Mancomún
WikiMancomun.org vén de abrir un Wiki que servirá como punto de encontro para os proxectos de tradución e localización de software que se promoven desde o portal. Desde o Wiki poderán descargarse os programas adaptados ao galego, acceder á documentación dispoñible e intercambiar información e ideas. Esta iniciativa está aberta ademais á participación polo que calquera que queira incorporar algún novo programa ou nova documentación pode facelo rexistrándose.
 

En Galicia existen outros proxectos de localización de software de grande interese como Ciberirmandade da Fala ou Trasno.

http://www.mancomun.org/images/stories/w3c.png O Consorcio World Wide Web publica hoxe o Conxunto de Etiquetas de Internacionalización (ITS) Versión 1.0 como recomendación do W3C. O ITS 1.0 responde a varios requisitos de internacionalización, como identificar o idioma dun texto, especificar a súa dirección (como no hebreo e o árabe, nos que se escribe de dereita a esquerda; ou textos con varias direccións), proporcionar anotacións Ruby (empregadas en documentos de Asia Oriental para indicar a pronunciación ou apuntar un breve comentario), e indicar se o contido do texto debería ser traducido (un requisito importante para os desenvolvedores de ferramentas de axuda á localización).

Os creadores de contido XML poden empregar o conxunto de elementos e atributos do ITS para adaptar os esquemas e documentos ao proceso de localización e internacionalizalos para unha audiencia global. Traballar con formatos de documento é máis sinxelo, tanto si estás creando un esquema novo, como si traballas sobre outro xa establecido. As implementacións coas que conta para DTD, Esquema XML e Relax NG poden empregarse con vocabularios novos ou con outros xa existentes como XHTML, DocBook e OpenDocument.

Fonte: Oficina española do W3C  

A terceira versión candidata de Mandriva Linux 2007.1 (Mandriva Linux 2007 Spring) xa está dispoñible.

Entre os compoñentes de escritorio máis destacables están KDE 3.5.6, GNOME 2.18, OpenOffice.org 2.1, Mozilla Firefox 2.0.

Esta nova versión tamén mellora as ferramentas de configuración cunha nova ferramenta de actualización simplificada e o soporte hardware con soporte para lectores de tarxetas SD e as tarxetas gráficas de Nvidia, Intel e ATI / AMD…

Tamén foron cambiados o arranque e os temas de escritorio.

Para unha información mais detallada, visite:
http://wiki.mandriva.com/en/Releases/Mandriva/2007.1/Development/RC3

http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.pngOs proxectos de Software Libre están caracterizados polo seu desenvolvemento distribuído, aberto, colaborativo e que empregan procesos de traballo baseados na comunidade. Proxectos con tanto éxito como o servidor Apache, GNU/Linux ou PHP teñen un Contorno de Desenvolvemento Colaborativo (Collaborative Development Environment – CDE) que proporciona acceso ao repositorio do código fonte, xestión do coñecemento, listas de discusión, seguimento de erros e soporte ao usuario.

GForge, derivado do paquete SourceForge, é un CDE baseado en web con licenza GNU/GPL. A Forxa de Mancomun.org traballa con este software localizado ao galego. Nestes intres A Forxa conta cun total de 31 proxectos rexistrados e 74 usuarios dados de alta. A participación na Forxa está aberta a calquera que queira participar en proxectos de Software Libre.

No documento “Producing Open Source Software” amósanse os pasos a seguir para desenvolver Software Libre nun contorno de desenvolvemento colaborativo.

En Gforge, e na Forxa por extensión, cada proxecto conta coas seguintes características:

  • Repositorio CVS ou Subversion xerado automaticamente 
  • Control de acceso ao repositorio
  • Xestión do código fonte (SCM)
  • Estatísticas de crecemento do repositorio
  • Envío automático dos cambios a lista de correo empregando os complementos cvssyncmail e svncommitemail.
  • Listas de correo
  • Foros
    • posibilidade de resposta vía correo electrónico

    • múltiples vistas: aniñadas, plana, por fío,…

  • Rastrexadores (Trackers)
    • respostas do rastrexador de ítems vía correo electrónico

    • ligados aos cambios no CVS e SVN empregando os complementos cvstracker e svntracker.

  • Filtros de navegación

  • Control de Acceso baseado en roles para xestionar os membros do proxecto. As distintas partes do proxecto poden ser restrinxidas para controlar o acceso.
  • Xestor de tarefas a través de diagramas de Gantt.
  • Xestión de documentos con colas de aprobación
  • Enquisas
  • Novas
  • Sistema de Publicación de Ficheiros
  • Wiki
  • Interface de Liña de Comandos
  • Integración con Tinderbox
InestableOs días 5, 6 e 7 de abril terán lugar as V Xornadas de GNU/Linux de Ordes organizadas polo grupo de usuarios de GNU/Linux Inestable. Este evento serve tanto coma aproximación para os non iniciados coma para compartir coñecemento en áreas coma a programación web, o deseño gráfico ou redes partindo sempre desde a perspectiva do Software Libre.  As xornadas terán lugar na Academia Sistema de Ordes con horario de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00. O prezo de inscrición é de 5 €.

Este é o programa das xornadas:

Xoves 5 de Abril

9:30 Presentación e entrega do material

10:00 Introdución ao software libre, Salvador Tabarés (Inestable)

12:00 O proxecto Trisquel: Presentación e funcionalidades

16:00 Procesando e mezclando vídeo en tempo real Demo-Taller de DelVJ

Venres 6 de Abril

9:30 Taller de LAMP’s, Óscar Casal (GLUG)

12:00 Seguridade en Gateways: Software Libre vs Software privativo, David Martínez Carballo (Symantec | OUSLI)

16:00 Introdución a CakePHP: o PHP fácil, Toni Martínez Carballo (OUSLI)

18:00 Introdución a AJAX & Prototype, Tomás Vilariño (Mancomun | OUSLI)

Sábado 7 de Abril

9:30 Taller de Inkscape : Introdución ao deseño vectorial libre, Denís Fernández (GLUG)

16:00 Traballando no kernel dentro dunha distribución, Juan Quintela Carreira (RedHat kernel-xen Maintainer | MADS Group Universidade da Coruña)

 

AmigusAmigus, Asociación Informática de As Pontes, celebrará a súa Amigus-Party os días 5, 6 e 7 de abril na que ademais dos habituais concursos de videoxogos haberá un espazo para o Software Libre. No AmiguSoft-Libre, Teo Ramírez falará de Galinux e organizarase unha charla sobre instalación de sistemas GNU/Linux ademais dun obradoiro de instalación de Linux na PS3.

O acto está coorganizado co Concello das Pontes, coa colaboración de A.A.V.V. Campeiras, Openor, Mancomun.org, o Cesga e a Consellería de Innovación e Industria.
O programa do día 6 é o seguinte:

16.00 a 17.00: Galinux-Slax a cargo de Teo Ramírez
– Que é Galinux
– Quen é Galinux
– Para quen é Galinux
– Como se fai Galinux
– Como é Galinux

17.00 a 17.30 pausa/café

17:30 a 20.00 Instalación de sistemas Linux a cargo de jmpello (www.amigus.org)
– Elección da distribución
– Comprobación da compatibilidade do Hardware
– Métodos de instalación
– Particionamento dos discos
– Configuración do arranque
– Configuración da rede
– Elección dos paquetes a instalar
– Configuración do kernel
– Xestión de usuarios e grupos
– Configuración do sistema gráfico
– Configuración do resto do sistema

20.00 a 20.30 pausa/café

20.30 a 21.30 Obradoiro de instalación dun Linux na PS3 a cargo de jmpello e CyberMODE (www.amigus.org) – Backup dos contidos da PS3 – Acadar un DVD de instalación (Yellow Dog, Fedora…) – Proceso de instalación (seguinte > seguinte > seguinte …) – Que podemos facer cun Linux nunha PS3

No gran evento das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia, o Xuventude Galiza Net, celebrado a pasada fin de semana, o Software Libre contou cun protagonismo destacado. O grupo de usuarios Compostela Wireless en colaboración con outros grupos de usuarios de Galicia coordinou unha serie de conferencias e de talleres prácticos que tentaron achegar a cultura e o código libre aos asistentes.
 
Por outra banda unha charla con título O Software Libre: oportunidade económica, social e cultural trouxo ao Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a tres expertos de referencia coma son: Jordi Mas, coordinador de Softcatalà, Marcelo D’Elia consultor de tecnoloxía para a Sociedade da Información da Generalitat de Catalunya e Javier Bustamante director do proxecto de investigación Experiencias de inclusión dixital e goberno electrónico nas administracións públicas: un estudo comparado Brasil-España, da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

As charlas coordinadas por Compostela Wireless foron a Presentación de Mancomun.org a cargo do seu coordinador Jesús Arribi,  A internet social, con Daniel Ballobre de Compostela Wireless e Berto Yañez coordinador de Chuza!, Que temos de novo en GNOME e KDE, con Chema Casanova de GPUL e José Millán e Introdución á programación de GNOME, a cargo de Carlos García Campos. 

Os obradoiros abertos de 24 horas consistiron nunha install party permanente, nun obradoiro de instalación de servidores de rede local, outro de creación de routers co, citamos textualmente a web de Compostela Wireless, antigo Pentium de papá e un derradeiro sobre GNU/Linux coma mediacenter. A documentación xerada recompilarase nunha web.

 

A Free Knowledge Foundation / Fundación Coñecemento Libre (FKF) e catro concellos da Sierra de Madrid constituíron o pasado un de marzo o Consorcio Público do Coñecemento Libre e o Software Libre de España (CONSOLE).

Entre os obxectivos do consorcio destaca o fomento e implantación do Software Libre nas administracións locais, para o que levarán a cabo proxectos concretos de desenvolvemento de aplicacións de xestións para o concello, entre outros, todo publicado baixo licenza libre, concretamente GNU/GPL.

O Consorcio, denominado CONSOLE, é unha entidade pública de ámbito estatal, e permite a incorporación de calquera concello do Estado español. Xa amosaron o seu interese multitude de concellos e o proceso de adhesión comezará de modo inminente. A FKF conta cun formulario de solicitude de información.

O Consorcio presentarase publicamente na LibreMeeting2007, un evento que terá lugar o 10 e 11 de maio en Miraflores de la Sierra, Madrid.

Fonte: La Flecha

O pasado venres 30 de marzo tivo lugar na  Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre unha xornada de traballo que reuniu a varias empresas do sector TIC para falar do ERP libre OpenBravo e outras ferramentas de xestión empresarial. Este evento contou coa presenza do community manager de OpenBravo Jordi Mas que falou sobre a alta difusión do produto, que conta con tres partners en Galicia, no mercado global e os retos e oportunidades desta novo xeito de entender o negocio das aplicacións informáticas orientadas ás empresas.
Almorzo Jordi Mas

Na primeira sesión Mas expuxo as principais características do ERP, a súa traxectoria, política de partners, política de expansión… Posteriormente deuse paso a unha mesa redonda onde os participantes intercambiaron ideas sobre a grande oportunidade para a xeración de alianzas empresariais que trae consigo un modelo de negocio non baseado no código senón nos servizos, o problema que supón para a PEME as solucións estandarizadas das grandes empresas de software privativo ou o papel da administración como promotora das TIC.

Tedes na nosa web a  presentación sobre OpenBravo.

    A Comunidade OpenOffice. org ven de anunciar a liberación de OpenOffice.org 2.2 a última versión da suite ofimática de código aberto. Esta nova versión protexe aos usuarios de vulnerabilidades recentemente descubertas, onde os usuarios de PCs poderían ser atacados dende documentos abertos.
    Entre as novas características destacan a mellora na calidade do texto visualizado en tódalas partes do OpenOffice. Esta mellora débese a que o soporte para kernign, unha técnica que mellora a aparencia do texto escrito, ven activada por defecto. Tamén foi realzada a función de exportación a pdf coa adición da creación opcional de bookmarks.

    A folla de cálculo OpenOffice.org Calc, presenta melloras no soporte de arquivos en formato Microsoft, incluíndo melloras no soporte de Pivot Tables e algunhas funcións trigonométricas especiais.

    No que se refire a OpenOffice.org Base mellorou a funcionalidade na edición SQL, así como as opcións de compatibilidade para algúns drivers de bases de datos, tales como Oracle ODBC.

    Esta nova versión de OpenOffice.org é accesible ademais da tradicional descarga web a través de Peer-to-Peer (P2P).

 

Fonte:http://www.openoffice.org/press/press_release_ooo2.2.0.html

 

 

Logo EganetEganet, asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías, vén de celebrar coma todos os anos a gala de entrega dos seus premios destinados a recoñecer as iniciativas máis interesantes e dinámicas no eido das tecnoloxías da información na nosa comunidade. Mancomun.org resultou premiado coma mellor iniciativa de Software Libre.

O equipo de Mancomun.org agradece publicamente a concesión deste premio e quere facelo extensivo aos outros dous finalistas polo seu excelente traballo: a empresa Imaxin Software polo seu Opentrad e, especialmente dado o mérito e calidade do seu labor, ao I.E.S. Chan do Monte e ao responsable técnico do seu proxecto Manuel Morán
 

Mancomun.org quere tamén facer partícipe deste galardón ao movemento asociativo a prol do Software Libre pola súa importante actividade de difusión, aos docentes que loitan a diario por introducir o Software Libre nas aulas, ás persoas que desde a Consellería de Innovación en particular e na administración en xeral apostan polo Software Libre coma unha solución de presente e futuro para os cidadáns, ás empresas que en Galicia están a crear riqueza e emprego a través do código aberto e, en definitiva, a todas aquelas persoas que traballaron e traballan de maneira xorda e non o suficientemente recoñecida por un modelo tecnolóxico mellor. Eles son a comunidade do Software libre e os verdadeiros gañadores.
 
Destaca a concesión do Premio Especial Eganet ao Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información coma iniciativa de maior contribución ao sector TIC en Galicia.Tamén foi nominada outra iniciativa baseada no Software Libre: o portal do Concello de Abegondo na categoría Premio Tecnoloxía Accesible.

O servizo de informática do hospital Juan Canalejo vén de recibir o premio Computerworld 2007 ao Impacto no Cidadán de Galicia polo seu proxecto de teleformación baseado en tecnoloxías libres orientado a pacientes con longos períodos de hospitalización. A iniciativa foi desenvolvida a través dun convenio co departamento de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Santiago e permite que os lesionados medulares podan obter un título oficial de experto en informática.

O departamento de e-learning do Cesga emprega para o desenvolvemento do seu labor plataformas tecnolóxicas libres como neste caso no que se empregou a plataforma de teleformación Dokeos.
Representantes dos grupos de usuarios de GNU/Linux de Galicia e docentes de centros formativos en informática reuníronse con representantes da Consellería de Educación para facerlles chegar as súas demandas, inquietudes e propostas ao redor do emprego do Software Libre nos centros de ensino non universitario. Na reunión tanto consellería como LUG e docentes coincidiron na importancia de incorporar de xeito inmediato e paulatinamente aplicacións libres nos centros. Tamén se evidenciaron algunhas das dificultades deste cambio coma a necesidade de formación e a falta de persoal para dar soporte á incorporación das TIC nas aulas.
 

Usuarios e profesores demandaron que se acabe coa situación de ilegalidade na que viven moitos centros nos que se emprega de xeito habitual software non regulado. Realizaron ademais unha serie de propostas encamiñadas á introdución do Software Libre e as TIC no ensino como a necesidade de crear a figura nos centros de profesor experto en TIC que daría soporte técnico e formación ao resto do claustro, a introdución dun sistema de base común das aplicacións empregadas nos centros para facilitar a coordinación e o soporte ou a creación dun portal colaborativo para o intercambio de experiencias entre profesores. 
 
Os representantes da consellería acolleron con interese estas achegas e compartiron a idea de introducir de xeito masivo o Software Libre no ensino. De feito afirmaron que xa están tomando medidas orientadas a preparar o cambio de tecnoloxías propietarias a abertas non renovando a licenza de moitos dos produtos privativos arestora empregados. Ademais sinalaron algunhas accións concretas coma o reparto de 1500 CD de OpenOffice.org entre os centros e os cursos de Entrans e de introdución ao Software Libre.
 
Sen embargo sinalaron certas dificultades relativas á falta de recursos humanos para dar soporte técnico e a certas situacións herdadas que impiden que este cambio sexa inmediato. Tanto a Xunta coma os diferentes colectivos colaborarán na introdución do Software Libre  nos centros educativos.
Dell confirmou onte a súa intención de incluír GNU/Linux por defecto e mellorar o soporte actual para o mesmo, e sen custo algún, nalgúns dos seus computadores de sobremesa e portátiles da súa gama. Esta decisión, sobre a que se especula desde hai unhas semanas, é a consecuencia lóxica ao “brainstorming” que a compañía lanzou a mediados de febreiro, e na que preguntaba aos seus clientes que novas ferramentas querían ter no seu PC.
A confirmación efectuouse mediante unha mensaxe na web oficial da compañía, na que Dell afirma que “facilitaremos máis información nas próximas semanas, incluíndo detalles sobre os sistemas que ofreceremos e a distribución ou distribucións que estarán dispoñibles”…

Fonte:
http://www.elpais.com

Motorola empregará GNU/Linux como sistema operativo para os seus dispositivos móbiles de gama media e alta. Parece ser que a elección do sistema operativo GNU/Linux ven motivada por un intento de aforrar custos e incrementar a marxe de beneficios. Motorola anunciou que abandonará o seu sistema P2K RTOS (sistema operativo en tempo real) empregado nos seus dispositivos Razr, Krazr e outros. Motorola xunto con NEC, NTT DoCoMo, Panasonic Mobile Communications, Samsung Electronics e Vodafone, axudados por LiMo Foundation, propuxéronse manter unha plataforma GNU/Linux en común…

Fonte: http://linuxdevices.com/news/NS2046550275.html

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal