Mancomún

Munich vén de comezar finalmente a migración dos equipos de escritorio da administración pública a GNU/Linux, un ano despois do planificado e case 3 anos despois do primeiro anuncio que fixeran das súas intencións de migrar cara o Software Libre. …

Florian Schiessl, o coordinador do proxecto de migración na cidade de Munich, dixo este Xoves nunha entrevista que “houbo varios atrasos pero agora estamos xa a movernos firmemente cara adiante”.

Os atrasos no proxecto comezaron cando o debate das patentes de software e continuaron coas negociacións coas empresas para a configuración dos sistemas e o servizo de soporte. Ademais hai que engadir unha extensión dun ano á fase piloto debido á complexidade do proxecto.

O martes pasado comezaron a migración dos primeiros 100 PC dende MS Windows e Office a GNU/Linux e OpenOffice.org. Aínda que polo momento compatibilizan o uso dos dous sistemas operativos, agardan que nos vindeiros dous anos, o uso de Windows descenda considerablemente en favor de GNU/Linux. Recoñecen que a migración completa é “pouco realista” xa que hai produtos hardware e software na administración pública que van requirir Windows e algúns, particularmente na área de publicacións, seguirán a precisar sistemas Apple.

Agardan ter migrado 200 ordenadores á contorna libre para finais deste ano. A configuración empregada baséase en Debian GNU/Linux 3.1, KDE 3.5 e OpenOffice.org 2.

Un dos maiores retos que se lles presentan é a migración dalgúns departamentos con procesos complexos. Schiessl dixo que teñen un plan deseñado para atacar estas migracións e agardan non ter problemas e antes do fin de 2008 poder ter migrado o 80% dos sistemas de escritorio.

Outro reto está relacionado coa conversión dos formatos dos produtos Microsoft aos formatos abertos. Para solventar este problema, o equipo de Limux estableceu unhas liñas de actuación. “Con OpenOffice.org, non hai problema para abrir e ler os formatos de Microsoft, e a maioría dos documentos simples non precisan ningún procesado para o seu tratamento. Mais, nalgúns casos, pode haber perdas de formato e cómpre facerlles manualmente algunha modificación para reparar ditas perdas. Neste punto é onde se aplican as liñas de actuación creadas polo equipo do proxecto.”

Fonte: LinuxWorld

Simply RISC, un grupo de enxeñeiros de Catania (Italia) e Bristol (UK), acaban de liberar o deseño dun procesador de 64 bits, chamado S1 Core. O deseño está baseado no microprocesador OpenSPARC T1 que liberara Sun hai uns meses, tamén con licenza GPL, e que é empregado en dispositivos como PDA e cámaras dixitais.

 
O deseño do S1 Core pódese descargar libremente, sen necesidade de rexistrase, dende a Web de Simply RISC en www.srisc.com.
OpenOffice.org Document Project convoca en colaboración con Wordlabel.com un concurso para elixir cliparts e modelos (templates) para OpenOffice.org. Os gañadores poderán recibir premios en metálico e a posibilidade de que os seus traballos sexan engadidos a esta suite informática. O prazo de presentación remata o día 13 de outubro ás 18 horas (hora galega).

 
A participación está aberta a todo aquel que o desexe. Os traballos deben ser enviados en formato de modelo de OpenOffice.org (ex: *.ott para Writer) e os cliparts en calquera formato gráfico soportado por OpenOffice.org ou formato SVG co seu correspondente filtro importador. As propostas que se presenten deberán estar baixo licenza LGPL ou PDL.
 
Máis información: Condicións do concurso OpenOfficce.org 
Unha boa forma de espallar o sistema operativo GNU/Linux, e as súas boas funcionalidades, é a través dos proxectos chamados Live-CD. Sen requirir coñecementos informáticos unha persoa pode utilizar e traballar con este sistema operativo, sen ter que instalalo.
 
LFS e DreamLinux son dous proxectos que fan posible un uso doado de GNU/Linux a través de interfaces moi intuitivas, coloridas e vistosas dando a posibilidade de crear novos sistemas GNU/Linux en formato Live-CD partindo destes.

 
Linux From Scratch (LFS) ten como cometido, proporcionar as ferramentas necesarias para que calquera persoa poida construír o seu propio sistema GNU/Linux, partindo dunha distribución xa instalada no seu disco duro, dunha partición limpa para albergar o novo sistema, e de ferramentas de programación para compilar os paquetes que compoñerán o noso sistema personalizado.
 
Dreamlinux 2.1 é outra distribución GNU/Linux, que facilita aos seus usuarios a creación das súas propias distribucións, coma a anterior LFS. Dreamlinux está baseada en Debian e Morphix e é un sistema Live-CD que pode correr desde CD ou instalarse en disco duro.
 
Fontes: linuxfromscratch.org, dreamlinux.com.br
gvSIG é unha ferramenta para a xestión territorial con licencia [[GPL]], multiplataforma e que está traducida a varios idiomas, entre eles ao galego. Caracterízase por unha interfaz amigable e soporta os formatos máis usuais, tanto ráster como vectoriais.

 
Ten moitas funcionalidades xa implementadas. No proxecto fíxose un especial fincapé na súa extensibilidade de forma que os posibles desenvolvedores poidan ampliar as funcionalidades da aplicación facilmente, así como desenvolver aplicacións totalmente novas a partir das librerías utilizadas en gvSIG, sempre e cando cumpran a licenza GPL.
 
Máis información na páxina web do proxecto

Acábase de anunciar a aparición da versión 2.6.18 do kernel Linux. Entre as novidades destacan un soporte de herdanza de prioridades no espazo do usuario, unha ferramenta de depuración que valida “bloqueos”, unha nova política de aforro de enerxía en sistemas multicore, SMPnice, melloras á infraestrutura SATA, migración de páxinas sen swap e un novo control de acceso dos paquetes para SELinux chamado “semarck”.

Máis información: LinuxChanges.  

Os días 27 e 28 deste mes de setembro realizaranse as “Xornadas de Software Libre na USC”, concretamente na Escola Técnica Superior de Enxeñería.

Aulusc en colaboración con GLUG organizan estas xornadas orientadas fundamentalmente cara redes. …

As xornadas teñen unha duración de dous días e comprenden conferencias e exemplos prácticos cos que se tratarán temas como a instalación do entorno LAMP, a configuración de firewalls e pasarelas, instalación qemu e configuración de vlans, etc.

Recomendan levar o ordenador para aproveitar mellor as xornadas e ir probando algúns dos exemplos prácticos (configuración de LAMP, redes WiFi, etc.). 
 
Cómpre facer unha inscrición previa cubrindo o formulario que estará dispoñible na web de AULUSC a partir de hoxe.
 
Máis información: AULUSC
 
Con versións para Linux, Mac e Win, Democracy é un software gratuíto e libre (licenza GPL) que pode recoller clips dos sitios típicos (YouTube, Google, Yahoo!, etc), descargalos mediante un cliente BitTorrent e organizalos. A Descarga pode igualmente programarse, ao estilo de programas como TiVo.
Conta xa con 600 canles e cada día engádense novos, ademais dos que os usuarios queiran crear.

Os seus creadores queren destacar o carácter aberto e multiplataforma como sinais de identidade dun programa que aspira a atraer produtores independentes e creadores de todo tipo que traballan á marxe dos circuítos comerciais dominantes.

Fuente: getdemocracy.com

Observatorio Cibersociedad O III Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade, que nesta ocasión leva por título “Coñecemento Aberto, Sociedade Libre”, abre o prazo de presentación de comunicacións aos máis de 62 grupos de traballo que o integran en cinco áreas temáticas:
a) Política e cambio social.
b) Identidade e grupos sociais.
c) Comunicación e cultura.
d) Educación e aprendizaxes.
e) Crítica e innovación.

O grupo de traballo e-learning e Software Libre enmarcado na temática de educación e aprendizaxes, está coordinado polas áreas de e-learning e Software Libre do Centro de Supercomputación de Galicia. Podes obter máis información sobre como enviar os teus traballos e aportacións na web do congreso.

Snort é un popular programa para a detección de instrusos en redes de computadores. O seu creador, Marty Roesch, comezou a escribilo no ano 1998. Entón tiña 28 anos e decidiu montar unha empresa, Sourcefire, que vendería no ano 2005 por un prezo multimillonario: 225 millóns de dólares. A chave do seu éxito foi…

 
…por un lado, utilizar Internet para distribuír software de código aberto gratis e, por outro, vender pezas propietarias (de código pechado) que melloran a oferta gratuíta. Este modelo mixto, código aberto + código pechado, emerxe como un dos novos modelos de negocio máis populares na industria de software, segundo os investidores de capital risco.
 
Existen, con todo, potenciais problemas á hora de implantar este modelo, xa que nel se conta cunha comunidade de desenvolvedores que, en moitos casos, non están dispostos a seguir o “dobre xogo”. Asemade, as empresas con modelos mixtos poden acabar abandoando as súas ofertas abertas porque se se ten unha versión de código aberto gratuíta e unha versión comercial con funcionalidades melloradas, a versión libre pode sufrir as consecuencias converténdose nunha solución de menor gama dentro da liña de negocio.
 
Máis información: IDG.es/cio  

Red Hat acaba de lanzar a versión beta de Red Hat Enterprise Linux (RHEL) 5, que ten integrada no seu código a máquina virtual Xen, co obxectivo de levar ao mercado masivo os sistemas de virtualización.

Ademais de Xen, RHEL 5 inclúe un instalador mellorado, soporte para Infiniband, Kexec and Kdump, e integración smartcard.

Espérase o lanzamento definitivo do produto para o día 21 de Decembro do 2006.

Fonte: Linux Magazine

Do 27 ao 29 de setembro celébrase o Open Education 2006. Este evento, que se celebra na Universidade de Utah está centrado nos aspectos sociais, culturais e técnicos dos recursos educativos libres. Un dos aspectos característicos deste evento é que todas as publicacións e presentacións que se acepten deben estar baixo unha licenza [[creative commons]].

O programa céntrase en tres eixos fundamentais:

  • Recursos educativos libres
  • Ferramentas e software para unha educación libre
  • Reutilización e mistura de recursos educativos libres
UPCnet, fornecedor TIC da UPC, adaptou o Learning Management System Moodle ás necesidades específicas da UPC, creando a plataforma Atenea 4.
Ao rematar a súa implantación en toda a universidade ao longo deste mes, 18 centros docentes, cun total de 34.000 usuarios, farán uso desta plataforma, o que a convirte na maior instalación de Moodle en España. 

UPCnet actuou como colaborador estratéxico da universidade en todo o ciclo de vida do proxecto, dende a planificación do mesmo e a selección de Moodle fronte a outras alternativas do mercado, ata o desenvolvemento de funcionalidades adicionais, a adaptación á imaxe corporativa da UPC, a implantación e o mantemento da solución.

Atenea 4, ademais dos beneficios inherentes á plataforma Moodle , facilita a autonomía dos centros docentes na xestión dos contidos, a integración con outros sistemas de xestión da universidade, a aplicación dos criterios da Declaración de Boloña e diminúe os custes de xestión dos campus virtuais no tocante a licenzas, desenvolvemento, implantación e xestión.

Despois de teren feito dous proxectos piloto en 13 centros docentes (con 7.000 estudantes, arredor de 500 profesores e case 600 asignaturas), este mes implántase Atenea 4 de forma extensiva en toda a UPC.

Fonte: laflecha
KEMECuentas é unha aplicación contable que se desenvolveu de forma autónoma, sen depender de ningún programa de facturación ou de xestión comercial anexo. Está dirixida a profesionais que precisen realizar o seu traballo sen ter que procesar datos extracontables, como dar de alta artigos ou xestionar stocks.

Entre as principais características a destacar desta versión, atópanse:

  • Proceso de rexistros de IVE e elaboración dos libros de facturas emitidas/recibidas.
  • Vencemento de contas a pagar e cobrar, con procesado automático de cobros/pagos.
  • Regularización, peche e apertura de exercicios de forma automática.
  • Rexistros para amortizacións de inmobilizado con realización de asentos de forma automática para cada exercicio.
  • Posibilidade de confeccionar estados contables e outros documentos, nos que se poden incorporar fórmulas e detallar saldos de contas.
  • Permite a confección de libros contables, os contidos dos libros e documentos pódense exportar a PDF.
  • Emprego do paquete Latex para a impresión e consulta de informes.
  • Manual de máis de 100 páxinas integrado na aplicación. Está dispoñible na páxina web do proxecto: http://keme.sourceforge.net

O consorcio OASIS anunciou onte o lanzamento dun web “creado para servir como lugar de encontro oficial da comunidade e como fonte de información para o formato OpenDocument Format (ODF)”. Está patrocinado por IBM, Sun Microsystems e Intel. Segundo se pode ler no breve anuncio, anímase aos lectores a contribuír no contido.
Na web creada inclúen tamén unhas orientacións editoriais para a súa consulta previa.

Fonte: Consortiuminfo.org

 

GALPon celebra o Día do Software Libre o próximo 16 de setembro invitando a todos aqueles socios e non socios a unha churrascada.

O evento comezará ás 13:00h do sábado 16 de setembro no parque forestal de Beade, en Vigo.

NOTA: En caso de mal tempo buscarase un restaurante.

Precisa inscrición…

O menú constará de churrasco, pan, viño, cervexa e refrescos.
O prezo: gratuito para os socios de GALPon (ao corrente no pago das cotas) e 5 euros / persoa para os demais invitados.
Ante todo, necesitamos coñecer o volume de xente que vai participar, polo que necesitamos que vos apuntedes ANTES DO SÁBADO no wiki de GALPon.

(Edita a páxina para anotarte, se non sabes cómo, podes mandar unha mensaxe a info@galpon.org)

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal