francés convidou “a todas as persoas interesadas na informática a participar neste encontro, porque será unha boa ocasión para intercambiar experiencias nun ambiente de ocio e traballo”. O alcalde lembrou que “o noso Concello está implicado en potenciar o software libre polas súas posibilidades para crear redes sociais activas. Neste sentido, anunciamos que en decembro O Porriño acollerá as I Xornadas Lusófonas de Software Libre, con representantes de Galicia, Portugal e Brasil”.

Nunha entrevista publicada na páxina web de Nintendo, Satoru Iwata (presidente da compañía nipona) confirmou que por primeira vez nunha das súas consolas, [[Nintendo]] poderá seguir realizando melloras no sistema operativo a través de distintas actualizacións, ofrecendo novas características aos consumidores unha vez que xa mercaran unha Wii

Segundo informacións anteriores, tamén se sabe que Wii terá unha variante propietaria do Kernel de Linux, aínda que como é costume de Nintendo, pouca máis información se coñece ao respecto. 

Fonte: Slashdot.

Despois dun ano de espera dende a última versión estable, [[Skype]] vén de publicar unha nova versión do seu cliente para Linux, con soporte  ALSA para o son, limpeza xeral do código de interface de usuario, un filtro máis rápido de lista de contactos e outras melloras.

Esta nova versión pódese descargar da páxina web: http://www.skype.com/download/skype/linux/

Fonte: DiarioLinux
 

Acabamos de poñer en marcha un novo servizo na web de mancomun.org ao cal se pode acceder a través da seguinte ligazón web:

http://www.mancomun.org/entrans  

Con este novo servizo queremos implicar á maior cantidade de xente posible a que colabore na tradución de Software Libre, e para iso empezamos,  poñendo á vosa disposición, as cadeas que quedan por traducir ao galego da próxima versión do OpenOffice. Unha vez teñamos estes ficheiros traducidos poderemos sacar a próxima versión do OpenOffice en galego gracias á vosa colaboración…

As cadeas do OpenOffice témolas divididas en dous ficheiros:

  • Un ficheiro que contén todas as cadeas da interface do programa (menús, diálogos,etc …) sen traducir e que son unhas 320.
  • Outro ficheiro que contén todas as cadeas pendentes de traducir da axuda do programa. (sobre unhas 1909 sen traducir).

Nota: É preferible tentar de rematar a tradución da interface antes que a da axuda.

Para poder empezar a traducir hai que rexistrarse como usuario dende a ligazón que aparece na marxe superior da aplicación. Unha vez rexistrado, dende mancomun.org revisaremos os datos e procederemos a habilitar as contas aos usuarios, que recibirán un correo avisándolles de que xa poden empezar a facer as traducións.

As traducións que fagan os usuarios quedarán marcadas como suxestións para aqueles usuarios con permisos/privilexios especiais (“validadores”) e que serán os que elixan a tradución máis axeitada para cada unha das cadeas. 

Á hora de rexistrarse é importante cubrir toda a información que se pide, como o perfil do usuario (lingüista, informático, outro) e máis o cadro de texto de máis información, xa que está información poderános ser útil para poder asignar os permisos/privilexios aos distintos usuarios.

Para aprender o manexo da aplicación consultade a axuda dispoñible na mesma, xa que é de vital importancia que as traducións se fagan correctamente.

Ademais é moi recomendable usar o corpus lingüístico que se usou para as anterior traducións para poder manter a coherencia na tradución entre as distintas versións, ademais de servir de base de datos de tradución. Tamén nos próximos días publicaremos a guía de estilo coa que se fixo a primeira tradución do OpenOffice.org.

Máis información sobre o servizo e sobre os ficheiros PO

Este servizo chámase Entrans (páxina oficial do proxecto en SourceForge) e é unha aplicación web que permite traballar na tradución on-line de ficheiros PO. Estos ficheiros son os que permiten que aplicacións como o [[OpenOffice]], [[Firefox]], [[Thunderbird]], [[Gaim]], etc… poidan ser traducidas aos diferentes idiomas (agradecer aos amigos da asociación CiberIrmandade da Fala que nos facilitaran a súa tradución do programa ao galego). 

Gracias pola vosa colaboración.

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal