Mancomún

GPULA Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) e Igalia, empresa coruñesa de enxeñería informática en Software Libre, anuncian a sinatura dun acordo de colaboración polo cal Igalia patrocinará o programa de eventos do grupo de usuarios coruñés durante o ano 2007.

O programa de actividades inclúe eventos de ámbito estatal coma as reunións GUADEMY e DUDESConf, así como numerosas xornadas e obradoiros orientados a usuarios e programadores tanto da industria local como do ámbito universitario.

GPUL e Igalia consideran que a realización destas actividades contribuirá significativamente a unha maior colaboración entre importantes proxectos de Software Libre como GNOME, KDE e Debian GNU/Linux.

Con respecto ás xuntanzas a nivel estatal:

  • GUADEMY 2007, do 23 ao 25 de marzo, é unha reunión onde os desenvolvedores máis importantes de GNOME e KDE en España compartirán sesions de traballo con persoas interesadas en introducirse nestas comunidades.
  • DudesConf 2007, do 13 ó 15 de abril, pretende xuntar aos colaboradores da distribución Debian GNU/Linux e derivadas nun entorno familiar e distendido, para fomentar a colaboración e compartir o coñecemento.

En relación ás xornadas e obradoiros a un nivel máis local, os eventos que se patrocinarán (coa posibilidade dalgún engadido máis adiante) serán:

  • II Xornadas de Informática Gráfica e Software Libre.
  • Xornada Software Libre na Empresa.
  • VII Xornadas sobre Software Libre.
  • IV Obradoiro de criptografía, privacidade e seguridade.
  • II Xornadas de tecnoloxías web e Software Libre.
  • Linux Picnic.

A Asociación de Internautas das Rías Baixas Galegas está a organizar unhas xornadas formativas dirixidas ás PEME sobre Software Libre e comercio electrónico. En total queren ofrecer ao redor dunhas 30 horas divididas en 5 días de formación á PEME sobre ferramentas de xestión electrónica, comercio electrónico e aplicacións e tecnoloxías de utilidade para a empresa. Os organizadores queren saber que empresas ou grupos de usuarios estarían interesados en ofrecer os  contidos destas xornadas que terán lugar entre o 30 de abril e o 4 de maio en Vilagarcía de Arousa.

Todos aqueles interesados en participar nestas xornadas deben poñarse en contacto o antes posible con Mancomun.org indicando de xeito aproximado, os contidos propostos, a dispoñibilidade de días e horarios e cal sería o custe aproximado.

Os días 9, 10 e 11 de maio terán lugar en Santiago de Compostela, no Palacio de Congresos e Exposicións , as Primeiras xornadas de Software Libre para Unidades e Servizos de Información .
 
Estas xornadas celébranse dentro das 10as Jornadas Españolas de Documentación: FESABIB 2007,  e son patrocinadas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
 
Pódese consultar na web das xornadas o programa provisional así como as datas para o envío de comunicacións .
 
A asistencia a estas xornadas é libre para os inscritos ás Xornadas FESABID 2007
 

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) organiza unha xornada sobre Software Libre na PEME que tentará descubrir ás pequenas e medianas empresas da provincia as posibilidades do código aberto. O evento terá lugar o día 11 de abril na sede da CEP en Vigo a partir das 17 horas. No evento ademais de expoñerse as principais liñas de actuación da Xunta respecto ao Software Libre amosaráselle ás empresas as principais ferramentas de xestión libres existentes así coma casos de éxito de usuarios e implantadores deste tipo de tecnoloxía. O periodo de inscrición xa está aberto.

Elena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, exporá a importancia do Software Libre para Galicia facendo fincapé no sinalado polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información. Pola súa banda Jesús Arribi, coordinador do proxecto Mancomun.org, fará unha introdución ao Software Libre. Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, falará sobre as ferramentas de xestión empresarial orientadas á PEME existentes.

A xornada completarase coa experiencia de dúas empresas galegas. Inforede, empresa de Pontecesures provedora de servizos e produtos informáticos, falará sobre o seu modelo de negocio. Complementarase este relatorio coa experiencia dun cliente de Inforede. Rei Zentolo, PEME do sector téxtil que emprega un terminal de punto de venda desenvolvido baixo tecnoloxías libres.      

 

 

Mancomun.org organiza un almorzo de traballo para o día 30 de marzo sobre o ERP libre OpenBravo e outras ferramentas de xestión empresarial libres. Esta xornada dirixida a técnicos e empresarios vai contar coa presenza de Jordi Màs, Community Manager de OpenBravo, coordinador da comunidade de usuarios Softcatalá e experto en Software Libre con ampla experiencia no sector. O evento terá lugar na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre en Santiago de Compostela.

O obxectivo desta xuntanza é reunir a un grupo reducido de empresas do sector TIC ao redor desta temática para compartir coñecemento e experiencias sobre este produto e o desenvolvemento de solucións OpenSource para a PEME. Estará divida en tres sesións:

  • 11:00 – 12:00 Sesión aberta: Presentación de OpenBravo ás empresas.
  • 12:00 – 14:00 Sesión de traballo (inscrición gratuíta con prazas limitadas para as empresas do sector TIC): Panel de debate coa presenza de Jordi Mas sobre oportunidades de negocio do Software Libre de xestión empresarial.
  • 14:30 – 16:30 Sesión aberta previa inscrición gratuíta (excluído o importe da comida): Xantar de traballo.

As empresas interesadas en participar no Panel de debate deben apuntarse o antes posible enviando un correo a mancomun@mancomun.org. A selección farase por rigoroso orde de chegada. Este evento forma parte dos actos da Rede de Cooperación Local do Concello de Santiago de Compostela e conta coa colaboración do Concello e da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.
Hoxe preséntase en Abegondo o novo portal oficial do concello desenvolvido baixo tecnoloxías libres. O Concello de Abegondo está integrado na comunidade PISTA Administración Local, proxecto iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio en colaboración co Ministerio de Administracións Públicas que ten como obxectivo achegar a administración electrónica aos pequenos e medianos concellos en colaboración coas entidades supramunicipais, potenciando o uso do software libre, o reaproveitamento de código e o desenvolvemento colaborativo.
 

O portal emprega a ferramenta PISTA Local +, froito da cesión de software da Deputación Provincial de Huesca á Federación Española de Municipios e Provincias co obxectivo de ampliar as funcionalidades que ofertaba a anterior versión de PISTA Local. Para a implantación o concello contou coa asistencia técnica da empresa coruñesa CORUNET , que levou adiante o deseño do sitio, a tradución da ferramenta ao galego, e a súa personalización e adaptación ás necesidades específicas do concello. Tódolos desenvolvementos, adaptacións e melloras están á disposición da comunidade do proxecto Pista Local no seu sitio web.
 
A web coida a accesibilidade e pode accederse a ela a través de múltiples dispositivos coma teléfonos móbiles ou PDA. Pretende ser un punto de encontro entre a cidadanía e a administración local polo que conta cunha oficina virtual para potenciar a administración electrónica e permitir a realización de xestións tales coma a petición do volante de empadroamento, pedir cita co alcalde ou inscribirse nas escolas municipais, culturais e deportivas.  
 
No financiamento deste portal participaron a Consellería de Innovación e Industria a través da liña de axudas para a creación ou renovación dos portais dos concellos galegos en internet, o Ministerio de Administracións Públicas por medio dos Proxectos de Modernización Administrativa Local e o propio concello. A Deputación da Coruña colabora co aloxamento do sitio.

Red Hat acaba de lanzar unha nova versión do seu sistema operativo Red Hat Enterprise Linux 5. Entre as melloras destaca que modificaron o sistema de arquivos ext3 para soportar volumes de ata 16 TB (antes 8 TB), melloraron a implementación de SELinux, dan mellor soporte a Xen con novas funcionalidades e a arquitectura ia64, e melloraron as súas ferramentas para centros de datos, hpc e bases de datos. Pero sobre todo desde RedHat din que se mellorou o rendemento…

RHEL5 está dispoñible nas súas versións Server (dende 349 dólares) e Desktop (dende 80 dólares). A edición para servidores, chamada Advanced Platform, inclúe a solución de virtualización de Xen coa que os administradores de sistemas poderán acceder a tarefas críticas como a consolidación de servidores e o establecemento de contornas de proba seguras e protexidas.

Fonte:
http://www.press.redhat.com/2007/03/14/red-hat-enterprise-linux-5-technical-attributes/

Mancomun.orgMancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre saca a concurso a contratación de 2.000 horas de formación para impartir formación en Software Libre dirixida á PEME e á divulgación entre a sociedade en xeral. Esta iniciativa parte dos resultados do estudo realizado por Mancomun.org O Software Libre nas entidades de Galiza no que se especificaba que o primeiro obstáculo no espallamento do Software Libre era o seu descoñecemento. Este mesmo estudo sinalaba a importancia crítica de formar tanto ás empresas coma aos cidadáns neste tipo de tecnoloxía. Os pregos técnico e administrativo están dispoñibles na web do Cesga.
 

O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 9 de abril ás 14 horas. Estas deben ser enviadas a S.A.X. Cesga Avenida de Vigo, s/n (Campus Sur) 15705 Santiago de Compostela.

http://www.mancomun.org/images/stories/ooo-main-logo-2col-trans.gif Esta semana a OSL (Oficina de Software Libre) da Universidade da Coruña distribuíu por correo 100 copias da suite ofimática OpenOffice.org 2.1 localizada ao galego por Mancomun.org.

Ditas copias foron distribuídas á reitoría, vicerreitorías, secretaría xeral, decanos, directores de centro, directores de departamentos e xerencia. Tamén se considera a posibilidade de distribuír copias de OpenOffice.org entre o persoal de administración e servizos da universidade.

Esta suite ofimática é unha alternativa real á suite ofimática de Microsoft, ademais dun produto moi estable e competitivo, cousa xa sabida dentro comunidade de usuarios do Software Libre. Con esta iniciativa, a OSL pretende difundir o uso do OpenOffice.org entre os usuarios e amosar aos usuarios máis alleos ao movemento do Software Libre as vantaxes do uso desta suite (liberdade de distribución, libre de custes, formatos abertos etc.).

http://www.mancomun.org/images/stories/inestable.png Comprácenos anunciar dende Inestable que os días 5, 6 e 7 de abril de 2007 realizaremos as V Xornadas GNU/Linux de Ordes. Xa está aberta a inscrición que custará 5€, prezo que consideramos simbólico para comprometer á xente a vir e de paso colaborar na organización das Xornadas e incluirá diversos agasallos para os asistentes.

O ciclo de conferencias terá lugar en Ordes (A Coruña) nas aulas da academia Sistema (Praza de abastos, 14) e abarcará temas diversos e de diferentes niveis.

O programa provisional e a información necesaria para inscribirse poderédela atopar na nosa web

http://www.inestable.org

Un saúdo e esperámosvos, seredes todos benvidos!

http://www.mancomun.org/images/stories/gnome.png GNOME 2.18 xa saíu. Unha das contornas de escritorio máis famosas entre os usuarios. Esta versión integra unha inmensidade de melloras ao deseño visual, desempeño dos compoñentes e a crecente colección de aplicacións integradas. O navegador web e o manexador de ventás son dous bos exemplos a revisar.
 
A seguridade persoal está agora totalmente integrada no escritorio, permitindo comunicacións dixitais firmadas, cifrado de correos electrónicos e ficheiros locais, e un manexo amigable das claves persoais. A internacionalización rexistrou progresos en todas as direccións e con soporte para texto vertical. O lanzamento oficial incorpora ferramentas esenciais para desenvolvedores, co cal esperan que se obteñan máis e mellores aplicacións para os usuarios de GNOME…

Nota de prensa do lanzamento:
http://www.gnome.org/start/2.18/notes/en/ 

http://www.mancomun.org/images/stories/freeme.jpgFreeme é un gran exemplo de Cultura Libre (Free Culture). Pode ser reproducido no teu DVD da casa e no teu PC dado que ten unha distribución LiveDVD.

Que é a Cultura Libre?
A idea é sinxela: introducir no mundo tecnolóxico a idea de Free Culture e Free Software mediante software, literatura, música, fotos, vídeos, GNU e creative commons.

Fonte: OUSLI

Para descargalo tes que enviar unha mensaxe ao administrador do proxecto xa que fai un chamamento a comunidade para faceres este proxecto público no seu blogue e non ten ancho de banda suficiente para permitir tódalas descargas que ao autor lle gustaría.

http://www.mancomun.org/images/stories/exe_logo.jpgeXe (eLearning XHTML editor) é unha ferramenta de apoio aos mestres no deseño, edición e desenvolvemento de contidos para a ensinanza en liña. Esta ferramenta foi deseñada para ter un uso intuitivo e sinxelo para a creación e publicación de recursos educativos en liña. Para traballar con eXe non é necesario que o mestre teña altos coñecementos técnicos en programación. A ferramenta permite engadir aos contidos, ademais de información xeral (texto, artigos, …), recursos multimedia como vídeos, animacións e actividades. Todos os contidos poden ser ordenados didacticamente para facilitar ao alumno a aprendizaxe dos temas expostos.

Unha característica importante é a posibilidade de integrar os contidos que sexan elaborados con eXe a diferentes LMS (Learning Management System). eXe permite a edición de modo desconectado (offline).  Ademais, permite empregar ou mellorar os contidos doutros proxectos coa finalidade de producir un novo material.
 
eXe está baixo licenza GNU/GPL e traballa nos sistemas operativos: GNU/Linux, Microsoft Windows e Mac. Os contidos xerados poden ser visualizados nos navegadores Firefox (ou derivados de Gecko), Internet Explorer e Opera.
 
Está dispoñible en liña o manual de eXe (inglés) e a descarga dende eduforge.

Mancomun.orgA Consellería de Innovación, a través de Mancomun.org Iniciativa Galega polo Software Libre, colabora coas tres universidades galegas para desenvolver ferramentas informáticas de Software Libre dirixidas á PEME. O convenio asinado por estas institucións achegará máis de 70.000 euros para a realización do proxecto que dotará á PEME galega de ferramentas informáticas gratuítas dun enorme potencial e capacidade de adaptación á súa actividade económica.

A Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo, realizará un estudo sobre as solucións de Software Libre orientadas á xestión da PEME e detectará aquelas solucións máis axeitadas para o tecido industrial galego. Estas solucións implantaranse de xeito experimental en empresas para ver o seu rendemento real.

Pola súa banda o Departamento da Matemática Aplicada da Universidade de Santiago, en colaboración co Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña, centrarase na procura de aplicacións informáticas libres de simulación numérica na industria.

Estes estudos terán como resultado unha escolma de programas, na súa inmensa maioría de emprego gratuíto, e facilmente adaptables ás necesidades únicas de cada empresa. Isto só é posible dada a total dispoñibilidade do código no que está elaborado e as vantaxes que supón que estes programas estean baseados no código aberto. A Consellería de Innovación considera de importancia crítica facilitar ferramentas informáticas coa fin de integrar á PEME na nova economía e aumentar a súa produtividade.

http://www.mancomun.org/images/stories/jda-marca_junta.gifA distribución que naceu da iniciativa da Junta de Andalucía por optar polo Software Libre anuncia que ten lista a versión candidata, denominada RC1, de Guadalinex V4.

Inclúe xa o aspecto final, moi diferente ao das anteriores betas. Máis adiante complementarán o fondo do escritorio cos gañadores do actual concurso de fondos


Descarga da versión live.

Descarga da versión non live.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal